Bombo de mallada

Bombo de mallada fabricado por José Fernández Souto “O Cesteiro” (Estás, Tomiño, Pontevedra). Diámetro 56 cm, largo da caixa 65 cm. Fotografía do autor.

Así se denominan tradicionalmente uns grandes tambores que forman parte esencial das Treboadas, conxuntos musicais que aparecen no sur da provincia de Pontevedra, concretamente na comarca do Baixo Miño, formados antigamente por un ou dous bombos de mallada, un tambor e unha gaita de barquín. Estes conxuntos pertencían e pertencen a cada parroquia, e saen tocar nas festas patronais. As Treboadas percorren as aldeas da parroquia interpretando, como entrada a cada aldea, unhas melodías en ritmo binario, tamén denominadas Treboadas. Cada unha das parroquias que participaban deste costume tiña a súa propia e diferente melodía acompañada, así mesmo, por un toque característico dos bombos de mallada. Antigamente, o día 15 de agosto, todas as Treboadas do Baixo Miño saían a tocar pola súa parroquia, reuníndose finalmente no Monte Tegra onde organizaban unha grande e ruidosa reunión en que o protagonismo recaía nos bombos de mallada.

Durante o século XX as Treboadas foron variando en composición: o número de bombos de mallada incrementouse de dous a cinco ou máis, o gaiteiro de barquín foi substituído por un ou dous músicos con gaitas de fol con soprete e o tambor, que adoitaba ser bastante grande, trocouse por unha caixa. Tamén se abandonou o uso de se xuntaren no monte Tegra para facer “A Treboada”, costume do que só quedan actualmente restos na celebración dunha festa na que os mozos soben ao monte portando unicamente bombos normais, caixas e tambores.

Xa vimos como Marius Schneider opina que o tambor con forma de barril é o símbolo do trono e do lóstre­go 1. As Treboadas do Baixo Miño pensamos que son un marabilloso exemplo desta asociación. Estas dúas composicións populares para esconxurar as troadas coa axuda de santa Bárbara poden dar a chave para interpretar a subida ao monte Trega das Treboadas:

Barbariña vestéuse e calzóuse, seu camiño camiñou, el Señor encontrou: Barbariña, ¿onde vas? –Vou alá arriba ó ceo levar estes estribóns que por riba de nós andan armados –Vai Barbariña, vai, lévaos ó monte Mariño, onde non haxa pan ni viño, nin cousa de cristiandá.

Santa Bárbara o río pasóu e con dous ánxeles encontróu –¿Pra onde vas santa Bárbara? –Para los cielos vou amainar esas tronadas que andan moi desarrendadas –Que non fagan mal nin ó pan nin ó viño nin ó bafo de miniño.

[OMCV, 53]

Quizais no Baixo Miño as troadas sexan máis frecuentes en agosto, como sucede noutros lugares de Galicia, non o sabemos, pero un trebón con pedra pode acabar cunha colleita de pan, e ocorrendo na segunda quincena deste mes pode estragar toda a colleita de viño, tan rica naquela zona. Deste xeito, a subida ritual das Treboadas ao monte Trega puido ter como fin esconxurar os trebóns para afastalos das colleitas.

Outra posible pista para a interpretación deste costume achégaa J. Leite de Vasconcelos ao falar dos montes sagrados da Lusitania 2:

«Se de um dos montes venerados dos Lusitanos, junto do Tays, sabemos meramente que ele era sacer, e de outro, no norte, apenas sabemos que nelle habitava um deus metallurgico, relacionado com as trovoadas…»

Sería este monte onde se celebraban ritos relacionados coas troadas o de Santa Tegra? Será a xuntanza das Treboadas neste monte a herdanza dalgún culto prehistórico? Desde logo non temos ningunha proba que soporte o uso de tambores de madeira semellantes aos bombos de mallada en Europa antes da Baixa Idade Media, o que por outra parte tampouco é impedimento para que grandes tambores rituais (con forma de barril ou con outra calquera) fosen coñecidos xa desde hai milenios en Galicia, como o foron por exemplo en Mesopotamia. Xa que os tambores non deixan restos arqueolóxicos seguramente nunca poderemos dilucidar estas difíciles cuestións, pero unha cousa si que sabemos: os habitantes neolíticos de Galicia, e quizais tamén os calcolíticos, tiñan a tecnoloxía e os coñecementos precisos para fabricar este tipo de tambores.

Os bombos de mallada fabrícanse actualmente dobrando con lume unha gran táboa de madeira, mais sabemos que antigamente se fabricaban, como os tambores de antroido, baleirando un tronco de árbore cunha aixola. Como o resto de tambores galegos, os bombos de mallada son tamén chatos, pois o diámetro da pel, uns 60-70 cm, non é superado pola altura da caixa. As peles ténsanse tamén por medio de dous aros enlazados por cordas en zigzag que se apertan usando arrochos de coiro. Carecen de bordóns e tradicionalmente a súa caixa vai pintada de verde e os aros de encarnado.

A diferenza de caixas, tambores e tambores de antroido, os bombos de mallada pendúranse cunha correa do ombreiro do tocador, en posición bastante baixa, de xeito que as peles fican en posición case vertical. Tamén a diferenza dos outros tambores galegos, nos bombos de mallada bátese nas dúas peles empregando dúas mazas diferentes. A posición tan baixa que ocupa o bombo condiciona o xeito de termar delas: a da man esquerda empúñase coa punta cara abaixo 3, é longa e fina, e enteiramente de madeira, duns 40-45 cm de longo e 3-4 cm de groso. A da man dereita sostense coa punta cara arriba, as súas dimensións son semellantes pero a punta é moito máis grosa, duns 8-10 cm, e vai recuberta coa pel do escroto dun carneiro. A este respecto é curioso destacar que os bhil da India central reúnen dous tambores nun único instrumento que ten dúas peles diferentes, unha de carneiro batida cun pauciño no “lado masculino”, e outra de cabra, batida ca man no “lado feminino” 4. O noso lado masculino é o dereito, xustamente onde achamos a maza cuberta con escroto (masculino) de carneiro (masculino).

Os bombos de mallada son considerados como verdadeiros instrumentos musicais e son tidos en grande consideración por quen os posúe. Tamén os bos tocadores se tiñan e teñen en grande estima. Posúen unha clara filiación masculina, pois as mulleres non participaron nas Treboadas ata hai ben pouco.

Ver notas
  1. [1] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 362-363.
  2. [2] Leite de Vasconcellos, J. Religiões da Lusitania (Vol. III). Ed. Impresa Nacional-Casa da Moeda. Lisboa, 1913; p. 86.
  3. [3] É dicir, estendido o brazo cara adiante e asida a maza na man, o engrosamento final da maza fica cara abaixo do brazo, cara ao chan.
  4. [4] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 363.
Patrocinadores e colaboradores