CCG e o Instituto Camôes

Convenios.

CCG e o Instituto Camôes

Domingo, 10 de outubro de 2010
Convenios

CCG e o Instituto Camôes

Domingo, 10 de outubro de 2010
O Consello da Cultura Galega e o Instituto Camôes (Portugal) asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares). Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camöes e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Consello da Cultura Galega e Instituto Camôes consideran que ”para se promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”. Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo, especialmente o intercambio de publicacións, a organización de conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa institución”.

Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto Camôes falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.

Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No curso do encontro a Presidenta do Instituto Camôes falou sobre “Presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega na rede de centros do Instituto Camôes”.
Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da Universidade de Vigo, co relatorio “Situación actual do ensino da lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia”.
No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venancio (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ángelo Cristovâo Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua Portuguesa) Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no horizonte da diversidade.

O Consello da Cultura Galega é un organismo de carácter estatutario e autónomo que ten, entre as súas finalidades, a promoción da cultura galega no exterior.

O Instituto Camôes, baixo a supervisión do Ministerio de Asuntos Exteriores de Portugal mais con autonomía administrativa patrimonial e financeira, promove a lingua e a cultura portuguesas no exterior. Ten presenza directa en 45 países e e coopera con universidades, ministerios de educación e organismos internacionais de 73 países.
Temáticas
Ficha técnica 
Convenios.
CCG e o Instituto Camôes
Cando
Domingo, 10 de outubro de 2010
participante
Consello da Cultura Galega
Instituto Camões