consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

A aprendizaxe da lingua galega no ensino non regrado de adultos


Este informe, que debe enmarcarse dentro dunha investigación moito máis ampla como é o Informe sobre Política Lingüística e Normalización de Galicia, supón un achegamento a un tema tan pouco estudiado como é o ensino non regrado da lingua galega para adultos.

Nestas últimas décadas vimos asistindo ó que poderiamos chamar unha democratización da educación. O recoñecemento universal do dereito das persoas á educación contribuirá, cando menos en teoría, a que todas as persoas, con independencia de sexo, idade, raza ou status social poidan ter acceso a unha educación digna.
Con todo, o sistema educativo actual aínda está moi lonxe hoxe en día de garantir unha educación que se poida chamar democrática. Un tratamento académico unificado para todos, sen ter en conta as desigualdades de medios e coñecementos con que se chega á escola, ó noso entender non contribúe senón a incrementar e incidir nesas desigualdades.
Pero se no ensino regrado queda moito por mellorar, no eido educativo a verdadeira materia pendente para a maioría dos países hoxe considerados “desenvolvidos” segue a ser sen dúbida a educación de adultos. Segundo C. Rosales López (1991), en 1981 a cifra de analfabetos na Comunidade Económica Europea situábase entre o catro e o seis por cento da poboación, o que viña a supor entre doce e quince millóns de persoas. Máis recentemente, en 1990, a Unesco informaba de que o analfabetismo afectaba a máis de 960 millóns de adultos. Aínda así, a maioría dos estados negábanse e néganse aínda hoxe a recoñecer e asumir estas cifras porque, entre outras moitas cousas, están a reflectir un evidente fracaso na posta en marcha das respectivas políticas educativas.
No que se refire á materia de lingua, aínda que todos os especialistas coinciden en que o ámbito académico non é suficiente por si mesmo á hora de adquirir unha competencia total nunha determinada lingua, non cabe dúbida de que mesmo no caso de linguas maternas este é decisivo para completar e perfeccionar a competencia lingüística adquirida previamente ou simultaneamente noutros ámbitos considerados naturais. No caso de linguas en proceso de normalización, coma a galega, o ensino regrado convértese nun ámbito de vital transcendencia para a supervivencia e total normalización do idioma pois en principio debería garantir a continuidade deste naquelas camadas máis novas para as que o galego deixou de ser lingua materna. Desafortunadamente, hoxe coñecemos datos que constatan que por múltiples razóns o ensino regrado non está a dar os froitos esperados.
Aínda así, como ben pode deducirse do título do presente informe, non será o ensino regrado da lingua senón o non regrado o núcleo temático desta investigación; ámbito realmente
infravalorado ó que se lle concedeu escasa importancia nos diferentes estudios sociolingüísticos que se realizaron ata o momento.
Así pois, se historicamente o ensino do galego para adultos non desempeñou un papel determinante no proceso de planificación e normalización do noso idioma, pensamos que na actualidade este é un campo que hai que ter moi en conta se o que se pretende é a plena normalización da lingua. Pensemos non só en todas aquelas persoas que nunca recibiron un ensino do/en galego, e polo tanto carecen dunha competencia plena no seu idioma, senón en todas esas outras que a pesar de teren recibido formación en lingua galega sufriron as eivas do actual sistema educativo. Parece evidente que unha actuación que abranga simplemente os diferentes niveis do sistema educativo oficial non será suficiente, xa que, ¿que pasará con todas esas persoas que xa remataron o seu período de formación, que constitúen a cerna da sociedade activa e que na súa maioría non empregan a lingua galega na súa actividade diaria, ben por teren adquirido unha serie de prexuízos ben por careceren da formación lingüística axeitada?
O que realmente urxe é a posta en marcha dun sistema educativo para adultos permanente, serio e regrado que a través dunha planificación previa cubra a total carencia de formación lingüística daquelas persoas que nunca foron escolarizadas en galego, complemente posibles deficiencias na formación daquelas outras que si o foron pero que non obtiveron os resultados desexados e, sobre todo, contribúa á ampliación de coñecementos lingüísticos no relacionado coas novas tecnoloxías ou a introducción da lingua en sectores científicos e sociais novidosos.
Neste informe, que se enmarca dentro doutra investigación máis ampla que se desenvolveu no seo do Consello da Cultura Galega, o Informe sobre Política Lingüística e Normalización en Galicia, realizamos unha primeira aproximación a este descoñecido tema do ensino non regrado da lingua galega para adultos.


Código QR para a descarga
Pérez Magdalena, Rosario
A aprendizaxe da lingua galega no ensino non regrado de adultos / Rosario Pérez
Magdalena. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, Centro
de Documentación Sociolingüística de Galicia, 2002. — 158 p. : il. ; 16,5 cm
DL X-XXX-XXXX . — ISBN 84-95415-63-1
1. Lingua galega-Informes. I. Consello da Cultura Galega. Centro de
Documentación Sociolingüística de Galicia. II. Título