|
PLENO
Víctor
Fernández Freixanes, membro electo
Profesor titular
da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Víctor
F. Freixanes (25 de agosto de 1951) é doutor en Filoloxía
Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, universidade
na que tamén se licenciou en Filosofía e Letras en
1973 e realizou estudios de Xeografía e Historia. Sen embargo,
as súas inquietudes levárono a comezar a estudiar
Xornalismo na Complutense de Madrid, cidade na que tamén
traballaría como correspondente de Galicia e Portugal para
o xornal Informaciones.
Xornalista,
investigador, docente, empresario,... as actividades que desenvolve
Freixanes son amplas e moi diversas. Durante case nove anos estivo
exercendo como profesor no ensino medio, onde chega a catedrático
numerario de Bacharelato no INB Santo Tomé de Freixeiro,
en Vigo. A partir de que se lle concede a Excedencia Voluntaria,
pasará a exercer labores de docencia na Universidade de Santiago
de Compostela, primeiro como profesor asociado e logo como titular
da Facultade de Cc. Da Información da USC (1992), facultade
na que tamén dirixe cursos de doutoramento.
Xornalista en
Radio Galicia - Cadena Ser, Cope- Vigo e colaborador nos xornais
El Correo Gallego, La Voz de Galicia ou Faro de
Vigo, Víctor F. Freixanes é membro do Consello
da Cultura Galega desde 1983, primeiro como responsable da Área
de Lingüística do CCG, sección na que xestionou
a edición de numerosas publicacións (Galicia sen
libros. Informe sobre a realidade editorial galega, O galego
na Universidade, O idioma galego na Igrexa, etc. ) e
máis tarde como membro da Comisión Técnica
de Comunicación do Consello da Cultura Galega. Desde xullo
de 2002 forma parte do Pleno do CCG como personalidade electa.
Membro do xurado
do Premio de Novela Gonzalo Torrente Ballester, do xurado do premio
Xulio Camba e secretario do Premio de Xornalismo de Opinión
Roberto Blanco Torres, entre outros cargos, a obra literaria de
Freixanes tamén é ampla e distinguida e de entra ela
destaca a narrativa. A caza das cascudas, 1980 (premio de
narrativa curta Modesto R. Figueiredo, O triángulo inscrito
na circunferencia , 1982 (Premio Blanco Amor, premio da Crítica
Galega, premio da Crítica Española en lingua galega),
O enxoval da noiva, 1988 (premio da Crítica Galega
e da Crítica Española en lingua galega ou a Cidade
dos césares, 1993 (premio Torrente Ballester), son algunhas
delas, aínda que tamén é autor de numerosos
ensaios e estudios de carácter literario e de investigación
sendo a obra colectiva Galicia, unha luz no atlántico,
un dos seus últimos traballos como coordinador da publicación.
Ademais da súa
faceta como traductor ou como director de cursos e seminarios, cabe
destacalo como empresario de comunicación, ámbito
no que desenvolveu relevantes cargos: Director Xeral de Edicións
Xerais de Galicia (entre 1989 e 1993), director da División
de Edicións do Grupo Anaya (1994- 1998), Director Xeral de
Alianza Editorial, S.A (1994- 1998) e, desde xullo de 2002, Director
Xeral da Editorial Galaxia, en substitución de Carlos Casares.
|