RAMÓN PIÑEIRO LÓPEZ
Trala creación do CCG, unha das personalidades máis egrexias
e que máis fondamente influíron na vida política e cultural de
Galicia no século XX, é elixido como primeiro presidente
da institución.
Ramón Piñeiro
López naceu na parroquia de Armeá en Láncara (Lugo) no ano 1915.
Desde mozo interveu no movemento galeguista e xa en 1932, en plena
II República, entra en relación con círculos galeguistas lucenses,
cos que participará na fundación da Mocidade Galeguista local.
Ó ano seguinte
asiste á Asemblea do Partido Galeguista, onde establece amizade
con senlleiras figuras como Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Castelao
e Gómez Román e foi secretario do Comité Provincial para o Estatuto
de Autonomía de 1936. Trala Guerra Civil interveu na política
galeguista clandestina e foi detido durante tres anos. Unha vez
en liberdade e en vista das poucas posibilidades de que se produza
un cambio de réxime, Piñeiro tenta unha reorganización do galeguismo
en dúas frontes. Por un lado mantén a estructura clandestina do
movemento e, por outra banda, inicia unha vía legal tendente á
afirmación de Galicia como pobo nas conciencias das novas xeracións.
Difundi-la
cultura na posguerra
Con
esta intención funda en 1950 a Editorial Galaxia, na que traballou
ata 1966, data en que se trasladou a Estados Unidos como profesor
da Universidade de Middlebury. Galaxia será a empresa de difusión
cultural galega máis significativa durante a posguerra e Ramón
Piñeiro converterase neses anos nun "mestre espiritual" para a
mocidade daquela época. En novembro de 1967 ingresa
na Real Academia Galega, respondendo ó seu discurso Domingo García-Sabell.
Coa restauración
democrática e o inicio do proceso autonómico, o seu nome soa moito
como candidato á presidencia da Xunta, feito que non se chega
a materializar, maiis o seu traballo foi de crucial importancia
de cara á consecución do actual Estatuto de Autonomía, e mesmo
chega a ser elixido deputado pola provincia da Coruña como independente
nas listas do PSdG-PSOE.
En 1983 converterase,
por elección dos seus membros, no primeiro presidente do Consello
da Cultura Galega, como público e merecido recoñecemento a unha
das personalidades máis egrexias e que máis fondamente influíron
na vida política e cultural de Galicia no século XX.
O 27 de agosto de 1990 morre Ramón Piñeiro López en Santiago de
Compostela a consecuencia dunha grave insuficiencia hepática.