Roque Carús

----

Roque Carús

1852 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) | 1910 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Roque Carús

1852- Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) | 1910 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
Un médico con inquietudes científicas
Estudou en Santiago o bacharelato e a carreira de Medicina (1870-5), e presentou a súa tese de doutoramento na Universidade Central (Madrid), en 1879. Na memoria “Idea general de la hidrología médica” (Carús, 1879), abordou o tema prioritario nas súas preocupacións científicas.
Foi profesor de diversas materias científicas en colexios da súa vila, realizou análises biolóxicas e químicas e inventou varios aparellos de física. O dominio do idioma alemán permitiulle realizar diversas traducións. Asemade, adaptou cepas de uvas híbridas, “El famoso catalán de la zona de Arousa llamado Carús” (Galdo, 1995: 320). Co gallo da súa morte, o Concello de Vilagarcía deulle o seu nome a unha praza. En abril de 2010 foron inauguradas as obras de rehabilitación da antiga casa de Carús, convertida na Casa da Memoria do municipio.

Médico hidrólogo

No contexto galego, Carús salienta polas súas contribucións no ámbito da Hidroloxía médica. Membro da Sociedade Española desa especialidade, atribúeselle a dirección facultativa do Gran balneario de la Concha. A súa produción comeza cun artigo publicado en 1881 na Ilustración gallega y asturiana, “Una Gira a los baños de La Toja”. En pouco tempo publica tres traballos nas páxinas dos Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica: “Relaciones entre la Hidroterapia y la Hidrología Médica” (Carús, 1881-1882), “La temperatura atmosférica como factor de clima” (Carús, 1882a) e “Breves consideraciones sobre la acción farmacodinámica y fisiológica de las aguas minerales” (Carús, 1882b). Posteriormente daría á luz, nunha edición costeada por el mesmo, a tradución dun texto orixinal en alemán do Dr. Julio Braum: Compendio sistemático de Balneoterapia, incluyendo la Climatología de la tisis (Carús, 1886).

O desenvolvemento da Hidroloxía médica en España foi parello coa actividade dos balnearios. En 1817 creouse o Cuerpo de Médicos de Baños, pero ata 1877 non se constituíu a entidade científica correspondente, a Sociedad Española de Hidrología Médica. Segundo Rodríguez Sánchez, 2008, esa situación propiciou que os criterios científicos da balneoterapia española estiveran dictados por individualidades e polo empirismo. E nese contexto, os médicos hidrólogos pretenderon defender a súa competencia profesional, cuestión na que intervén Carús cos seus escritos, “Reivindica el carácter científico de la hidrología mediante la investigación química de las aguas, lo que le lleva a alejarse del antiguo hipocratismo subyacente en la hidropatía” (Rodríguez Sánchez, 2008: 54).

Intereses científicos variados, o cultivo da remolacha

Xunto a hidroloxía atendeu a diversas cuestións científicas. Do seu interese pola natureza son boa mostra os minerais, animais desecados e plantas que reuniu, cos que constituíu un importante museo particular. Tamén se lle atribúe unha tradución que permaneceu inédita, a do libro de Franz Schmidt y Llaensch Introducción para la reseña y manejo de aparatos de polarización (Couceiro Freijomil, 1953).

Profesor de Agricultura na súa vila, en 1899 interesouse polas posibilidades do cultivo da remolacha para obter azucre, unha cuestión suscitada pola recente liberación de Cuba e Porto Rico e a conseguinte “perda” en España do acceso a ese produto, extraído da caña de azucre caribeña. Publicou, pola súa conta, a Monografía sobre la remolacha azucarera. Ensayo de su cultivo en algunas comarcas gallegas, especialmente en Villagarcía (Carús, 1900). O texto está dedicado aos membros do consello de administración da empresa coruñesa Azucarera Gallega, por “ser los iniciadores de la industria azucarera regional”. A empresa escollera para instalar a fábrica un lugar do Concello de Portas (Caldas de Reis) e para dirixir a sementeira da remolacha trouxeran de Alemaña ao enxeñeiro agrónomo Mr. Kanlah. Posteriormente, ese especialista tomou contacto con Carús. Coa marcha do alemán, Laureano Salgado, vocal do consello de administración da Azucarera Gallega, encargoulle a Carús “observar y estudiar el desarrollo y curso en todas sus fases vegetativas de esta interesante planta industrial a fin de poder deducir en su día las enseñanzas más provechosas para el mejor cultivo de la misma” (Carús, 1900: 10). Esa foi a orixe das experiencias e estudos que Carús recolle na monografía. No texto describe con detalle os resultados dos cultivos en catro parcelas (incluíndo ilustracións propias) e despois expón as diferentes análises que realizou. Nun segundo capítulo aborda o “Razonamiento sobre el cultivo”, onde repasa a marcha dos cultivos e as diversas circunstancias influentes nos mesmos. Conclúe que “el suelo y el clima de Galicia son adecuados a las exigencias de esta planta muéstranlo palmariamente los hechos atrás consignados” (Carús, 1900: 32) e que “el ensayo de la remolacha azucarera en algunas comarcas gallegas, y especialmente en Villagarcía, acaba de dar los resultados más satisfactorios” (Carús, 1900: 59).

O estudo do plancto da ría de Arousa

Dando mostras dunha fonda curiosidade científica, pouco despois iniciaría outro tipo de pescudas. Provisto dun microscopio Zeiss e dunha fina malla de captura, emprendeu o estudo do plancto mariño da zona de Arousa. O resultado sería o libro Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de la Ría de Arosa (Carús, 1903). O texto abrangue 175 páxinas e 14 láminas, con 293 figuras elaboradas polo autor, recollidas da observación microscópica, e unha carta xeográfica da ría de Arousa, obra do mariño Fernández Flórez. Carús, que dispuña de información sobre algúns traballos de Bioloxía mariña da época, sinala o interese do mundo microscópico para o coñecemento da evolución das especies e a riqueza pesqueira e láiase da ausencia de institucións científicas axeitadas para realizar os estudos necesarios na ría de Arousa. Describe as seis expedicións que desenvolveu para recoller microplancto na ría, ao longo de 8 estacións de recolección. A parte correspondente á microflora está centrada nas diatomeas (organismos dos que fornecía ao importante micrógrafo Ernesto Caballero, profesor do Instituto de Pontevedra). Confesa as súas limitacións taxonómicas para identificar os seres vivos observados e presenta os resultados expoñendo un resume estatístico dos seres colectados, reproducidos nas láminas.

Se consideramos o estado da produción científica da época no estudo do plancto, debemos afirmar que o valor científico do libro de Carús é cativo. Aporta pouco a posteriores pescudas porque posúe claras deficiencias, como a falta xeral de precisión nos debuxos e confusións na identificación dos seres. Opta pola descrición xeral, impresionista e intuitiva, fronte a un estudo de detalle máis rigoroso e limitado. Non pode xustificarse que nos primeiros anos do século XX o labor de estudo das formas microscópicas case se limite a constatar a variedade da vida. Nese sentido, o libro semella máis propio de primeira parte do século XIX. As deficiencias comentadas fixeron que diversos especialistas criticaran, mesmo desprezaran, o libro de Carús. Así, por exemplo, Florentino Azpeitia Moros (1859-1934), no seu libro La Diatomología española en los comienzos del siglo XX (1911), comentaba sobre as diatomeas que aparecen no texto: “sus figuras son tan deficientes, que en la mayoría de ellas no puede reconocerse ni aún el género; los poquísimos dibujos en que se encuentra semejanza con alguna de las especies más conocidas, tienen desfigurado el contorno y la escultura, y como parecen hallarse a la misma altura las demás ramas de la Historia Natural tratadas en el libro, creo que lo más prudente es prescindir en absoluto de esas citas hasta que tengan ulterior comprobación” (Azpeitia, 1911: 88).

Pero non todos os expertos coinciden con ese tipo de apreciación. Así, Fernando Gómez salienta que o libro de Carús é a primeira publicación en España que inclúe ilustracións de dinoflaxelados (Gómez, 2006), e móstrase contrario a Azpeitia ao indicar que “las ilustraciones de diatomeas de Carús Falcón sí que permiten reconocer las especies en la mayor parte de los casos, aunque sus identificaciones son a menudo incorrectas” (Gómez, 2006: 311). Sinala, ademais, que “cuando Azpeitia publica su revisión en 1911, ni siquiera un género de diatomeas planctónicas tan común como Chaetoceros había sido citado por un autor español en nuestras costas” (Gómez, 2006: 311), e afirma que “con su esfuerzo Carús Falcón fue pionero en ilustrar el microplancton marino en España” (Gómez, 2006: 311).

Unha valoración axeitada do libro esixe considerar o contexto científico concreto do autor. Carús accede ao estudo do plancto dun xeito autodidacta, sen os recursos bibliográficos adecuados e sen interlocutores competentes. O resultado é característico do esforzo dun afeccionado carente dos medios precisos e que co seu labor estaba a cubrir o impresentable baleiro no que as institucións oficiais tiñan deixado o estudo do mar de Galicia. Por iso cómpre valorar a iniciativa, esforzo de exploración e recolección desenvolvidos por Carús, que partía da ausencia de estudos previos en Galicia sobre o tema abordado. Igualmente, non podemos esquecer certo coñecemento xeral do tema, as referencias positivas, naquel tempo, ao darwinismo, e o interese polo mundo microscópico mariño.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Roque Carús Falcón, Arquivo Universidade Santiago. Serie Expedientes persoais, cartafol 213, nº 4.

CARÚS FALCÓN, R. (1879): Idea general de la hidrología médica, Tese de doutoramento lida na Universidade Central. Manuscrito de 53 follas, asinado. Biblioteca da Universidade Complutense (Depósito da Facultade de Medicina).


Fontes impresas:

CARÚS FALCÓN, R. (1881): Una Gira a los baños de La Toja, Ilustración gallega y asturiana, 27 (28 set. 1881): 321-322.

CARÚS FALCÓN, R. (1881-82): Relaciones entre la Hidroterapia y la Hidrología Médica,Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica, p. 248-251.

CARÚS FALCÓN, R. (1882a): La temperatura atmosférica como factor de clima, Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica, p. 322-324.

CARÚS FALCÓN, R. (1882b): Breves consideraciones sobre la acción farmacodinámica y fisiológica de las aguas minerales, Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica, p. 421-427.

CARÚS FALCÓN, R. (1887): Compendio sistemático de Balneoterapia, incluyendo la Climatología de la tisis, por el Dr. Julio Braum. Cuarta edición publicada por el dr. B. Fromm del Consejo Real de Sanidad, primer balneólogo de Norderney y profesor práctico de Berlín. Traducido directamente del alemán por D. Roque Carús Falcón. Individuo de la Sociedad Española de Hidrología Médica, Villagarcía de Arosa: Imprenta, Librería y Encuadernación de Ladislao Rodríguez.

CARÚS FALCÓN, R. (1900): Monografía sobre la remolacha Azucarera. Ensayo de su cultivo en algunas comarcas gallegas, especialmente en Villagarcía, La Coruña: Imp. Vda. de Ferrer e Hijo.

CARÚS FALCÓN, R. (1903): Los misterios de la Naturaleza. Investigaciones sobre el microplakton de la Ría de Arosa, La Coruña: Imp. Vda. de Ferrer e Hijo.


Bibliografía secundaria:

AZPEITIA MOROS, F. (1911): La diatomología española en los comienzos del siglo XX, Madrid : Imprenta de Eduardo Arias.

COUCEIRO FREIJOMIL, A.(1951-54): Diccionario Biobibliográfico de escritores, Santiago: Bibliófilos gallegos.

GALDO, F. (1995): Introducción a la historia de las aguas minerales de Galicia, O Castro (Sada): Ediciós do Castro. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

GÓMEZ, F. (2006): Historia de las investigaciones sobre dinoflagelados marinos en España, Llull, 29: 307-329.

RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, J.A. (2008): La hidroterapia naturista y la oficialista: oposición y estrategias ante la introducción de la hidroterapia en España (siglos XIX-XX), Medicina Naturista, 2, 2: 52-57.