|
PLENO
Francisco
Río Barja, membro electo
Licenciado
en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago e doutor en
Xeografía pola Universidade de Madrid (1953). O seu labor docente
desenvolveuse tanto na Facultade de Xeografía, onde foi colaborador
e compañeiro de D. Ramón Otero Pedrayo, como na Escola Universitaria
de Maxisterio, da que foi catedrático de Xeografía e director.
Como profesor especializado, foi contratado polo Instituto de Ciencias
da Educación para organizar e dirixir uns vinte cursos de perfeccionamento
sobre Didáctica da Xeografía. En 1985 a Consellería de Educación
encargoulle a realización da adaptación para Galicia dos
"programas de Educación Primaria" que se dispensaron en tódolos
grupos escolares.
É autor de máis de 50 traballos sobre xeografía de Galicia,
entre os que destacan os seguintes libros: Bibliografía económica
de Galicia (Vigo, 1960), Cartografía Xurisdiccional de Galicia
no século XVIII (Santiago, 1990), Os ríos galegos. Morfoloxía
e réxime (Santiago, 1992), Galicia, esa descoñecida (1999),
Estudio económico, histórico e artístico de Villalba (inédito).
Ten participado en numerosos congresos e reunións científicas, tanto
nacionais como estranxeiros, e ocupa o cargo de membro numerario
da Real Academia Galega, da Academia de Ciencias de Galicia e do
Instituto Galaico-Miñoto. Foi director do Instituto de Estudios
Galegos Padre Sarmiento e é membro como personalidade electiva do
Consello da Cultura Galega.
No campo da investigación recibiu o Premio Valle Inclán e Alfredo
Brañas do Centro Galego de Buenos Aires, o Primeiro Premio do Departamento
de Seminarios de Lugo; o Premio Galicia de Investigación; o Castelao,
da Xunta; e o Trasalba, da Fundación Otero Pedrayo.
|