DIRECTORIO
Centro de prensa
Salón de Actos
Noticias
Boletín
Centro de Ideas
Seccións
Congresos

Correos

Historia
Lexislación
Composición
Mediateca
Convocatorias
SCR
Exposicións











Alfonso Zulueta de Haz

Licenciado en Dereito e de profesión notario, Alfonso Zulueta de Haz entrou en 1996 a formar parte do Pleno do Consello da Cultura Galega e en 17 de abril de 2002 foi nomedo presidente do CCG, cargo que desenvolveu ata o 20 de abril de 2006.

Foi relator no anteproxecto realizado polo Consello da Cultura Galega para a Lei de Dereito Civil Galego e nos Congresos de Dereito Civil Galego entre 1972 e 1985. Exerceu como profesor no Curso de Dereito Galego na Universidade da Coruña e no de Especialización do mesmo Dereito, e así mesmo ten pronunciado conferencias sobre este tema, especialmente aos profesionais de Dereito. Foi membro da Corte arbitral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo.

Fundador e primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969), tamén foi o fundador e primeiro presidente do Padroado de Educación e Cultura de Gaucin (Málaga), cidade onde exerceu por primeira vez como notario. Este organismo foi creado para contrarrestar o paro estacional que padecía esta comarca a través da preparación das persoas para exercer outro tipo de empregos distintos aos agrícolas. Tamén ocupou o cargo de vicepresidente do Cine - Club de Pontevedra entre 1962 e 1976. Foi ademais presidente do Consello Social da Universidade de Vigo (1996-2003).

Rector do Colexio Maior Universitario para Graduados "César Carlos" de Madrid entre 1955 e 1956, ocupou o cargo de secretario do Comité Hispano-Británico de intercambio entre as Universidades de Madrid e Oxford nos mesmos anos. Posteriormente foi o fundador e primeiro vicepresidente do Partido Galego Social Demócrata (1974-1978) e persoeiro do Partido Galeguista.

O cargo de presidente do Consello da Cultura Galega compatibilizouno co de vicepresidente primeiro e membro do Consello de Administración de Caixanova; fundador e presidente da Fundación Tutelar Galega para Minusválidos Psíquicos Sálvora; fundador e membro do Padroado e Asesor Xurídico da Asociación Juan XXIII para Deficientes Psíquicos; fundador e presidente da Fundación Pedras Vivas; presidente da Editorial SEPT (Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos), responsable da tradución e a publicación da Biblia en galegos desde as lingua orixinais; vicepresidente da Fundación Penzol; conselleiro da Editorial Galaxia; Académico de Honra da Academia de Lexislación e Xurisprudencia de Galicia; membro da comisión para a constitución da Fundación Gonzalo Torrente Ballester e vocal do seu padroado; vocal da Fundación Wenceslao Fernández Florez e do Padroado da Confederación Española de Fundaciones, entre outros cargos.

Por último, indicar que Alfonso Zulueta foi distinguido coa primeira clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e coa Medalla Castelao.

 

 

Consello da Cultura Galega, 2006
Inicio | Historia | Lexislación | Seccións | Mediateca

Centro de prensa | Salón de Actos | Noticias | Boletín de novidades | Centro de Ideas

Xornadas e Congresos| Correo | Aviso legal

Pazo de Raxoi, 2º Andar
15705 Santiago de Compostela - Galicia - (España)
Tfno: 981 957202 | Fax: 981 957205