En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.

A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.

No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso ‘Mil e un Cunqueiros’. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.

Presentado o Programa Provisional do congreso

Xa podes consultar o Programa provisional do Congreso, e a partir do mércores 15 de xuño está dispoñible a preinscrición na seguinte páxina:

Chamada para a presentación de comunicacións

O Congreso celebrarase entre os días 28 de setembro e 1 de outubro de 2011, con sedes na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A presentación de propostas de comunicacións deberá facerse antes do 31 de marzo de 2011. As propostas deben enviarse seguindo o modelo que se adxunta aquí e enviarse a congreso.cunqueiro@consellodacultura.org.

A presentación de propostas de comunicacións é libre mais, como ámbitos de interese preferente, suxírense os seguintes:

1. Cunqueiro e as tradicións literarias universais
2. Cunqueiro e o seu tempo
3. Achegas biográficas
4. O popular en Cunqueiro
5. A cuestión dos xéneros literarios na obra de Cunqueiro
6. Cunqueiro e as poéticas da modernidade
7. A recepción da obra cunqueiriana
8. As artes plásticas e escénicas dialogan con Cunqueiro
9. Cunqueiro nos medios de comunicación
10. Cunqueiro noutras linguas, Cunqueiro e outras linguas

A Comisión Organizadora, co asesoramento da Comisión Científica, será a encargada de revisar as propostas recibidas, e antes do 15 de maio de 2011 seleccionará as admitidas e comunicarao ás persoas interesadas. Para a exposición oral do relatorio no Congreso cada participante disporá dun máximo de 20 minutos.
A lingua oficial do Congreso será o galego. Admitiranse tamén comunicacións en calquera das linguas de uso habitual na comunidade científica.

No Congreso repartirase entre os participantes un CD con ISBN cos textos das comunicacións admitidas que sexan entregados antes do 15 de xullo. Ademais todos os textos entregados antes do 30 de outubro estarán dispoñibles no sitio web consellodacultura.org. A organización resérvase a posibilidade de publicar unha selección destes textos en formato libro.

Para a redacción dos textos seguiranse as normas de edición adxuntas neste documento.

TARIFAS DE INSCRICIÓN:

O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con
ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta:

NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172

-Inscrición con comunicación: 40 euros.
-Inscrición sen comunicación: 20 euros.
-Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.

Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.

CALENDARIO PARA A PRESENTACIÓN DE COMUNICACIÓNS E INSCRICIÓN DE ASISTENTES

Envío de propostas de comunicación
Até o 31 de marzo

Selección das propostas e comunicación de aceptación
Até o 15 de maio

Inscrición de asistentes (con ou sen comunicación)
Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro

Entrega previa dos textos para a publicación en CD
Até o 15 de xullo

Datas do congreso
Do 28 de setembro ao 1 de outubro

Entregarase diploma acreditativo de participación no congreso, emitido polo Consello da Cultura Galega

Para acadar o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.

Organización

Comisión Científica
Xosé Luís Axeitos (Real Academia Galega)
Basilio Losada (Universidade de Barcelona)
Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña)
Camino Noia (Universidade de Vigo)
Craig Patterson (Asociación Internacional de Estudos Galegos / Universidade de Cardiff)
Aldo Ruffinatto (Asociación Internacional de Hispanistas / Universidade de Torino)
Anxo Tarrío Varela (Universidade de Santiago)
Elias Torres Feijó (Associação Internacional de Lusitanistas / Universidade de Santiago de Compostela)
Darío Villanueva (Real Academia Española / Universidade de Santiago de Compostela)

Comisión Organizadora
Manuel Forcadela (Universidade de Vigo)
Teresa López (Universidade da Coruña)
Dolores Vilavedra (Universidade de Santiago)