Tarrañolas

As tarrañolas, tamén coñecidas como tarreñas, trécolas 1, castañolas de lousa (cando se fabrican deste material) ou incluso pola denominación castelá tejoletas, son un tipo de castañola que fundamentalmente empregaban os nenos, aínda que moitos adultos tamén as usaron. Consisten en dúas taboíñas rectangulares, alongadas e finas (duns 12-20 cm de longo, 3-5 cm de largo e 4-8 mm de groso), fabricadas de madeira dura, normalmente buxo, aínda que se poden empregar outras madeiras despois de endurecelas queimándoas un pouco no lume. Tamén se fabrican con anacos de tella, lousas ou costelas de vaca ou cabalo convenientemente traballadas.

Unha das tarrañolas suxéitase entre o índice e o corazón, apertándoa contra a palma da man para que fique fixa e non se mova, mentres que a outra, sostida entre o anular e o corazón, fica libre para abanear e bater contra a outra emitindo o seu son característico cando a man vai e vén, como dicindo “adeus”. As tarrañolas pódense tocar nunha soa man ou nas dúas mans asemade, é dicir, sostendo unha parella en cada man, tal e como se fixo desde a antigüidade.

Na lírica tradicional non é un instrumento moi mencionado, aínda así Carlos Rei 2documenta estas dúas coplas:

Teño polainas de buxo,

tarrañolas de burel,

para dar ó meu compadre

por lle zurrar á muller.

[PPG, C, 50, 3()5 1869 =CLJ, 23, var.]

Toca, miña tregholeta,

feita de pau de bidueiro,

que hoxe hai festa no Romaio,

non ha de faltar ghaiteiro

[IMLTG, 161]

Nos dicionarios galegos a voz tarrañolas aparece ás veces tamén co sentido de castañeta. Así no de Cuveiro (1876) explica: “Tarrañuelas, castañuelas ó castañetas que se tocan con los dedos, ajustadas á las manos con cintas: son de ébano ó marfil; tambien se llaman palillos.” Mentres que no de Leiras (1906) dáse por sinónimo de tarreñas e no de Franco Grande 2ª ed. (1972), por castañolas de lousa, acepción que se repite no da Academia (1913-1928). Tamén nas coplas populares aparece referido o instrumento fabricado de lousa:

Ves bailando, ves tocando

como quen non quere a cousa;

ves bailando, ves tocando

nas castañolas de lousa

[IMLTG, 160]

As tarrañolas son un instrumento antiquísimo, aparecen xa amplamente documentadas en Exipto e Grecia, onde as empregaban os bailadores dionisíacos. Curt Sachs opinaba que, como no caso das castañolas, puideron ser espalladas polo mediterráneo polos fenicios 3, pero pensamos que, como no caso das castañolas, deben ser moitísimo máis antigas: vimos de ver como na cova de Dos Aguas (Valencia) aparecen representadas dúas mulleres que semellan levar na man dereita unha especie de tarrañolas 4. Obxectos líticos finos e alongados, máis ou menos rectangulares, idénticos en forma ás tarrañolas que aínda se fabrican hoxe de lousa en Galicia, aparecen tamén no neolítico portugués 5. Dando un inmenso salto no tempo, aparecen claramente representadas nas Cantigas de Santa María (século XIII) acompañando a un xograr que toca unha especie de óboe. Covarrubias (1611) sinala que as tarrañolas (tejuelas) eran “los pedaços de las tejas y suelen hazer con ellas cierto son” e no Dicionario de Autoridades dise que as tarrañolas son un anaco de tella. Miguel de Cervantes (1547-1616) escrebe en Rinconete y Cortadillo:

«Monipodio rompió un plato y hizo dos tejoletas, que, puestas entre los dedos y repicadas con gran ligereza, llevaba el contrapunto al chapín y a la escoba.»

No mesmo sentido, Fr. Martín Sarmiento 6 di, falando das tarrañolas:

«Pasó adelante la invención de los muchachos. Pensaron meter entre los dedos unas tejuelas o cascotes de platos de Talavera, y agitándolas lograron tener otro nuevo instrumento músico crústico, y aludiendo a terráceo o terreno se le dio el nombre de terreñuelas o tarrañuelas. Siendo yo muy muchacho vi que otro muchacho inglés, que vivía en Pontevedra, hacía lo mismo con dos costillas de carnero o de vaca metidas entre los dedos, al punto le imité, y por el gozo que tuve del nuevo invento, no he podido olvidarme de este pueril fenómeno.»

Como xa apuntamos, as tarrañolas foron un instrumento tocado fundamentalmente polos nenos. Empregábanas para pasar o tempo ou para acompañar os cantos de reis cando polo Nadal ían de porta en porta a pedir o aguinaldo. Os mozos e homes adultos tamén as empregaron así, e hoxe constitúen un instrumento de acompañamento en todo tipo de grupos de música tradicional e folk, se ben o costume de tocalas en ambas as mans esmorece día a día. Non lles coñecemos ningún uso ritual e aparecen documentadas como instrumento tradicional por toda Galicia, como tamén en Portugal e no resto da península ibérica, países mediterráneos e incluso na India, onde existen verdadeiros virtuosos do instrumento entre os ciganos do Raxasthán. Dentro do noso sistema de cultura tradicional non son citadas a priori entre os instrumentos musicais, pois non poden emitir unha melodía; con todo, a súa presenza en mans dun adulto que as toque virtuosamente en presenza de instrumentos melódicos daría que pensar a calquera portador sobre a súa natureza. Pertencen ao grupo dos idiófonos de golpe directo segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs, situados no apartado 111.12, “placas de entrebater”.

Ver notas
  1. [1] A voz trécola aparece nos dicionarios consultados como sinónimo de relo, é dicir, unha carraca usada na Semana Santa ou tamén un tipo especial desta que se empregaba para escorrentar os paxaros das leiras sementadas. É común en moitas zonas de Galicia o uso da voz trécola para indicar que unha muller fala e badúa moito e non di nada.
  2. [2] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 160 no orixinal.
  3. [3] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 98.
  4. [4] Fernández de la Cuesta, I. Historia de la Música Española. Ed. Alianza Música. Madrid, 1988; p. 29.
  5. [5] Leite de Vasconcellos, J. Religiões da Lusitânia (Vol. I). Ed. Imprensa Nacional-Casa da Moeda. Lisboa, 1913; pp. 106 e 164.
  6. [6] Sarmiento, M. Colección de voces y frases de la lengua gallega. Edición e estudo por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1970, p. 40.
Patrocinadores e colaboradores