|
PLENARIO
Instituto
de Lingua Galega
FRANCISCO FERNÁNDEZ REI
Naceu en Fefiñáns
(Cambados) o 30-11-1952. Graduouse
en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago
de Compostela e doutorouse (1979) coa tese O verbo. Contribución
á dialectoloxía galega, a primeira que se presentaba
en lingua galega na facultade de filoloxía compostelá.
Catedrático
de Filoloxía Románica (1992) da Universidade de Santiago
de Compostela, deu conferencias sobre o galego moderno en universidades
de Estados Unidos e Alemaña. Investigador
do Instituto da Lingua Galega (desde 1973 á actualidade),
onde forma parte do equipo que está a redactar o Atlas
Lingüístico Galego. É responsable do Arquivo
do Galego Oral (1992) do citado Instituto.
Participou na
recollida do material dos puntos do dominio galego do Atlas Linguarum
Europae e do Atlas Lingüístico de España
y Portugal, e pertence ó comité galego do Atlas
Linguistique Roman. Como membro do ILG é corredactor
das Bases prá unificación das normas lingüísticas
do galego (1977). Formou parte da comisión da Mesa prá
Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA), que
redactou as Normas ortográficas e morfolóxicas
del galego de Asturias (1990). Foi
membro fundador de Escola Aberta (1978) e da Asociación de
Traductores Galegos (1984). Membro do consello de publicacións
como Verba. Anuario Galego de Filoloxía, Cadernos
de lingua, Citania. Artes, letras, espectáculos
e Luenga e Fablas e A Trabe de Ouro. Publicación
galega de pensamento crítico.
Membro numerario
electo da Real Academia Galega (1997), membro do Patronato do Museo
do Pobo Galego (1998), membro do plenario do Consello da Cultura
Galega en representación do ILG (1999), membro do comité
científico da Sotziedade Internatzionale de Limba Sarda (1999)
e conselleiro de honra do Consello d'a Fabla Aragonesa (1999).
Coordinou e
organizou congresos e xornadas sobre o galego e outras linguas románicas
minorizadas (sardo, occitano e asturiano) e redactou diversos artigos
sobre o galego en distintas revistas especializadas e noutras publicacións.
É coautor da entrada "Galego" da Gran Enciclopedia
Gallega (1980) e da entrada "Galego" da Enciclopedia
Galega Universal (2003).
Sobre as variedades
do galego oral publicou o libro Dialectoloxía da lingua
galega (Premio Antón Losada Diéguez de Investigación,
1990); o audio-libro A Nosa Fala. Bloques e áreas lingüísticas
do galego (1996), en colaboración con Carme Hermida;
coordinou e redactou o vol. I Morfoloxía Verbal do Atlas
Lingüístico Galego (1990, Premio da Crítica
1991 de Investigación) e o vol. IV Léxico. Tempo
atmosférico e cronolóxico (2003), á vez
que colaborou no vol. II Morfoloxía non verbal (1995)
e no vol. III Fonética (1999).
Sobre a posición
do galego, as linguas románicas e a súa minorización
publicou moi diversos traballos, entre outros, "Posición
do galego entre as linguas románicas" (1988), "A
'questione della lingua galega'" (1991) , "La place de
la langue galicíenne dans les clasifications traditionnelles
de la Romania et dans les classifications standardalogiques récentes"
(1993), "As linguas románicas minorizadas e o seu futuro
na era da globalización" (2003) e "Minorización
lingüística na Unión Europea: a situación
do galego" (2003).
Verbo da elaboración
do galego moderno e da lingua literaria publicou, entre outros traballos,
"A elaboración do galego moderno. Contribución
da traducción galega de I promessi sposi de Manzoni a este
proceso" (1998), Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e
o mar de Arousa. Dúas singraduras na construcción
dun idioma para unha patria (discurso de entrada na RAG en 1999),
"A lingua medieval e a súa importancia na elaboración
do galego moderno" (2001), "Moita costa, pouco mar: o
léxico mariñeiro e a construcción do estándar
galego" (2003) e "O mar e a poesía galega. Singraduras
na construcción da patria da lingua" (2003). Publicou
moi diversos artigos sobre a situación do galego de Asturias,
León e Zamora e editou Lingua e cultura galega de Asturias
(1994), e sobre o "galego" de Cáceres é
autor de "As falas de Xálima e a súa relación
coa lingua galega" (2000).
Polo que respecta
ós traballos sobre outras linguas románicas minorizadas
ocupouse do aragonés ("El aragonés, lengua románica
(re)emergente", 1999), do sardo ("Lingua, cultura e política
en Sardeña. A sociedade e a lingua sarda nas Lettere dal
carcere de Antonio Gramsci", 1999) e da situación sociolingüística
da República Italiana ("A situación das minorías
étnico-lingüísticas da República Italiana",
2001; "Italia: marco legal e situación lingüística",
2003). Con A. Santamarina editou a monografía Estudios
de sociolingüística románica. Linguas e variedades
minorizadas (1999).
|