DIRECTORIO
Centro de prensa
Salón de Actos
Noticias
Boletín
Centro de Ideas
Axenda
Congresos

Correos

Historia
Lexislación
Composición
Seccións
Mediateca
Convocatorias
SCR
Exposicións










UN OBXECTIVO DE MOITAS XERACIÓNS <<<VOLVE
Pola defensa da cultura galega

En 1983 nacía unha institución chamada á defensa e promoción dos valores culturais propios de Galicia


"Corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade e mediante lei do Parlamento, constituirase un Fondo Cultural Galego e o Consello da Cultura Galega". Así rezaba o artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia que os galegos aprobaron en decembro de 1980. A entidade que debía cumprir os obxectivos fixados no Estatuto tiña nome moito antes de nacer.

Dous meses despois de aprobada a Lei, o conselleiro de Cultura, Vázquez Portomeñe presidiría a reunión que daría lugar á constitución do Consello da Cultura Galega. Nela decidiuse que institucións debían integrar o Consello e, pouco despois, votáronse as dez personalidades máis sobresaíntes da cultura galega. O 3 de novembro de 1983, os elixidos e os representantes das entidades reúnense e, finalmente, dánlle corpo e cara ó Consello.

É a primeira Comisión Executiva, constituída por Constantino García, Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero e Agustín Sixto Seco. A partir de aí, caen os anos, as reunións, os logros, as publicacións,... Algúns dos persoeiros que se integran nese ilusionante proxecto deciden baixarse en marcha, outros continúan aínda hoxe.

O Consello alcanza os seus primeiros obxectivos. Consegue unha sede nunha casa en mal estado na rúa do Vilar, celebra o seu primeiro Congreso, contrata funcionarios e as primeiras publicacións ven a luz: O galego no ensino público non universitario, A igrexa e a lingua e Galicia sen libros: Informe sobre o libro galego. Era o ano 1987.

Relevo na presidencia
Tres anos despois o Consello afronta un duro golpe. A morte do seu primeiro presidente, Ramón Piñeiro, o 27 de agosto de 1990, coloca a Xosé Filgueira Valverde á fronte da difícil tarefa de asenta-lo Consello como entidade cultural independente dos poderes políticos, un obxectivo polo que Piñeiro amosou un particular afán. A desexada independencia logra un gran paso adiante cando, en xullo de 1994, o Consello se traslada a unhas instalacións máis apropiadas para un organismo estatutario ó mesmo nivel xurídico que o Parlamento.

Trátase do segundo andar do Pazo de Raxoi, reformado e acondicionado nun proxecto do arquitecto Pedro de Llano. O Consello da pasos importantes cara á súa consolidación. En 1993 superaba por vez primeira os 100 millóns de pesetas de orzamento, cartos que anunciaban proxectos máis ambiciosos como o do Arquivo Sonoro de Galicia ou o do Arquivo da Emigración Galega, ademais de exposicións, relatorios e encontros nos diferentes ámbitos da cultura galega.

Carlos Casares, novo presidente
A medida que o Consello vai crecendo tamén se lle van esixindo máis cousas. Para algúns é fundamental que exerza o seu labor de informador e asesor da Xunta e do Parlamento galego. Outros cren que o Consello será percibido como un apéndice da Xunta se nón provoca unha profunda reflexión crítica, actuando como conciencia de Galicia no inmenso mundo da cultura.

Nacen as disensións no seno do Consello e algúns abandonan, desencantados. Filgueira Valverde xa non pode seguir moderando o debate aberto na cultura galega: o 13 de setembro de 1996 morre ós 89 anos de idade. A reelección é difícil pero finalmente o escritor ourensán Carlos Casares é nomeado como novo presidente do Consello, cargo no que foi reelixido no 2000. O 9 de marzo de 2002, Casares falecía e o 17 de abril elexiríanse a Alfonso Zulueta, que ata entón ocupaba o cargo de vicepresidente da institución, como novo presidente, chamado a continuar coa labor de Casares.

Nova etapa
Nestes últimos anos ábrese unha nova fase na que interesa definir e ampliar novos campos culturais que van nacendo co paso do tempo. Son novas inquedanzas que antes non existían, como Internet e as novas tecnoloxías. En 1999 retransmitíase por vez primeira unha conferencia á través da páxina web que o Consello abriu na rede.

En outubro do ano seguinte, o portal cultural www.culturagalega.org ve a luz, coa pretensión de achegar a cultura galega ós cidadáns e difundila a nivel internacional. Nese camiño o Consello segue a dar pasos, coa intención de crear espacios para investigadores e ir aumentando a presencia do galego entre os sectores de poboación ós que unha institución como o Consello da Cultura Galega resultaríalle moi difícil chegar, obxectivo que se pretende conseguir co sitio www.consellodacultura.org
.





 


Consello da Cultura Galega, 2006
Inicio | Historia | Lexislación | Seccións | Mediateca

Centro de prensa | Salón de Actos | Noticias | Boletín de novidades | Centro de Ideas

Xornadas e Congresos| Correo | Aviso legal

Pazo de Raxoi, 2º Andar
15705 Santiago de Compostela - Galicia - (España)
Tfno: 981 957202 | Fax: 981 957205