Intervención de Javier de la Cueva
Publicamos a intervención do avogado Javier de la Cueva:
Dúas presentacións que faltaban
Dúas presentacións que aínda non se subiran ao blog:
“ Dereitos de autor e marco legal en Internet“, por Víctor Salgado. (en Power Point)
“Sindicación de contidos. Cando é a información a que vén a ti“, por Amador Loureiro (en zip e Open Office) (36 mb)
As mesas da tarde
As mesas da tarde do EnBlogs xuntaron a dez blogueiros que explicaron o proceso de construción e concepción dos seus respectivos blogs. Deste xeito, falaron:
Manuel Bragado, Miguel Vila, Isaac Cordal, Mónica André, Berto Yáñez, Catuxa Seoane, Paulo Querido, María Yáñez.
De colexios invisibles, blogs e Blogosfera”, presentación de Catuxa Seoane (en PDF)
debates no EnBlogs’06
Sindicación de contidos, cando é a información a que vén a ti (Amador Loureiro)
Amador Loureiro falou da sindicación de contidos, un instrumento que permite “que a información veña a ti“, en troques de ir buscar a información. A sindicación de contidos (rss, rdf, atom…), a través de múltiples procedementos (algúns realmente sinxelos, como bloglines), permite un rápido acceso a unha gran cantidade de fontes, a actualización automática de contidos, a eliminación de elementos superfluos (como a publicidade), e un acceso uniforme e unificado no espazo.
As diferenzas que presenta este novo xeito de navegar sen navegar, o xml fronte ao html, é a primacía do fondo sobre a forma, o que fronte ao como, a acción fronte a pasividade, a elección fronte á proposición.
A sindicación de contidos está moi lonxe de estar totalmente estendido no noso país e aínda non ofreceu todas as posibilidades que pode presentar. No futuro fica a posibilidade da bidireccionalidade, e outros novos usos que poida xerar a comunidade.
Así pois, unha sesión técnica para rematar a mañá. Tras o xantar, as mesas redondas da tarde.
A demografía de blogs en Galicia e Portugal (Silvia Canabal e Manuel Pinto)
Silvia Canabal, do grupo de investigación da USC Novos Medios presentou os datos dun estudo realizado polo seu grupo sobre o perfil dos blogueiros galegos, do que destacou a constatación de que o blogomillo é unha comunidade que tende lazos (links, neste caso) entre cada un dos seus membros. O estudo tamén sinala un dato ben interesante, como a extensión media dos posts realizados nos blogs galegos, que se sitúa por debaixo dos mil caracteres no 60% dos casos (aínda que con excepcións). Este censo reflicte asemade que os blogs do blogomillo aínda non son multimedia e menos do dez por cento deles inclúe vídeo ou audio (aínda que o estudo foi realizado en xaneiro e a situación muda mes a mes). Como conclusión, Silvia salientou o papel que poden estar tendo os blogs na galeguización das webs feitas en Galicia, até o de agora maioritariamente en castelán.
O estudo pode ser descargado aquí
A seguir, o profesor Manuel Pinto contounos como está a blogosfera en Portugal. Tras un repaso histórico, dende o pioneiro Macacos sem Galho (1999), aos históricos Abrupto e O meu Pipi (2003), Pinto deu conta da explosión experimentada en 2003 e 2004, coa celebración do Primeiro Encontro Nacional sobre Weblogues.
Pinto reflexiounou (e pediu reflexión) sobre diversos asuntos relacionados coa blogosfera, coma por exemplo os propios requisitos para poder falarmos sobre a existencia desta blogosfera (non é só unha cuestión cuantitativa, senón que os redes deben ser un corpo orgánico e funcionar en rede), en que medida os blogues representan un alargamento da esfera pública, como ocorren os procesos de lexitimación e consagración dos blogues, como os bloges modifican o campo mediático, e o seu papel na construción da memoria colectiva, como arquivo da historia contemporánea.
Como conclusión, Pinto aifrmou que en Portugal os blogs perderon xa o encanto da novidade e se atopan en “velocidade de cruceiro”, o que permite xa facer unha selección do malo, o bo e o mellor.
Presentación de Silvia Canabal (Grupo de Novos Medios) da USC (en power point)
Resumo executivo do estudo: “A blogosfera en galego: demografía, usos e contidos” (en PDF)
Estudo completo (en PDF)
Dereitos de autor e marco legal en Internet (Víctor Salgado e Javier de la Cueva)
Víctor Salgado explicou as principais modificacións que vai estabelecer a nova directiva europea sobre dereitos de autor, que vai solucionar parte dos baleiros legais agora existentes, como por exemplo o dereito de posta a disposición. Até agora, é legal a reprodución sen autorización dunha obra xa divulgada, sempre que sexa para uso privado e sen ánimo de lucro. Coa modificación da directiva, agora só vai ser legal a reprodución da copia orixinal.
Salgado falou asemade do paradoxo que se crea ao cobrarse un canon ou remuneración polas copias privadas (que automaticamente as legaliza), e ao mesmo tempo seguir falando de piratería ou de copias ilegais. A situación chega a absurdos tan grandes como que as propias empresas de fabricación de software teñan que pagar un canon polos cedés que empregan para facer copias dos seus propios produtos.
A seguir, Javier de la Cueva comezou a súa intervención falando de que os dereitos de autor non é un dereito fundamental, senón ordinario (doutro xeito deberían estar protexidos por unha lei orgánica).
En canto ao copyleft, fundamentado na cesión por parte dos autores ao publico dos dereitos de copiado, reprodución e distribución, garantido polo artigo 17 da Lei de Propiedade Intelectual (LPI). De la Cueva criticou a este respecto que esta LPI funcione ao revés que o resto do ordenamento xurídico: que prohiba o que non está expresamente permitido. De la Cueva critica que os poderes económicos se enfronten ás novas tecnoloxías abertamente, dificultando o seu desenvolvemento. Internet é copia, por natureza, o mesmo que a imprenta, e introduce un uso promiscuo das obras. De la Cueva explícao moi graficamente: “si usted es músico y no quiere que copien sus canciones, no sea músico”. A arte é difusión.
De la Cueva pide, finalmente, que se analice criticamente a situación, e que se forme un tecido social para xerar masa crítica que obrigue ao sistema político a mudar a situación, fuxindo das presións do sistema económico.
Como medra a sociedade blog (Fernando Garrido)
Fernando Garrido está rematando a súa intervención, que se centrou no perfil dos blogueiros e nas características desta cibersociedade en crecemento.
Quizais non sexa a cantidade de blogueiros (sobre cen mil en todo o Estado Español) o máis interesante, senón as súas características cualitativas, que está a mudar: os usuarios da internat están deixando atrás actitudes e usos máis pasivos (recepción, consumo…) para adoptar unha posición máis activa (emisor, produción…). Para Fernando Garrido este salto “pode marcar o paso á madurez dun país no campo da sociedade da información“.
Malia á curta vida deste fenómeno, o perfil dos blogueiros está a ser estudado dende hai un tempo. Podemos destacar os datos publicados en calidonia.blogspot.com por F. Neira, e tamén os propios estudos de F. Garrido, a través do Observatorio da Cibersociedade.
Segundo este estudo, os blogueiros galegos son homes (60%), pero nunha proporción moi inferior á media do Estado Español (72%), que nos achega ás cigras norteamericanas, son moi novos (máis que no resto do Estado), e empregan a banda ancha moi maioritariamente (79%). Son xente experimentada na rede e cun acceso moi estendido ás novas tecnoloxías. Máis da metade levan menos dun ano no blogomillo, o que dá conta do crecemento exponencial desta comunidade. ¿E as motivacións? Segundo este estudo, as principais razóns para ter blog non son utilitaristas e entre elas predomina o “poder expresarse libremente”.
Para Fernando, en Galicia aínda non se produciu a grande explosión do fenómeno blog, que el calcula que terá lugar o vindeiro ano. Como conclusión, Fernando coincide con Marcus Fernández en que o futuro da cibersociedade pasa pola converxencia de tecnoloxías e formatos e pola ubicuidade.
Como remate desta sesión, asistimos a un breve debate entre F. Garrido e F. Neira (Calidonia), autores dos dous estudos mencionados. E á intervención de Marcus Fernández, que apuntou a posibilidade de que os blogs poidan ter unha influencia decisiva nas eleccións locais da vindeira primavera.
Presentación de Fernando Garrido
Coffee-time
O futuro dos Blogs (Marcus Fernández)
Marcus Fernández, webmaster de Código Cero vén de rematar a súa intervención, que abre o encontro.
En 50 minutos fixo un repaso polas orixes, presente e futuro dos blogs. Tras uns apuntamentos iniciais sobre os elementos básicos que compoñen un blog: estrutura, funcionamento, terminoloxía (tags, blogrolls, trackback, rss…), percorreu a curta e vertixinosa historia dos blogs, dende 1997, momento no que Jorn Barger apunta o termo weblog por vez primeira, o 2003, ano da grande efervescencia do fenómeno, derivada da Guerra do Iraque, até o momento actual, cando a popularización dos blogs fai que nos plantexemos que pode obrigar a modificar mesmo a forma de facer xornalismo.
A clave, segundo Marcus, é a facilidade de edición e a creación de sinerxías entre redactores e lectores. E como sempre, o que importa finalmente é o contido, que o que se publique interese aos lectores.
Até aquí o presente, cando o blogomillo superou xa os 1000 blogueiros.
Pero vivimos na era dos multimedia. Marcus falou tamén de fotologs, audioblogs, moblogs (mobileblogs), vlogs, que se espallan pola rede grazas ao nacemento de servidores para hospedar vídeos e arquivos de audio. A gran pregunta é ¿canto durarán? Servidores como Youtube non sacan proveito económico deste servizo.
Ao redor dos blogs tamén se desenvolven servizos novos, como correctores ortográficos, a posibilidade de publicar en blogger dende o word. Todo comezou con posts de texto, pero as necesidades son creadas pola creatividade dos usuarios.
Hoxe xa temos servizos como Dailymotion, ou Varsity World, que permiten colgar multimedia en vivo, directamente dende a nosa webcam, acurtando etapas e vencendo á preguiza. Tamén temos o bloggersnap, co que podemos publicar comentarios con foto, ou o Broadcatching, co que xa non é necesario subir os arquivos a un servidor, senón que estes funcionan a traves de redes p2p. Do mesmo xeito, Freenet busca evitar a censura e a intermediación das empresas a través destas redes peer to peer.
O futuro, para Marcus, é a colaboración en liña, os sistemas de edición colaborativa, e a integración con sistemas de mensaxería instantánea, que pode converter aos audiologs en programas de radio en directo. O futuro é pois o sincronismo, oposto aos arquivos editados, a multimedia fronte ao texto, e o intercambio de arquivos, en oposición aos servidores.
Para Marcus, a tecnoloxía futura é transparente. ¿E que pasará cos blogs? O termo seguirá existindo mentres non se invente outro que defina un fenómeno análogo.
Podedes consultar a súa intervención aquí: Presentación de Marcus Fernández en Power Point
Isto comeza…
Vai dar comezo ENBLOGS’o6, coa inauguración a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, presidente do Consello da Cultura Galega.
Ás 10 será o turno de Marcus Fernández, que nos falará sobre o futuro dos blogs, e sobre as últimas tendencias tecnolóxicas asociadas a eles.



