Tastarabás, trécola, relo (tamén carraca)

Malia teren moi diferente forma, estes instrumentos están intimamente relacionados cos mazos ou taboletas, tanto pola súa función e uso, como polo son que emiten; tanto é así que, como xa comentamos, coñécense tamén nalgunhas zonas polo nome de carracas. Outras denominacións posibles son trécola, matrácola, roncha, rincha 1 ou relo. Esta última aparece descrita en varios dicionarios galegos, p.e. Franco Grande 2ª ed. (1972), como un pequeno muíño de auga que se sitúa nos regatos e que só funciona no inverno. Quizais da semellanza do mecanismo veña esta denominación, xa que os tastarabás constrúense cunha roda dentada situada dentro dun marco que sostén unha lingüeta, ao facer xirar o instrumento sosténdoo polo mango, ao que vai xunguida a roda dentada, a lingüeta espétase contra os dentes da roda e emite unha serie de golpes secos e fortes. Na súa forma máis sinxela o instrumento constrúense facilmente de cana ou de madeira. O marco que sostén a lingüeta leva sempre un contrapeso na parte oposta á roda dentada (parte distal do instrumento) que facilita o seu movemento circular e polo tanto a emisión do son. Os fabricados en madeira adoitaban ser pintados dalgunha cor, algúns exemplares gardados nas igrexas aparecen pintados de encarnado.

Existiron tamén tastarabás ou trécolas de varias lingüetas, ben inseridas no mesmo marco rectangular que se fai xirar no aire, ben en instrumentos moito máis grandes de forma circular, para tocar apoiados no chan, co rodicio dentado no centro unido a unha manivela e as lingüetas dispostas arredor deste 2.

Os nenos construíron sinxelos tastarabás en cana para usalos como xoguetes ruidosos, en non poucas ocasións os adultos enviaban varios rapaces a facer ruído cos eles as leiras que viñan de ser sementadas para escorrentaren os paxaros. No entanto, o uso mellor documentado dos tastarabás é claramente ritual: empregábanse en Semana Santa xunto coas taboletas dentro do contexto das Tebras xa comentado. Tamén os sancristáns usaron deles ata hai ben pouco para chamar á misa durante a Semana Santa en substitución das prohibidas campás. Deste uso deixa constancia o Diccionario de Autoridades (1732) na entrada carraca: “…instrumento de madera que usa la Iglesia en el tiempo en que en la Semana Santa no tocan campanas, para hacer señal a los oficios divinos…” describindo a continuación o instrumento. Os dicionarios galegos falan tamén deste uso, así no da Academia (1913-1928): “3. Instrumento de madera de que usan las iglesias los días de Semana Santa en que no se tocan las campanas, para llamar a los oficios divinos. 4. Instrumento pequeño, parecido al anterior, que tocan los muchachos al terminarse las tinieblas en dichos días.” No de Eladio (1958-1961): “Instrumento de percusión, de madera, que se usa en las iglesias al final de las tinieblas de Semana Santa, y que también emplean los niños como juguete: MATRÁCOLA, RONCHA.” Carlos Rei na súa obra Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 3 recolle unha copla popular que fala do costume de “tocar as tebras”:

Jueves Santo, Jueves Santo,

día de gran devoción,

tocan ás tebras na misa,

que morreu Noso Señor

Outras coplas recollidas por este autor mencionan tamén o instrumento:

Miña soghra ladradora,

vouna colghar das orellas,

runxe-runxe todo o día

como unha carraca vella.

[IMLTG, 161]

Cálate, vaite calando,

que pareces unha arnoia;

a carraca do meu fillo

inda da menos ramboia. 4[IMLTG, 161]

A literatura culta deixa tamén constancia deste instrumento, por exemplo nunha composición de Xoán Manuel Pintos:

Si tuviera home calzado

Que lle dera à miña roda

No andaria nos camiños

De esta moda

Probe carraca

Por mais que berro

Ninguen me saca

Do meu encerro

[AGG, 171]

Os tastarabás aproveitáronse tamén para todo tipo de ocasións ruidosas. Tocábanas os rapaces durante a coresma, e tamén polo antroido. Na comarca natural da Ulla (A Coruña-Pontevedra) usábanse dentro das comparsas de charrascos no nadal e no antroido. Na Idade Media os leprosos facíanos soar para avisar da súa presenza e foron así mesmo empregados para sinalar a condución dos condenados ao patíbulo. Os romanos concedéronlles a virtude de escorrentar os malos espíritos e Ramón Andrés comenta que os exemplares máis antigos de carraca, fabricados de óso de reno, datan da época Madaleniense (15000 a.C.) e foron achados nos Altos Pirineos e na actual Dordoña, sen que cite a procedencia deste dato 5.

Como instrumento musical é un idiófono que na clasificación de Hornbostel e Sachs pertence ao grupo 112.24 “Idiófonos de raspar de rodas”. Os tastarabás non son considerados en Galicia como instrumentos musicais propiamente ditos, pois carecen de relación algunha coa melodía, coa “música” no sentido galego da palabra, ou co seu acompañamento. Son considerados brinquedos cando aparecen en mans de nenos e útiles rituais cando o fan en mans de adultos durante a Semana Santa. As nosas referencias indican que son instrumentos con carácter fundamentalmente masculino.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (II). A Nosa Terra. Vigo, 2003; pp. 40.
  2. [2] Caso da recentemente reconstruída carraca da catedral de Santiago de Compostela.
  3. [3] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 161 no orixinal.
  4. [4] Carlos Rei apunta que ramboia é a denominación que ten o contrabando na raia de Portugal, mais tamén se lle chama así, en certas zonas de Ourense, ás troulas que os mozos organizaban de noite.
  5. [5] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona 2001; p. 67.
Patrocinadores e colaboradores