|
PLENO
Xosé
López García, membro electo
Naceu en Cirio, concello de Pol (Lugo) aínda que actualmente
reside en Santiago de Compostela, onde ocupou o cargo de decano
da Facultade de Ciencias da Comunicación desde 1997 ata 2004.
Licenciado en Ciencias da Comunicación, sección de Xornalismo,
pola Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade
Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Santiago, alternou
a súa faceta como xornalista coa de docente durante longo tempo.
Foi redactor durante vinte anos en medios de comunicación galegos
como A Nosa Terra (dous anos), El Ideal Gallego (dous
anos) e La Voz de Galicia (dezasete anos). Neste último diario
chegou a ocupa-la delegación de Santiago durante oito anos. Correspondente
en Galicia de Cinco Días, Actualidade Agragia e El
Temps, entre outros medios, completa a súa tarefa xornalística
coas colaboracións en Antena 3 Radio, Ondas Galicia e Radio Voz.
Como docente, ocupou en 1984 o cargo de Profesor colaborador no
Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e
tamén foi profesor colaborador en cursos organizados pola Consellería
de Educación (1985-1986). Profesor asociado de periodismo na Universidade
de Santiago entre 1992 e 1996 e titular desde ese ano, Xosé López
coordina o grupo de investigación Novos Medios e dirixe o
Observatorio de Ciberxornalismo de Galicia, grupos creados para
a investigación na universidade.
Coordinador do Informe da Comunicación en Galicia, membro
do Plenario no Consello da Cultura Galega e coordinador da Sección
de Comunicación, é autor de diversos libros: A prensa local e
comarcal na Galicia do século XX (1992), Detrás da prensa
popular ( 1995), O papel das publicacións locais na Galicia
de fin de século (1990-1993), A Comunicación en Galicia (1998),
A reportaxe de prensa en Galicia (1998), Comunicación
e Información Escrita (1999), A prensa no terceiro milenio
(2000), así como outras publicacións feitas en colaboración.
|