Tambores de marco

Se ata agora estivemos a falar dos tambores cilíndricos, tradicionalmente masculinos, entramos agora a tratar aqueles que pertencen fundamentalmente ás mulleres dentro do noso sistema de cultura tradicional: os tambores de marco. Estes instrumentos musicais son, xunto ao canto, as manifestacións musicais máis propiamente femininas do noso sistema de cultura tradicional. Son considerados como instrumentos musicais propiamente ditos, pois se ben carecen do don da melodía, fabrícanse para un uso exclusivamente musical: acompañar o canto feminino, do que forman parte consubstancial. Estes cantos foron o soporte fundamental do baile tradicional xunto coas melodías da gaita de fol, instrumento ao que tamén os tambores de marco acompañan por veces.

A feminidade do canto tradicional galego é unha peculiaridade da nosa música tradicional xa observada por Fr. Martín Sarmiento na súa obra Memorias para la historia de la Poesía y Poetas Españoles, e sabiamente louvada e repetida por José Filgueira Valverde na introdución ao cancioneiro de Casto Sampedro 1:

«Además de esto he observado que en Galicia las mujeres, no sólo son poetisas sino músicas naturales. Generalmente hablando, así en Castilla como en Portugal y en otras provincias, los hombres son los que componen las coplas e inventan los tonos o aires y así se ve que en este género de coplas populares hablan los hombres con las mujeres o para amarlas o para satirizarlas. En Galicia es al contrario. En la mayor parte de las coplas gallegas hablan las mujeres con los hombres; y es porque ellas son las que componen las coplas, sin artificio alguno, y ellas mismas inventan los tonos o aires a que las han de cantar, sin tener idea del arte músico»

Dito sexa de paso, a importancia capital das mulleres na nosa música tradicional non remata nos seus cantos, pois detrás de cada gaiteiro, símbolo por antonomasia da nosa música, adoita a agacharse unha nai ou unha avoa que o instruíu de neno na arte da música coas súas cantigas, consellos e sensibilidade. Así, as mulleres galegas, fortes, temperadas, abnegadas e traballadoras, forman sen dúbida o piar mestre da nosa música de tradición, unha das pedras angulares do feito diferencial galego.

Dentro dos tambores de marco galegos todas as especies que imos describir son tamén consideradas como chatas, pois a altura do marco non é maior que a cuarta parte do diámetro da membrana, podendo ser unimembranófonos se teñen unha soa pel (pandeiretas, pandeiras e pandeiros redondos) ou bimembranófonos se teñen dúas (pandeiros cadrados). Todos eles pertencen ao grupo 211.31 “Membranófonos de marco sen mango” da clasificación de Hornbostel e Sachs e como veremos, a excepción do pandeiro cadrado, son todos tambores circulares que comparten, seguramente, unha orixe común.

Todas as denominacións dos tambores de marco galegos que imos ver conteñen a raíz pand- que deriva do adxectivo latino PANDUS (galego pando) que significa curvo, redondo 2, de aí que seguramente en orixe a denominación pandeiro se aplicase unicamente a un instrumento redondo, pero esta historia contarémola despois de describir as especies que se empregaron durante o século XX, momento no que faremos un intento de reconstruír a historia dos tambores de marco en Galicia.

Ver notas
  1. [1] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación “Pedro Barrie de la Maza, Conde de Fenosa”. A Coruña, 1982; p.30.
  2. [2] Información de Xosé-Henrique Costas.
Patrocinadores e colaboradores