consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Instrucción sucinta provisional


Esta publicación recolle a acción de dous barcos, Descubridor e Explorador, armados pola Real Compañía Marítima para a investigación e a experimentación de artes de captura no mar. Por primeira vez en España, e quizais en Europa, un barco era dotado exclusivamente para estes fins e Galicia pasaba a ser pioneira na investigación pesqueira.

A publicación da Instrucción sucinta provisional, que deberan observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, ó bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del Rey, realizada pola Fundación Museo do Mar de Galicia e o Consello da Cultura Galega, pon de manifesto a converxencia de sensibilidades en relación con feitos importantes e, como neste caso, non moi coñecidos, referentes a Galicia. Para min é motivo de satisfacción salientar a colaboración das dúas institucións nesta edición que pode abrir camiño a outras ao servizo da nosa cultura.
A Instrucción recolle a acción, singularmente importante e cobizosa, de dous barcos, de nomes Descubridor e Explorador, armados pola Real Compañía Marítima, empresa pesqueira galega fundada por Antonio Sáñez Reguart e Joaquín Hijosa, protexida polo conde de Floridablanca, para a investigación de novos caladoiros e a experimentación de artes de captura nos mares de Galicia. Por primeira vez en España, e quizais en Europa, un barco, o Descubridor, é armado exclusivamente para a investigación e a experimentación pesqueiras, no ano 1788, e deste xeito Galicia pasa a ser a pioneira nestes ámbitos, respondendo así á súa tradición mariñeira.
Como consecuencia do Tratado de Utrecht (1713) España foi expulsada dos caladoiros tradicionais de Terra Nova e do mar do Norte, polo que foi especialmente gravoso recorrer á importación do bacallau, alimento entón de primeira orde, sendo en consecuencia indispensable fomentar as pesqueiras locais, especialmente as que puidesen substituír nas súas preparacións «conservadas» tanto o bacallau curado do mar do Norte e de Terra Nova coma o arenque afumado nórdico. Nesta tarefa está a Real Compañía Marítima, que era a expresión en Galicia dunha política de Estado directamente emanada do Real Consejo de Castilla, para conseguir a substitución das importacións de bacallau e arenque afumado polo abadexo, a pescada e a sardiña, buscando as técnicas de conservación no tempo destas especies.
Esta Instrucción –lembremos que o ano da súa publicación é 1788– recolle o espírito da Ilustración en España, ás veces descoñecida, na época de Carlos III, tendo como especial impulsor ao conde de Floridablanca, secretario de Estado, quen, como bo ilustrado, estimulou a experimentación científica como base do progreso e para a solución dos problemas sociais.
Como presidente do Consello da Cultura Galega sinto especial pracer en colaborar coa Fundación Museo do Mar de Galicia nesta edición dun fito pioneiro e memorable na historia da actividade pesqueira de Galicia.
Alfonso Zulueta de Haz.


Código QR para a descarga
Instruccion sucinta provisional, que deberan observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, ó bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del Rey / edición comentada de Javier López Linage e Juan Carlos Arbex. – Ed. facs. – Vigo : Fundación Museo do Mar de Galicia ; Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2005. – LVI, 35 p. : il. ; 30 cm Reprod. facs. da ed.: Instruccion sucinta provisional, que deberan observar las embarcaciones destinadas al descubrimiento de nuevos comederos, placeres, ó bancos de pesca de altura en los mares de los dominios del Rey. Madrid : en la Imprenta Real, 1788. D.L. ISBN 84-95415-99-2 1. Pesca-S. XVIII-Facsímiles. I. López Linage, Javier. II. Arbex, Juan Carlos. III. Fundación Museo do Mar de Galicia. IV. Consello da Cultura Galega.