Flores de toxo e xesta

Un primeiro tipo de membrana cantadora galega consiste na colocación dentro da boca do tocador dunha flor de xesta (Cytisus spp.) ou unha chorima de toxo (Ulex spp.) que, habilmente manexada coa lingua, pode emitir un sorprendente son que os portadores comparan co canto dos paxaros, indicando que os moi habelenciosos nesta arte podían tamén tocar melodías 1.

É difícil explicar aquí o xeito correcto de colocar estas flores dentro da boca; baste dicir que se apoian no ceo da boca, cerca dos alvéolos, co talo da flor cara atrás. A lingua arquéase duplamente (ao longo e ao largo) para conseguir dúas cousas: suxeitar a flor na súa posición, de xeito que non se mova e, ao mesmo tempo, espetar un sopro de aire contra os pétalos da flor que, postos en vibración emiten un son que pode ser modulado modificando a capacidade da cavidade bucal.

Malia poder emitir melodías se son tocadas con habelencia suficiente, este xeito musical de empregar as flores é considerado no noso sistema de cultura como un xoguete ou divertimento de nenos ou mozos, moi raramente de nenas ou mozas.

Ver notas
  1. [1] Información amablemente cedida por Emilio Lois.
Patrocinadores e colaboradores