consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

POR UNHA NOVA CULTURA FORESTAL FRONTE AOS INCENDIOS INFORMES E CONCLUSIÓNS


Tanto o Consello da Cultura Galega como a Fundación Caixa Galicia, a través do seu Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), veñen propiciando desde hai tempo investigacións e seminarios sobre a agricultura e o sector forestal galego, con especial fincapé nunha liña de investigación relacionada co mundo rural, a valoración económica dos recursos naturais e a economía ambiental, tres eixes que consideramos fundamentais para o desenvolvemento das actividades agrarias e forestais nos próximos anos.
Nesta liña de traballo, a análise das causas e as implicacións dos incendios forestais sempre ocupou un lugar preferente. Como sabemos, os incendios forestais constitúen un problema recorrente en Galicia, con múltiples e graves consecuencias ambientais, sociais e económicas. Nos últimos anos puidemos comprobar a intensidade que pode alcanzar este problema, con perdas de vidas humanas e serios impactos sobre o noso medio, que lles afectan á biodiversidade, ao proceso
de erosión do chan ou á emisión de compostos que empeoran a composición e mais o funcionamento da atmosfera. Por suposto, a estes efectos hai que engadirlles as importantes perdas económicas, directas e indirectas, que se ven, ademais, acrecentadas pola gran cantidade de recursos que se destinan a medidas de prevención, extinción e restauración.
O libro que hoxe presentamos, froito dunha iniciativa conxunta das dúas mencionadas institucións, inscríbese nesta liña de traballo e recolle o resultado dunha serie de debates entre expertos que se organizaron despois do verán de 2006, no que a gravidade do problema dos incendios en Galicia se mostrou con toda a súa crueza. O fío condutor dos temas que se abordaron nas diferentes mesas foi a necesidade de definir e consolidar unha nova cultura forestal na
nosa sociedade como elemento indispensable de calquera estratexia para lle facer fronte ao problema dos incendios.
Confiamos en que os informes e as conclusións deste foro constitúan unha ferramenta útil que coadxuve á superación deste problema e permitan sentar os alicerces para o desenvolvemento de toda unha serie de medidas que conduzan, nun futuro non moi afastado, a que a magnitude e as consecuencias dos incendios forestais se reduzan a límites aceptables.

José Luis Méndez López
Director xeral de Caixa Galicia


Código QR para a descarga
Por unha nova cultura forestal fronte aos incendios : informes e conclusións / coordinadores, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xesús Balboa López, Xosé Luís Barreiro Rivas. — Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2007. — 254 p. ; 28 cm. — (Documentos e informes ; 5) D.L. C 3964-2007. — ISBN 978-84-96530-42-3 1. Bosques-Aspectos sociais-Galicia. 2. Incendios-Galicia-Informes. I. Díaz-Fierros Viqueira, Francisco. II. Balboa López, Xesús. III. Barreiro Rivas, Xosé Luís. IV. Serie: Documentos e informes.