Follas tocadas coa boca

Sen dúbida é este o tipo de membrana cantadora máis sorprendente. En Galicia fican aínda moitos portadores, vellos e novos, que saben empregar unha folla de hedra (Hedera helix), limoeiro (Citrus x limon), laranxeira (Citrus x sinensis) ou semellante para producir unha melodía extraordinariamente limpa, forte e exacta. Entre os tocadores que puidemos coñecer en persoa e que tiveron a ben ensinarnos esta verdadeira arte están Antonio Lourido Gil, de Barciademera (O Covelo, Pontevedra), e Mario Mato, de Portomarín (Lugo). Co paso do tempo fomos descubrindo aquí e acolá, por toda Galicia, numerosas persoas que sabían como facer soar unha folla e comprobamos que en tempos pasados debeu ser un instrumento bastante empregado.

Este esquema amosa como se debe colocar a folla para tocar. Deseño de Ramón Marín.

A folla sostense lixeiramente tensa entre o índice e polgar das dúas mans. Cos polgares ollando cara ao tocador, o borde da folla apóiase sobre o beizo superior ou o inferior. Facendo pasar un sopro de aire entre o beizo e a folla, esta vibra con forza, podendo modularse o seu son variando a capacidade da cavidade bucal movendo a lingua adiante e atrás. Os picados acádanse abrindo e pechando o paso do aire a nivel da gorxa.

O son acadado por aqueles que dominan o instrumento é realmente sorprendente pola súa forza, pois o volume supera facilmente ao dunha gaita de fol; tamén sobresaen tanto a súa dinámica, xa que é posible tocar desde moi piano ata moi forte, como a brillantez do son, pois falamos dun instrumento de tesitura e timbre semellantes aos da gaita de fol ou o requinto na súa segunda oitava. A extensión tamén é sobresaínte xa que con tan sinxelo instrumento pódese superar en tres ou catro graos unha oitava, dependendo do tipo de folla e a habilidade do tocador.

Malia ser un instrumento fundamentalmente destinado en Galicia para pasar o tempo ao coidaren o gando, nas longas camiñadas, ou tamén para amosar as habilidades do tocador nunha reunión festiva, no Carballiño puidemos recoller novas de dous homes que facían bailes tocando as follas, incluso “facendo voces”, é dicir, tocando as melodías por terceiras paralelas. Tamén temos documentadas parellas de gaiteiros e tocadores de folla, como a de Calixto Barral e Antonio Lourido en Barciademera (Pontevedra).

Segundo Mario Mato, tocador de Portomarín (Lugo), as follas adecuadas para aprender o manexo do instrumento deben ser menos fortes, pois o son acádase mellor nelas que nas de hedra. Así son adecuadas para os principiantes as de nogueira (Junglans regia), mentres que as ideais para os que xa dominan esta arte son as de hedra. Antonio Lourido, gaiteiro e enterrador de Barciademera, prefería as follas maduras de laranxeira para tocar, malia seren moi duras e requiriren un grande esforzo de sopro, gratifican o tocador cun gran volume.

Na nosa experiencia como tocadores de folla, as de laranxeira e limoeiro son duras, producen un son moi potente pero a tesitura é máis limitada que nas de hedra. Estas últimas, cando son relativamente flexibles (a mellor época é a primavera e principios do verán) permiten unha relación esforzo/volume moi satisfactoria e unha extensión moi notable. Tamén as follas tenras de salgueiro (Salix spp.) son adecuadas.

Coñecemos o uso das follas tocadas deste xeito tamén en Bulgaria, onde empregan follas de lila (Syringa spp.) para tocar soas ou acompañando outros instrumentos, polo que supoñemos que Galicia non é unha excepción no uso destes instrumentos.

Aínda que as follas de seu non se consideran instrumento musical, a calidade da melodía que se pode tocar con elas e a dificultade que isto representa fai que os tocadores de folla sexan admirados polos seus veciños como depositarios dunha arte musical dificultosa e meritoria. Nas nosas pescudas non puidemos documentar ningunha muller que soubese tocar este instrumento, semella máis ben cousa de mozos e homes.

Patrocinadores e colaboradores