----

A politóloga Lisa Wedeen e o director sirio de TV Allais Hajou reflexionaron sobre a autocracia, as revoltas, a fenda na sociedade Siria e os efectos do humor en “tempos escuros”

As protestas, iniciadas en marzo de 2011 en Siria, ao abeiro da chamada “primavera árabe”, “deixaron ao descuberto unha fenda na sociedade, que se abría de maneira ostensible entre adiñeirados e desposuídos, pero que tamén viña a darlle máis complexidade a unha imaxe meramente económica do que constituía a boa vida”. Lisa Wedeen, profesora de Ciencia Política na Universidade de Chicago (EE.UU.) e especialista en Oriente Próximo, e Allais Hajou, director sirio de series televisivas de humor, protagonizaron unha nova sesión do seminario interdisciplinar O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). As intervencións sobre o tema “Ideoloxía e humor en tempos escuros. Notas desde Siria”, tiveron lugar esta tarde na Biblioteca do Consello da Cultura Galega. A politóloga analizou, da man das series de Allais Hajou, as influencias da risa “na era autocrática e de mercado en que viven uns cidadáns que saben moito da televisión de Bachar Al Asad”. “A comedia e a risa que esta provoca, afirmou, serven para levar a cabo un importante labor ideolóxico, unhas veces reforzando as convencións políticas e outras presentándolles grandes desafíos”.

Lisa Wedeen sostivo que no contexto das protestas populares en Siria “a ideoloxía actúa mantendo moita xente fóra das rúas mediante distintas formas de investimento emocional: nostalxia por unha sensación de seguranza perdida, experiencias de liberdade social, compromiso de defensa dun laicismo multicultural que protexa as minorías, a alegría de vivir fomentada pola apertura de mercados e mesmo a promesa de reformas aprazadas unha e outra vez”.

O problema plantéxase “cando o réxime vai deixando de lles garantir a seguridade económica ou existencial aos seus antigos defensores, aqueles que prevían a chegada de reformas no contexto da autocracía ou que imaxinaran que o réxime iría cedendo terreo pouco a pouco ante os individuos que tiñan ambicións democráticas, xa non albergan tales esperanzas. Os excesos do réxime contradín a súa imaxe de garante da “boa vida”, co que rompe o trato que lle permitira gobernar, se non con total apoio, coa aquiescencia de moitos dos que se beneficiaran del”.

En calquera caso, e “ante a palpable ausencia dunha oposición que apoiar -oposición que a politóloga cualificou como fragmentada- a moitos, sobre todo individuos que levan unha vida próspera nas principais cidades, Damasco e Alepo, resúltalles difícil concibir un futuro político optimista no contexto das revoltas de hoxe”.

Malia todo, as comedias de Hayu, e as súas conclusións cargadas de escepticismo, enfatizou Lisa Wedeen, invítannos a considerar as políticas de reprodución ideolóxica que, polo menos en parte, se van atopando en perigo.

Lisa Wedeen é profesora de Ciencia Política na Universidade de Chicago con liñas de investigación centradas en política comparada, Oriente Próximo, teoría política, teoría feminista e métodos cualitativos. Allais Hajou, é un dos directores de televisión máis coñecidos de Siria, autor de exitosas series como “The Lost (forgotten) Village,” Day`a, Daay`a, 2010 ou “Winds of Ruin,” Riyah al-Khirba 2011. Politóloga e realizador analizaron diversas series televisivas e a complexa relación entre ideoloxía e humor no réxime sirio.

O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente, que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2007. Este seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións mais recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta ou Bartolomé Clavero.