Caixa

A denominación de caixa está estendida por toda Galicia, agás na zona oriental onde a denominan caxa e no baixo Miño onde puidemos recoller o apelativo portugués de tarola. A caixa é un instrumento semellante en todo ao tambor, excepto porque é moito máis chato (a altura da caixa pode ser duns 6-8 cm) e está fabricada íntegra ou parcialmente de metal. Malia que a caixa das caixas pode ser tamén de madeira, os aros son sempre de metal, normalmente latón, e portan un sistema de 8-10 parafusos verticais que van equipados cunhas porcas de orellas que ao xiraren aproximan os ariños e permiten tensar as peles.

As caixas pendúranse da cintura do instrumentista mediante un ferriño convenientemente dobrado en forma de S, ou ben empregando unha correa, coma no caso do tambor. Os paus e a técnica de execución tampouco varían respecto a este instrumento.

Van sempre equipadas cun bordón na parte inferior, normalmente composto por dúas ou máis cordas de tripa, cordas de guitarra ou mesmo por varios aramiños de metal suxeitos entre dúas plaquiñas metálicas. O son dos bordóns nas caixas é moi superior ao dos tambores debido ao seu maior número e á tensión superior que acadan as peles. Deste xeito, o son da caixa é máis claro e agudo que o do tambor e o bordón está moito máis presente, sendo quizais esta a razón pola que a caixa practicamente desprazou os tambores durante grande parte do século XX: os músicos tradicionais buscaron un son canto máis abordoado e claro mellor.

A caixa foise introducindo paulatinamente na música tradicional a partir de mediados do século XIX procedente das bandas de música que xa desde un principio a empregaron. Se inicialmente a súa penetración foi lenta e a finais do XIX aínda os gaiteiros eran acompañados con maior frecuencia polo tambor, aproximadamente a partir dos anos 1910 xa eran moi raros os grupos tradicionais que seguían a usar o tambor, que se viu así desprazado e esquecido en case todo o territorio, excepción feita das zonas máis afastadas e arcaizantes. As caixas chegaron a ser tan populares que incluso eran fabricadas de xeito artesanal polos ferreiros ou particulares mañosos, aínda que a maior parte das veces eran mercadas en tendas especializadas. Foi instrumento totalmente imprescindible nas murgas ou charangas que nunca empregaron o tambor. A moi recente incorporación da caixa á nosa música tradicional fica perfectamente reflectida nos dicionarios de galego, onde aparece por primeira vez coa acepción de instrumento musical no de Constantino (1985).

Curiosamente a caixa foi desprazada de novo polo tambor durante o revival da música tradicional galega acaecido a partir do anos 1970, de xeito que durante case trinta anos estivo máis ou menos esquecida e foi considerada, no ambiente folclórico, como un instrumento non tradicional ou menos adecuado que o tambor de madeira e cordas. Curiosamente, como xa comentamos arriba, hoxe cobra renovadas forzas e volve formar parte dos grupos folclóricos, considerada agora como cousa antiga e de mérito.

A denominación caxa (normal na zona nororiental de Galicia) aparece xa en Covarrubias (1611): “…por nombre dicho atambor o caxa, por ser una caxa redonda”. No Diccionario de Autoridades: “se llama también el tambor, especialmente entre los soldados”. Estas palabras veñen directamente do vocabulario militar onde o tambor era coñecido con estes nomes. Na opinión de Andrés Ramón 1, a maior partes das alusións literarias sitúan este membranófono nun ambiente militar, sempre a carón de pífaros, trompetas e atabales. Malia que a caixa e o tambor militares nun principio deberon ser o mesmo instrumento, pronto algunha diferenza os afectou; así o deixa entrever o seguinte parágrafo das memorias do Capitán Contreras (s. XVI): “Recibí dos tambores, hice una honrada bandera, compré cajas y mi capitán me dio dos despachos y poder para que arbolase la bandera en la ciudad de Écija y Marquesado de Pliego” 2. É posible, segundo comenta tamén Ramón Andrés, que esta diferenza estivese simplemente no tamaño, aplicándose o apelativo caixa a un pequeno tambor.

Nas escasas (dúas) coplas que puidemos achar nas que aparece mencionada a caixa, esta é, sen dúbida, sinónimo de tambor militar. Na primeira, composta por Xoán Manuel Pintos para súa obra A Gaita Gallega tocada polo Gaiteiro (1853), aínda aparece relacionada coas trompetas:

Pois sin ti miña joya que sería

Dos encantos que crean os poetas?

Que seria da ilustre poesía?

Aqueles solo foran uns trompetas,

E esta fatigosa algaravía

Barullada de caixas de retretas

Que aboujan e rebentan os oidos

Ainda de orelludos empedridos

[AGG, 18]

Como curiosidade comentaremos que no Diccionario de Autoridades (1732) se clarexa a famosa expresión “echar a cajas destempladas”: “en la milicia es echar de alguna compañía o Regimiento al soldado que ha cometido algún delito ruin e infame, por el cual no se le quiere tener dentro de las tropas: para cuyo efecto se destemplan las caxas, y tocándolas se le sale acompañando hasta echarle del lugar”. Esta copla galega que inclúe Carlos Rei Cebral na súa obra Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 3 foi recompilada por Víctor Lis Quibén no seu Cancioneiro médico de Galicia e fala da caixa derrotada:

Eres caixa derrotada

tabaco de mal olor,

dama que todos che buscan,

prenda sen ningún color

[IMLTG, 168]

Carlos Rei explica que: “O significado de caixa derrotada equivale ó castelán caixa destemplada. En Galicia tocábase coa caixa derrotada cando a banda de música ía ó enterro dalgún mozo ou moza e nas procesións de Xoves e Venres de Paixón. Nalgunhas zonas tamén se estilaba este uso nos enterros de antroido. Tamén contamos co interesante comentario de García Mercadal, onde lle atribúe a mesma utilización de burla e escarnio nun suceso ocorrido no Ferrol, en 1774, no que relata como a Xustiza expulsaba da cidade a varias mujeres del partido: “…al son del tambor, a una partida de quince muchachas de mala vida, por sus desarreglos; estaban sentadas en una escalera que los hombres llevaban horizontalmente sobre los hombros; sus cabellos y sus cejas habían sido afeitados” 4.

Sexa como for, o que si é seguro é que a caixa que hoxe tocamos os galegos acompañando á gaita de fol provén do tambor militar. Como xa comentamos ao falar deste, foi aproximadamente no século XVII cando se desenvolveu o sistema que permitía tensar os bordóns mediante un parafuso. Aproximadamente no 1837 os parafusos tamén comezaron a empregarse para tensar as peles 5 permitindo un incremento na tensión dos parches. Arredor de 1850, as caixas comezaron a fabricarse enteiramente en metal, reducíndose o seu tamaño e acadando así un son máis brillante. Foi neste momento cando naceu a caixa tal e como hoxe a coñecemos.

A asociación medieval dos tambores e caixas coas trompetas no ambiente militar sobreviviu mesmo ata os nosos días nas denominadas “bandas de cornetas e tambores”. Por influencia das bandas de gaitas militares escocesas, as formacións españolas comezaron, sobre todo despois da Guerra Civil, a integrar gaitas de fol; e isto non sucedeu só en Galicia, senón que afectou ás bandas de cornetas e tambores de moitos lugares de España. Moitos dos gaiteiros cos que puidemos falar relatan que pasaron o servizo militar formando parte dalgunha destas bandas.

O dito sobre a consideración musical e social dos tamboriteiros e os tambores aplícase igualmente ás caixas. Como obxectos foron e son moi apreciadas polos seus tocadores e a estes téñenos en grande consideración cando manexan adecuadamente o seu instrumento. Igual que os tambores, as caixas foron instrumentos musicais netamente masculinos, aínda que nas montañas dos Ancares, e tamén no norte da provincia de Ourense, as mulleres solicitábanllela aos músicos para acompañaren os seus cantos en substitución dos tambores femininos. Por suposto hoxe en día isto ficou atrás e os tambores e caixas son xa empregados igualmente por homes e mulleres para acompañar a gaita de fol.

Ver notas
  1. [1] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 55.
  2. [2] Sopeña Ibáñez, F. e Gallego Gallego, A. La música en el Museo del Prado. Ed. Dir. General de Bellas Artes, Ministerio de Educación y Ciencia. Madrid, 198?, p. 179.
  3. [3] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 168 no orixinal.
  4. [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 168 nota 137.
  5. [5] Woodson, C. Roots of rhythm: “extensións” Capítulo 2: The snare drum from Switzerland. 2005, p. 26. En: http://www.playdrums.com/pdf/roots/4-RORE_Guide-ch2-snare.pdf. Consulta novembro 2008.
Patrocinadores e colaboradores