Hai unha documentación imprescindible para a mellor comprensión da historia, e nomeadamente das accións protagonizadas polas mulleres, e sería importante evitar a súa desaparición. As xornadas “A recuperación da memoria do Movemento Feminista” chamaron a atención sobre a necesidade de preservar esa documentación imprescindible para entender mellor o enfoque de xénero. Organizadas pola Comsisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as xornadas ofreceron as análises de expertas procedentes de Salamanca, País Vasco e Galicia e foron seguidas por un cento de persoas. No acto inaugural a coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Agra, salientou o traballo desenvolvido nesta materia pola institución e agradeceu a colaboración de persoas e entidades para a recolleita dos documentos relacionados co movemento feminista. Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, lembrou que este traballo empata co que veñen facendo os Arquivos da institución e fixo votos para unir pezas que “unha vez xuntas fanse visibles e cobran todo o sentido”.
As Coordinadoras das xornadas, Carmen Pérez Pais, membro da Comisión de Igualdade do CCG e profesora da Universidade da Coruña, e Mariam Mariño, falaron sobre “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia” e do traballo realizado pola Comisión de Igualdade, que en 2007 organizara as I Xornadas de Xénero e Documentación, e que ven recollendo, ordenando, poñendo en valor e difundindo esa información en www.consellodacultura.org
Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205