----

9-Xuño: Seminario “A reorganización da industria mediática e os incentivos europeos” con Robert Picard, director do Reuters Institut de Oxford

O Consello da Cultura Galega acollerá o sábado 9 de xuño un seminario de reflexión e debate sobre “A reorganización da industria mediática e as políticas de incentivos no escenario europeo”, no que intervirá Robert G. Picard, director do Reuters Institut da Universidade de Oxford (Inglaterra), un dos máis prestixiosos expertos en xestión de medios. Entregarase diploma acreditativo. O aforo está limitado a cen persoas e a inscrición debe cumprimentarse en: http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=357

O seminario comezará ás 10´15 horas coas intervencións de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Alfonso Cabaleiro, secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

Seguirá o relatorio “Políticas públicas, axudas e desafíos para a industria dos medios de comunicación e a cultura”, impartido por Joâo Paulo Faustino, profesor da Universidade de Porto (Portugal). Moderará Francisco Campos Freire, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ás 11´30 horas Robert G. Picard disertará sobre “A creación de valor e o futuro das empresas de comunicación social”. Moderará Manuel Gago, profesor da USC e director do portal cultural www.culturagalega.org do Consello da Cultura Galega.

Unha sesión de debate cos asistentes e a presentación das conclusións darán paso á clausura do seminario prevista para as dúas da tarde.