consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

O Proxecto Sarmiento


O interese da obra de Sarmiento, na que a temática galega ten un peso incuestionable, transcende con moito os límites do noso país. Trátase dunha figura capital do tempo da Ilustración, e o seu vasto labor de experimentación e recolleita de datos senta, en moitos casos, as bases dos futuros discursos científicos.

O proxecto Obras de Martín Sarmiento, nado en 2002 no seo do Consello da Cultura Galega e dirixido polo profesor Henrique Monteagudo, coa participación dun equipo interdisciplinario de investigadores, ten como obxectivo a edición da obra inédita de frei Martín Sarmiento, a través dun proceso de localización, recuperación, transcrición e estudo, ao tempo que se leva a cabo a elaboración dun rexistro exhaustivo de fondos manuscritos. Para o labor de edición o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia asinaron no ano 2004 un protocolo de colaboración.

No ano 2002 constituíuse un Consello científico, presidido por Manuel Díaz y Díaz, no que figuran especialistas nas distintas áreas de traballo (Filoloxía, Historia, Bibliografía e arquivos, Pedagoxía e Educación, Belas Artes, Xeografía, Historia da Ciencia, Botánica, Zooloxía, Medicina e Farmacia), coa misión de asesorar o conxunto do proxecto e cada unha delas. Así mesmo, creouse unha comisión de expertos en historia das ciencias co obxectivo de estudar dun modo específico o sector científico, natural e experimental da obra de Sarmiento.

O Instituto da Lingua Galega, ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, colabora neste inxente proxecto e pon ao seu dispor, amais da infraestrutura técnica, todo o material de apoio que contribúe a que este traballo vexa a luz.

O proxecto botou andar coa elaboración dun rexistro de fondos manuscritos e dunha bibliografía de textos publicados de Sarmiento, traballo que lle deu paso á realización dun índice completo dos escritos.

A fase seguinte consistiu na localización e reprodución dos fondos, coa finalidade de crear un arquivo propio. Como base de traballo, contouse coa reprodución fotográfica dixital da totalidade da Colección Media Sidonia. Tamén se dispuxo da reprodución en microfilme da Colección Dávila (na Biblioteca Nacional) e en microficha da Colección Los Heros (da Real Academia de la Historia). Igualmente, dispúxose da reprodución en fotocopia ou fotografía (microfilme ou microficha) de todos os manuscritos autógrafos localizados e de numerosas copias de diferentes escritos.

O labor de transcrición comezou por Martinus contra Martinum (escrita en 1726), inédita, e de grande interese para coñecer os fundamentos do seu pensamento científico. Esta obra virá a lume proximamente.

Posteriormente, púxose en marcha o proceso de edición da Obra de 660 pliegos, especie de enciclopedia sarmentina en cinco tomos, redactada entre 1762 e 1766. A publicación consta da transcrición íntegra dos tomos acompañada da reprodución das figuras e debuxos que se atopan no orixinal, ilustrada cunha selección de láminas relacionadas coa temática abordada na obra e en moitos casos tiradas das fontes bibliográficas citadas polo propio Sarmiento no transcurso desta.

Aínda sendo as obras anteriormente citadas dúas das máis significativas de Sarmiento, especialmente a segunda, pola magnitude e heteroxeneidade dos seus textos, consideramos oportuno non deixar de prestarlles atención a outros títulos relevantes. De acordo con esta idea, xa foron transcritos os Códigos góticos de la Librería de San Isidro de León y del Archivo de la Catedral e o Privilegio gótico del rey don Ordoño II, entre outros escritos.

O desenvolvemento do proxecto abrangue tamén a preparación, para a súa posterior publicación, de parte da correspondencia mantida por Sarmiento con amigos que se dirixían a el para pedirlle consellos sobre un amplísimo abano de temas. Estas cartas, que resultan dun enorme interese e complementan a inxente sabedoría que contén a obra do autor, resultan de gran relevancia para calquera estudoso ou interesado no legado do bieito.

De acordo co esquema de traballo descrito, a pretensión do proxecto é a de dar ao prelo, a medio prazo, os escritos inéditos máis importantes, e a longo prazo, a totalidade da obra sarmentina.

O presente espazo web pretende ofrecer unha mostra do traballo do proxecto, atendendo en particular á difusión dos
textos de Sarmiento e os estudos sobre o autor, pero sen esquecer a faceta divulgativa. Trátase dunha iniciativa en progreso,
que irá incrementando paseniñamente os seus contidos.

Agradecementos
O texto da ‘Biografía’ de Sarmiento, escrito por Henrique Monteagudo, foi publicado na Gran Enciclopedia Galega. As imaxes e os pés de foto das seccións ‘Singradura en imaxes’ e ‘A Galicia do XVIII’ están tiradas do catálogo da Exposición ‘Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo’: as fotografías son de Xurxo Lobato, e os pés de Xosé F. Filgueira Valverde. A animación A escola das areas é unha produción de Algarabía, Lúa films S. L. e a TVG, reproducida no portal culturagalega.org do Consello da Cultura Galega. Na sección ‘Obra recuperada’ ofrecemos publicacións editadas ou coeditadas polas editoriais Galaxia e Toxosoutos, e a reprodución do autógrafo do Coloquio en coplas galegas, que se custodia na Biblioteca Nacional de España. Na sección ‘Estudos sobre Sarmiento’ inserimos catro textos das Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega, editado pola Asociación Galega de Onomástica. Agradecemos aos devanditos autores, asociacións, empresas e entidades que nos autorizasen a reprodución das correspondentes imaxes e textos.