Competencias do Consello da Cultura Galega
O Consello
da Cultura Galega é un organismo que, lonxe de interferir coas
institucións existentes (Xunta de Galicia, ou as representadas
no seu Pleno), asume unha responsabilidade de grande trascendencia
respecto do papel da cultura no futuro de Galicia.
O Consello ten como obxectivo a consideración da realidade cultural
presente desde unha perspectiva integradora, para, unha vez coñecidos
o seu panorama global e as súas características concretas, sometelo
a unha rigorosa reflexión, de tensión prospectiva, marcando as
liñas básicas que poden orienta-la necesaria acción integradora.
Recuperación da cultura propia
Na medida das súas posibilidades, o Consello tenta ofrecerlle
ó país galego un esquema ben fundamentado das necesidades e das
opcións con que conta para forxa-la plenitude da súa personalidade
mediante a recuperación da cultura propia, aínda que aberta ó
diálogo coas outras culturas da humanidade, e especialmente coas
do noso contorno europeo e peninsular.
Competencias
Tendo en conta
as premisas anteriores e, de acordo co regulamento da Lei do Consello,
as competencias desta institucións son:
a) Fomenta-la lingua e a cultura galegas en canto creacións
orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza
que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio
que cada xeración debe arrequentar.
b) Investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego,
tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os productos
máis valiosos tanto da cultura propia coma da universal.
c) Analizar cantas cuestións se refiran ó patrimonio cultural
galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa
preservación, ó seu estudio, á súa valorización e á súa difusión.
d) Promover actuacións culturais adecuadas ós seus fins,
tales como a organización de congresos, seminarios, conferencias
ou exposicións, a creación de grupos de pescuda, reflexión ou
debate, o establecemento de arquivos ou centros de documentación,
a elaboración de estudios ou informes, ou a realización de publicacións.
e) Asesorar e consulta-los poderes públicos da Comunidade Autónoma,
especialmente aXunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén ás
deputacións e concellos, e outras institucións.
f) Elevar ós poderes públicos da Comunidade Autónoma informes
e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais
galegos.