Próximos eventos

Xullo

23

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, en Bós Aires

A exposición itinerante NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN, organizada polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, foi inaugurada o día 23 de xullo na Delegación da Xunta en Bós Aires (Arxentina), onde poderá visitarse ata finais de agosto. 

Pode descargar o libro da exposición dende a Mediateca do Consello da Cultura Galega

Set

18

Foro de debate “Creación artística e identidades culturais”

Os días 18 e 19 de setembro, en sesións de mañá e tarde, o Consello da Cultura Galega reunirá o foro de debate “Creación artística e identidades culturais” co obxectivo de estudar a situación da cultura contemporánea desde o punto de vista das artes visuais. Coordinado por María Luísa Sobrino e con Pedro de Llano Neira como secretario, o foro é o cuarto dos seis programados este ano para conmemorar os 25 anos da institución (1983-2008).

Noticias

Subidos á mediateca novos libros para descarga

Ó igual que fixemos cos audios que tiñamos gardados no noso arquivo, chega o momento de sacar á luz aqueles libros que, tempo atrás, estiveron publicados na rede; pero deixaron de estalo temporalmente coa aparición dun novo deseño para o portal corporativo: consellodacultura.org. E para que teñades material para ler este verán, o Consello da Cultura Galega pon á súa disposición a seguinte lista de obras, que se poden descargar dende a mediateca, para que as poidan disfrutar indepedentemente do lugar onde se atopen.

Escoite os novos audios das conferencias colgadas na mediateca

Dende o Consello da Cultura Galega seguimos co labor de poñer á disposición do público todo o material co que contamos. Nesta nova entrega publicamos os audios de varias conferencias que se realizaron nesta institución ó longo do ano 2007 e o que levamos do 2008 dos ciclos “Palestras Maxistrais” e “Os sentidos das Culturas”. Agora, pódese acceder dende a Mediateca deste portal á conferencia de Alberto Ruíz de Samaniego, dentro do ciclo “Os Sentidos das Culturas”, sobre “Sentir doutra maneira. Unha lección Nietzshceana sobre a arte e a cultura”; a conferencia que Darío Villanueva impartiu sobre “A cultura, da galaxia Gutenberg á galaxia Internet”, tamén dentro do mesmo ciclo; a conferencia de José Antonio Gómez Segade, dentro do ciclo “Palestras Maxistrais”, sobre “Quo vadis ius mercatorum? (Especial atención aos camiños da propiedade intelectual)”; e a conferencia de Guillermo Rojo, dentro do mesmo ciclo sobre os seus “Corenta anos de investigación en lingüística”.

Presentamos a web dedicada ás Escolas da Emigración

escolasnoticia.jpg

Escola Blanco de Lema, en Cee (A Coruña)

O Consello da Cultura Galega, no marco dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, acaba de pór en marcha un proxecto que xa se atopa en fase de avanzada execución e que trata de inventariar todas as escolas que os emigrados na América construíron na nosa terra. O proxecto está dirixido polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Peña, e levado a cabo polo Arquivo da Emigración Galega. A súa finalidade é recoller os aspectos máis salientables que caracterizan ás escolas: a súa localización xeográfica, o estado de conservación, a descrición arquitectónica, os servizos educativos que posuían, etc., ao tempo que se procurará recuperar a documentación histórica relacionada coas escolas (programas docentes, rexistros escolares, expedientes de construción…), todo isto complementado cun ilustrativo álbum fotográfico e iconográfico.