|
PLENO
Ernesto
Viéitez Cortizo, Real Academia Galega de Ciencias
Nado
en Pontevedra o 20 de agosto de 1921, Licenciado en Farmacia pola
Universidade de Santiago en 1942 e Doutor pola Universidade de Madrid
en 1946, ampliou estudios nas universidades de Londres, Lisboa,
Cambridge, Holanda, Francia e Portugal, entre outras.
Investigador
científico do CSIC, en 1949 pediu o traslado á Misión Biolóxica
de Galicia, onde foi xefe da Sección de Fisioloxía Vexetal ata 1957.
Profesor de Investigación do CSIC (1971), ocupa o cargo de conselleiro
de número do CSIC desde 1969. Catedrático de Fisioloxía Vexetal
na Universidade de Santiago (1957-1987), decano das Facultades de
Ciencias e de Bioloxía da USC, director do Departamento de Fisioloxía
Vexetal na mesma universidade; desempeñou distintos cargos no CSIC
como o de director do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas
de Galicia, e director do Instituto de Orientación e Asistencia
Técnica.
Participante asiduo de congresos e seminarios nacionais e internacionais,
ocupou o cargo de presidente na Sociedade Española de Fisioloxía
Vexetal, na Federación Europea de Sociedades de Fisioloxía Vexetal
e na Federación Galega do Deporte Universitario. En 1987 foi alcalde
de Santiago e, desde 1978, é presidente da Real Academia Galega
de Ciencias, institución que representa no Consello da Cultura Galega,
do que forma parte desde a súa creación.
Entre
os premios e distincións que recibiu destaca o Premio Extraordinario
pola tese de doutoramento en Farmacia, os premios Juan de la Cierva
(1947) e Alonso de Herrera (1954), do CSIC, o Premio de Investigación
Deputación Provincial de Pontevedra 1972 e 1976 e o Premio de Investigación
Xunta de Galicia en 1992. Viéitez Cortizo está en posesión da Encomenda
Alfonso X El Sabio, da Medalla de Prata ó Mérito Deportivo, da Cruz
do Mérito Naval de 1ª clase e da Medalla de Ouro de Salvamento,
entre outras.
Autor
e coautor de 166 traballos científicos, dos cales 74 tratan sobre
o castiñeiro, dirixiu 125 memorias de licenciatura e 42 teses
de doutoramento, formando o "Grupo de Santiago del Castaño". Coñecido
internacionalmente polos seus traballos sobre a Fisioloxía e Estructura
molecular da rizoxénese do castiñeiro, desde a súa
xubilación anticipada en 1987, e organizou cursos da Real Academia
Galega de Ciencias en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. En xullo
do 2000 foi presidente de honor do VII Symposium de Fisiología
Vexetal realizado en Santiago.
|