consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org


Simposio Internacional sobre a obra filolóxico-lingüística de Ángel Amor Ruibal (1869-1930)
simposio | Do 15 ao 17 de decembro de 2005
Información
Hai agora cen anos Ángel Amor Ruibal, filólogo, filósofo e teólogo da entón Universidade Pontificia de Santiago de Compostela, publicou dúas obras pioneiras de Filoloxía e Ciencias da Linguaxe: os dous tomos de Los problemas fundamentales de la Filología Comparada. Su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas. Coa celebración deste Simposio internacional, a Sección de Filosofía e Pensamento do Consello da Cultura Galega quere conmemorar o centenario desta publicación, pretende situar a importancia filolóxico-lingüística do autor no marco da súa época e salientar a importancia que lle corresponde na historiografía española e europea.

Los problemas fundamentales de la Filología Comparada. Su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas (PFFC) publicáronse en dous tomos, o primeiro en 1904 (376 pp.) e o segundo en 1905 (736 pp.). Estas obras non só resumen o comparatismo decimonónico, senón que introducen en España os fundamentos epistemolóxicos do estudo da linguaxe e as súas relacións co pensamento e converten a Amor Ruibal nun dos teóricos máis relevantes nese campo; en España, sen dúbida ningunha, e tamén en Europa.

Era políglota e manexaba tanto linguas bíblicas e antigas —sánscrito, hebreo, grego, árabe, latín, siríaco, persa e copto— como modernas —español, galego, italiano, francés, inglés, alemán, etc. O coñecemento amplo de idiomas e das súas gramáticas permitíronlle facer un balance crítico, histórico e antropolóxico da estruturación sistemática e científica da linguaxe. Tales estudos, comezados aínda novo, con trinta e catro anos, precederon e acompañaron o sistema crítico e expositivo da súa filosofía e teoloxía, no que sen dúbida tiveron influencia decisiva. Foi así o primeiro filósofo e teólogo español no que este tipo de estudos cobrou profunda e orixinal relevancia.


Ficha técnica
Lugar de celebración