Proemio


Coa publicación do libro “Os instrumentos musicais na tradición galega” de Pablo Carpintero Arias, Xoán Ramón Marín Martínez, dáseme a mellor oportunidade para dar probas do vínculo necesario entre competencia institucional –neste caso da Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo a través do proxecto Ronsel– e da Administración –Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e Axencia Galega de Desenvolvemento Rural– para a investigación e a difusión do patrimonio cultural inmaterial. Esta colaboración non só é necesaria para lle dar un apoio eficaz aos nosos investigadores e ás nosas investigadoras, tamén o é para crear vínculo social, para divulgar a nosa cultura, deluvando os seus tecidos básicos.

Nun sistema patrimonial tan diverso como o de Galicia, o instrumentario musical constitúe un dos tecidos máis importantes e, sen dúbida, un dos máis espectaculares. Para levantar o catálogo do monumento patrimonial dos instrumentos musicais foi preciso elaborar outro monumento de investigación, de paixón e de esforzo, e tamén se cadra de audacia. O lector ou a lectora ten entre as mans este monumento.

O noso país é un país de inventios, de redescubrimento e de transformación, e, certamente, de inventos. Inventar é achar, dar con algo e realizalo por primeira vez, anovar con toda a forza da imaxinación creadora. Por outra banda, o pouso xurídico da noción de inventario atinxe series de obxectos que han ser legados “porque se supón que os seus donos morreron” para recoñecer a natureza e a diversidade do legado antes de redistribuílo ou transformalo. Mais non chega con esta interpretación. Así, malia a súa vertente xurídica, o termo e a noción de inventario aséntase nun dos grandes, e xa antigos, principios da cultura escrita: a lista, é dicir a organización gráfica do pensamento en columnas. Representar visualmente series de elementos permite catalogalos, comparalos entre eles ou con outras listas e, sobre todo, teorizar, modelizar experiencias e alimentar o poder da imaxinación mediante posibilidades de lectura infinitas. Os instrumentos musicais na tradición galega presenta daquela un conxunto de inventos e enxeños, á vez que un legado patrimonial.

Atento ás orientacións da UNESCO, promotora da Convención pola salvagarda do patrimonio inmaterial, o proxecto Ronsel preocúpase por constituír unha base de inventario sen a cal non sería posible propoñer -ningunha posta en escena nin acción de salvagarda do patrimonio inmaterial galego. A UNESCO pon actualmente a súa énfase nas operacións de inventario a escala mundial, o cal significa desenvolver unha reflexión sobre as estratexias de inventariado dos bens inmateriais, sobre a utilidade social dos sistemas de clasificación e adecuación aos sistemas mundiais, a adaptación das metodoloxías científicas, a accesibilidade dos bens repertoriados e a súa reintrodución nos circuítos sociais, económicos e culturais. Desde esta perspectiva, co saber facer dos seus autores e coa abraiante diversidade dos bens repertoriados, Os instrumentos musicais na tradición galega é unha auténtica obra de referencia.

O rigor científico da obra e o seu rexo espiñazo metodolóxico non agachan a súa dimensión humana: como imos ver, os instrumentos musicais galegos non só se describen dende o punto de vista técnico, non só pola súa feitura, nin a súa natureza expresiva, senón tamén polo espírito inventivo dos seus intérpretes. Os instrumentos musicais son a sintaxe material dunha linguaxe sen a cal sería imposible concibir a lingua, cos seus usos e as súas variantes, a capacidade de adaptación aos medios naturais e sociais, ou fenómenos como a entoación ou a xestualidade.

Neste libro vemos –mellor dito tocamos– os instrumentos musicais desde o punto de vista de quen os interpreta. Xa que logo, non é unicamente un catálogo de instrumentos. Atrévome a afirmar que é unha enciclopedia das posibilidades de facer calquera cousa de maneira diversa, con calquera medio, pois instrumento e persoa comparten un mesmo corpo, e as descricións dos dispositivos son de feito descricións de persoas enleadas á orde vexetal ou ao cosmos no que se insiren, quen botándolle man á madeira, quen á cana, ao ferro, á corna, ou ao aire. O patrimonio expresado polos instrumentos ten o privilexio –iso si, esixente– de expoñerse ao xuízo e ao criterio de toda a sociedade, e de calquera persoa, de aquí ou de acolá, que comparta espazo nun espectáculo ou nun ritual local. Os sons patrimoniais insírense profundamente no imaxinario colectivo, mesmo e sobre todo aqueles producidos polos instrumentos musicais máis pobres, aparentemente menos elaborados, que atopan nesta obra a súa dignificación definitiva. Pódese dicir que funda a historia de cada instrumento e inscríbeo na cultura contemporánea.

Por todo isto, esta creación de Pablo Carpintero Arias e Xoán Ramón Marín Martínez é, sen ningunha dúbida, a dádiva que a cultura galega lle debía ao patrimonio instrumental universal, e por todo isto xamais daremos agradecido o traballo dos seus autores.

Decembro de 2009

Iván Area Carracedo

Vicerreitor de Relacións Institucionais

Coordinador xeral do Proxecto Ronsel

Universidade de Vigo

Patrocinadores e colaboradores