consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Que é a Mediateca do CCG?


A Mediateca é o espazo web que reúne a colección de documentos públicos do Consello da Cultura Galega. Trátase dun gran almacén multimedia no que os cidadáns pode recuperar a produción editorial da institución pero tamén un gran número de documentos audiovisuais, sonoros e gráficos. Gravacións en aberto dos congresos, conferencias, debates e intervencións de destacados expertos e especialistas galegos e internacionais sobre aspectos relevantes da cultura: desde os grandes temas do noso tempo ata a recuperación do patrimonio e a memoria de Galicia.

O obxectivo é garantir que calquera cidadán poida acceder ás actividades do Consello da Cultura Galega con independencia de onde se atope ou en que momento desexe facelo. Deseñamos unha interface amigable adaptada tanto á web como aos novos dispositivos electrónicos, sobre a que o usuario pode obter a información con rapidez, con boa calidade de reproducción e con facilidade de ser trasladada a outros dispositivos. A busca libre, a selección temática, temporal e por autores permite aos usuarios recuperar a información de acordo cos seus intereses máis específicos.

Debido á inxente cantidade de contidos do Consello da Cultura Galega, o CCG está a publicar os seus fondos audiovisuais, sonoros e gráficos, nun proceso de publicación que parte do presente e que incorporará gradualmente os contidos anteriores do CCG.

A Mediateca é un sitio en constante evolución e en construción, no que vostede ten un papel fundamental. Agradecemos calquera suxestión, corrección e mellora. Poden remitírnolas a web@consellodacultura.org.