consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


A comunicación no seu tempo
encontro | Do 30 de xuño ó 1 de xullo de 2005
Información
A interdisciplinariedade e a triangulación metodolóxica confírmanse como os grandes retos actuais para a investigación en historia da comunicación. As perspectivas histórica, profesional, lingüística, económica e social deben articularse coa intención de obter unha visión holística dos fenómenos comunicativos. Igual que a pluralidade de olladas nas teorías e nas metodoloxías, é determinante a pluralidade nos ámbitos de estudo. A posta en relación dos fenómenos locais con fenómenos producidos noutros espazos permite explicar dunha maneira global todos os chanzos que asentan o avance na historia da comunicación. Consciente destes retos e coa arela por poñer piares na historia do noso xornalismo, a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega celebrou o encontro A Comunicación no seu Tempo durante os días 30 de xuño e 1 de xullo de 2005. O evento reuniu historiadores da comunicación e da cultura que traballaron nos últimos anos en España na recuperación da memoria nos distintos soportes comunicativos e estudantes interesados na comunicación e na cultura. Así, o encontro A Comunicación no seu Tempo contou con representantes de diversos espazos xeográficos e disciplinas (histórica, lingüística, comunicativa) co obxectivo final de favorecer o intercambio de experiencias investigadoras e de aplicacións metodolóxicas. No transcurso das dúas xornadas púxose de manifestó a necesidade de apertura de liñas de investigación conxuntas, do intercambio de ferramentas metodolóxicas, a urxencia do proceso de dixitalización e da indispensable disposición do material documental na rede para facilitar o traballo dos investigadores da comunicación de diversas áreas. As intervencións que presentamos supoñen unha interesante achega para coñecer o estado da historia da comunicación en España dende a interdisciplinariedade –de áreas e espazos– e o diálogo necesario. Un encontró imprescindible para entroncar camiños de estudo e situarmos os estudos de comunicación en Galicia no discurso comunicativo europeo.

Ficha técnica
Lugar de celebración