Augusto María Casas Blanco

----

Augusto María Casas Blanco

1906 Ourense | 1973 Barcelona
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Augusto María Casas Blanco

1906- Ourense | 1973 Barcelona
Poeta vangardista, sendo mozo deu os seus primeiros pasos ao redor dos homes de Nós. Naceu en Ourense o 25 de xaneiro de 1906. Era irmán do escritor e axitador cultural Álvaro de las Casas, fillos ambos de Antonia Blanco Nieto e do avogado José Casas González. Entre 1916 e 1923, Augusto María estudou no instituto de Ourense onde cadra con profesores como Salvador Padilla, Joaquín Núñez de Couto, Marcelo Macías e, moi probablemente, con Ramón Otero Pedrayo que conseguira praza no centro como docente en 1921. Ao rematar o ensino medio, trasládase a Santiago de Compostela onde se licenciará en Dereito. Nos anos universitarios empeza a darse a coñecer como poeta en revistas e xornais, entre eles El Compostelano, Vida Gallega e El Pueblo Gallego. Con dezanove anos publica o seu primeiro libro, un poemario en castelán titulado Alma triste. Rosario de sonetos líricos (1925). Editado en Ourense con elegante portada de Julio Prieto Nespereira, reúne un feixe de composicións formalmente moi traballadas.

Nos anos de formación en Compostela comparte angueiras culturais con mozos algo maiores ca el, entre os que lembrará con especial agarimo a Correa Calderón, Fermín Bouza Brey e Luís Amado Carballo. Compaxina os estudos cos faladoiros no café Español que frecuentaban Carlos Maside e Augusto Assía e con actos públicos como o que tivo lugar en marzo de 1926, no restaurante El Asesino, onde leu uns versos de homenaxe a Lois Tobío Fernández. Naquela alegre xuntanza estaban tamén Martínez López, Magariños Negreira, Filgueira Valverde e Bouza Brey.

Apenas un mes antes, en febreiro de 1926, Augusto María ingresa no Seminario de Estudos Galegos coa lectura de «Festa no ceo e na terra», versos que, ben poucos meses despois, o 25 de xullo de 1926, aparecerán publicados no número 31 da revista Nós. Esta será a súa primeira colaboración coa senlleira publicación.

Ese mesmo ano idea con Cándido Fernández Mazas, que acababa de regresar de París onde coñecera a Tristán Tzara, a colección Galaxia; segundo apunta Ricardo Carballo Calero, esta colección foi precursora da editorial do mesmo nome que iniciará a súa andaina nos anos 50. En Galaxia, cuxa dirección se localiza na propia casa familiar dos irmáns Casas Blanco, aparecerán tan só dous pequenos caderniños. Co número 1, a novela O Purgatorio de don Ramiro de Ramón Otero Pedrayo, asinada en xullo de 1926, e co número 2, Muiñada d´estrelas, unha breve narración en prosa de ton lírico, de Augusto M.ª. Ambos volumes, coidadosamente imprentados en La Región, aparecerán con debuxos de Xohán Rafael, pseudónimo do propio Fernández Mazás. No derradeiro dos exemplares anúncianse publicacións de Amado Carballo, Florentino López Cuevillas, Eugenio Montes e Vicente Risco. Infelizmente nunca chegaron a imprentarse.

En 1927 trasládase a Madrid para preparar as oposicións que o habían converter en funcionario no Ministerio da Gobernación. Na capital, asiste aos famosos faladoiros sabatinos de Ramón Gómez de la Senra, no café Pombo. Coñece alí o ultraísmo e outros movementos vangardistas e comparte entusiasmo co seu veciño ourensán, tamén participante no faladoiro, Eugenio Montes, en cuxa homenaxe, no hotel Roma de Ourense, lerá uns versos en agosto de 1926, para felicitar ao culto profesor que acababa de gañar a cátedra do Instituto de Cádiz.

Nesa mesma altura, Augusto M.ª gaña un certame sobre música galega que se tiña organizado en Ourense cun xurado integrado por Salvador Padilla, Marcelo Macías, Jaime Pérez Colemán e Otero Pedrayo. Fíxose co segundo premio por un traballo titulado «Gaiola de leenda», o primeiro recolleríao Fermín Bouza Brey con «Civitas Aurea». O día 26 de xuño de 1927 celebrouse no Teatro Principal da cidade a gala de entrega de premios, actuou como mantedor Basilio Álvarez.

Militante activo das vangardas líricas galegas e moi próximo ao grupo ourensán de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, Casas publica, en 1932, na editorial Nós que dirixía Ánxel Casal en Santiago de Compostela, o seu primeiro poemario en lingua galega, O vento segrel, coetáneo de Señardá (1930) de Aquilino Iglesia Alvariño, de Vieiros(1931) de Ricardo Carballo Calero ou de Mar ao norde (1932) de Álvaro Cunqueiro. O noso autor, membro do que se ten dado en chamar Xeración do 25 ou Xeración das Vangardas, converterase naqueles anos nun dos máis afervoados defensores do papel anovador dos mozos fronte ao traballo literario dos autores de máis idade. Este seu primeiro volume en galego, encadrado dentro do hilozoísmo, recorre efectivamente a técnicas vangardistas e contén imaxes innovadoras pero é, en conxunto, un poemario paisaxista redactado en versos e estruturas clásicas.

En marzo de 1936, consolidada a súa fama como poeta e como xornalista, comeza a asinar unha sección de Crónicas Parlamentarias no xornal El País: diario republicano de la tarde. Tras o remate da Guerra Civil, en 1941, Augusto María Casas trasládase a Barcelona onde ocupa un posto de responsabilidade no Ministerio da Gobernación. En 1948 figura como un dos socios fundadores do Centro Galego daquela cidade, a cuxas instalacións acode con frecuencia e con cuxo presidente, o tamén poeta e escritor en galego Manuel Casado Nieto, mantiña unha estreita relación de amizade.

A comezos de 1950 recibe, no porto de Barcelona, o seu irmán Álvaro que tras catorce anos fóra de España, desde o inicio da guerra, regresa, enfermo, desde Río de Xaneiro. Álvaro falecerá ao pouco de chegar, o 8 de marzo de 1950, e o seu irmán decide que os seus restos sexan trasladados a Sabucedo de Montes (Ourense) onde descansa na actualidade.

Ese mesmo ano aparece Isa folla solta que vai polo río, no que o poeta abandona o vangardismo e se adscribe á estética saudosista. Nesa mesma liña está Cántigas da noite moza, tamén de 1950, publicado en Pontevedra, na colección Benito Soto, no que predominan o lirismo e o sentimentalismo. Doce anos despois aparecerá Alén, na colección Salnés da editorial Galaxia con prólogo de Ramón Otero Pedrayo. En 1965, na mesma colección, aparece Servidume da Treva, un feixe de poemas nos que predominan a angustia e o desamparo e nos que o saudosismo se volve máis acedo e escuro. Contén un poema dedicado a Cuñá Novás, precursor da chamada Escola da Tebra.

En castelán, en verso, publicou Panal y flor (1927) con prólogo de Manuel Machado e unha escolma de poesía titulada Las mejores poesías de Rosalía de Castro. En prosa, asinou en 1950 un libro de relatos titulado La tierra del alma y otros cuentos e unha colección de biografías: Alí-Bey. Vida, viajes y aventuras de D. Domingo Badía (1943), El Papa Luna (1944), Alí-Bey el Abasí en Marruecos (1944) e Fray Junípero, el Apóstol de California (1949).

Augusto María Casas Blanco faleceu en Barcelona o 22 de Nadal de 1973. Cinco anos despois, a súa viúva, Aurora Valpole, doa a biblioteca do seu home ao Centro Galego da cidade condal.

Bibliografía


Alonso Girgado, L., Fariña Miranda, M. (2003): «Limiar», en O vento segrel, A Coruña, Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Clemente, R. (1963): «Augusto Casas evoca sus tiempos de estudiante en Compostela», La Noche, 20/3.

Publicacións nas que participou Augusto María Casas Blanco

Materiais de Augusto María Casas Blanco

Documento. Artigo

Artigo «Hora do leitor. Dende a servidume da tebra»

Artigo de Arcadio López Casanova repasando a traxectoria de Augusto Casas. Apareceu en El Progreso o 7 de novembro de 1964.
Documento. Artigo

Reportaxe «Nuestro lenguaje literario es un auténtico juego de palabras nuevas. Augusto Casas evoca sus tiempos de estudiante en Compostela»

Entrevista de Ramón Clemente publicado na sección «Gallegos en Barcelona» de La Noche o 20 de marzo de 1963
Documento. Artigo

Artigo «Algo se lee. Libros de Galicia en 1955»

Artigo escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, apareceu a páxina completa o 6 de xaneiro de 1956 en La Noche. Vai ilustrado con oito retratos de autores galegos, a maioría fotografías, outros debuxados ou pintados.
Documento. Artigo

Artigo de Fernández del Riego sobre Augusto Casas, biográfo de Frei Junípero Serra

Lorenzana, Salvador [F. Fernández del Riego]: «Augusto Casas», La noche, (25 de novembro de 1949). Vai ilustrado cun retrato debuxado co pé de imaxe «Fray Junipero Serra».
Documento. Artigo

Artigo «Un gran poeta gallego: O vento segrel por Augusto María de las Casas»

Recensión xornalística, do autor e do seu libro, que inclúe o «Romance da moza do mal amor»
Documento. Artigo

Artigo «Una historia de Galicia. Ramón Villar Ponte. Una historia sintética de Galicia»

Artigo de Augusto María Casas sobre Ramón Villar Ponte e o seu libro Historia sintética de Galicia
Documento. Artigo

«El certamen de música en Orense»

Nota publicada en El Compostelano na que se anuncia que Fermín Bouza Brey obtivo o primeiro premio no certame de música de Ourense co tema «Civitas Aurea» e Augusto María Casas recibiu o segundo premio polo traballo «Gaiola de leenda»
Documento. Artigo

Artigo «La obra de Ramón Otero» por Augusto María Casas

Artigo publicado en Vida Gallega o 20 de outubro de 1926
Documento. Artigo

Artigo «Bibliografía Regional»

Breve nota dando conta da aparición do proxecto de Galaxia
Documento. Artigo

Artigo sobre unha homenaxe a Eugenio Montes

Titulado «Un acto simpático y cordial. Ayer se le tributó a Eugenio Montes un homenaje de admiración», este artigo recolle a homenaxe que se lle tributa a Eugenio Montes no Hotel Roma de Ourense cando aproba a cátedra. Vai ilustrado cunha caricatura de perfil non acreditada. Incorpora un poema de Augusto María de las Casas.
Documento. Artigo

Artigo «Merecido homenaje a Tobío Fernández. La cena de anoche»

Homenaxe a Lois Tobio no restaurante Asesino de Compostela dos seus compañeiros de estudos. Reprodúcese no artigo unha poesía de Augusto María de las Casas [sic], el poeta nuevo, el sonetista de Alma Triste.
Documento. Artigo

Artigo «Merecido homenaje a Tobío Fernández. La cena de anoche»

Homenaxe a Lois Tobio no restaurante Asesino de Compostela dos seus compañeiros de estudos. Reprodúcese no artigo unha poesía de Augusto María de las Casas [sic], el poeta nuevo, el sonetista de Alma Triste.
Documento. Artigo

Artigo «Crónicas Gallegas. Ramón Villar Ponte, educador de el pueblo»

Artigo de Augusto María Casas sobre Ramón Villar Ponte e o seu libro Historia sintética de Galicia
Documento. Artigo

Artigo «Alma triste. Rosario de sonetos por Augusto María Casas»

Artigo asinado por T. aparecido en El Compostelano o 11 de novembro de 1911
Documento. Artigo

Artigo «Os nosos artistas: o pintor Fernández Mazas»

Artigo de Augusto María Casas Blanco

Artigos

FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (3/1951) Nuevos versos y canciones. Galicia [Bs As 1930]. (1139), 7.
Mencións: Xosé María Álvarez Blázquez ; Luís Amado Carballo ; Augusto María Casas Blanco ; José Macía ;