O propio corpo

Por todo o mundo aparecen idiófonos feitos das máis variadas substancias, constituíndo o propio corpo quizais o máis antigo deles. Deixando de lado a propia voz, un moi perfeccionado aerófono ao que dedicamos un apartado debido á súa importancia, as posibilidades do corpo son grandes, podendo artellar con el moi diversos xeitos de facer música, de transmitir emocións a través do son organizado.

As músicas fortemente rítmicas como moitas das galegas, producen unha necesidade imperiosa de converter o seu ritmo e a emoción que transmiten en movementos corporais, que moitas veces son transformados en sons emitidos co propio corpo, facendo así del un idiófono no que se golpean e baten distintas partes entre elas ou contra algo. De aí que propuxésemos a creación, dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs, deste novo apartado dentro dos idiófonos de golpe directo: 111.15 “Idiófonos de golpe directo xerados polo propio corpo”.

En Galicia hai abondos exemplos do uso do corpo neste sentido. Quizais entre os máis sinxelos e antigos estea o bater palmas para acompañar a música ou o baile, ou como simple expresión de ledicia e agrado ao final das melodías ou bailes. A acción de bater unha man contra a outra produce un son seco e de potencia moderada que é aproveitado de diferentes formas dependendo do ambiente cultural no que nos atopemos. Este xeito de aproveitamento musical das mans áchase entre os procedementos musicais máis amplamente estendidos polo mundo, o que é un claro indicador da súa grande antigüidade 1. Cada cultura posúe un xeito característico de bater palmas en canto á colocación das mans. Hai dous xeitos diferentes: coas mans planas e enfrontadas unha contra a outra de xeito que coincidan dedos con dedos e palmas con palmas, ou coas mans lixeiramente arqueadas de xeito que baten unha contra a outra formando unha cruz, podéndose bater unha palma coa palma da outra man ou cos dedos. Para A. Schaeffner o primeiro xeito indicado é mais rítmico, mentres que o segundo é mais orquestral, estando amplamente estendido por toda a África negra 2. Este é o xeito de bater palmas máis empregado en Galicia: bater cos dedos da man dereita na palma da esquerda. De feito era frecuente recorrer a este tipo de acompañamento durante o decurso dos bailes soltos, sendo o bater das palmas un sinal característico que pode indicar o cambio da volta para o punto durante a execución da muiñeira vella 3. As palmas son executadas sempre seguindo o pulso da melodía, sen acadar ningún tipo de complicación rítmica.

Outro xeito empregado en Galicia para facer música coas mans consiste e emitir golpes secos facendo esvarar o corazón, coma un resorte, desde a punta do polgar á súa base, onde percute nunha especie de cavidade formada ao apoiar o anular sobre a base do polgar. Estes golpes, denominados pitos ou castañetas, resoan bastante polo efecto de acharse pechada a palma da man, recibindo este nome seguramente pola semellanza do son emitido co do instrumento de madeira denominado castañeta ou castañola ou os máis pequenos pitos. Este xeito de facer pitos cos dedos áchase tamén noutras culturas fóra de Europa. En Asia o cabaleiro Chardain observou, durante as súas viaxes a través de Persia, como os cantantes animaban os bailadores facendo restralar os dedos, sendo o son destes pitos tan forte, que, a dicir do viaxeiro, parecía que tiñan ósos ou castañolas nas mans 4. Tamén no hemisferio sur achamos exemplos deste tipo de uso musical das castañetas feitas cos dedos, caso dos maorí de Tonga-Tabu onde os cantantes empregan este recurso rítmico para se acompañar. Tanto en Galicia coma no resto de Europa os pitos son practicados fundamentalmente polos bailaríns durante a execución dos bailes.

Temos documentado en chan galego un curioso xeito combinado de dar palmas e pitar cos dedos que permite a execución de ritmos complexos tales como o de muiñeira ou o de xota. Consiste en pitar cos dedos da man dereita mentres o dorso desta bate contra a palma da man esquerda. Para conseguir o ritmo de muiñeira, os dous primeiros golpes do tresillo característico (tátara) danse co dorso da man dereita sobre a palma da esquerda, mentres que o terceiro acádase chascando os dedos da dereita.

Outro xeito de aproveitamento musical das mans consiste en bater alternativamente con dous ou tres dedos estendidos dunha man entre os cotobelos da outra, de xeito que o dedo que bate se acomoda ao longo dos dedos da outra. Podemos facer así acompañamentos rítmicos, malia que seu volume é escaso.

Os pés foron tamén empregados para facer acompañamentos rítmicos. No baile solto galego os pés baten no chan coincidindo á perfección co perfil rítmico básico da melodía ou ben co pulso da mesma. O son dos golpes de zocos e zapatos contra o chan durante este tipo de baile, sobre todo o emitido polos homes debido á súa expresividade, actúa como un acompañamento para a música que os tocadores apreciaban moito. Calquera que teña tocado para un baile solto sentirá a grande forza que o son de tantos pés acompasados lle imprime ao conxunto de bailadores e tocadores. Debemos destacar que nas muiñeiras vellas son moi característicos os complicados zapateados que os homes interpretaban entre punto e punto, e que seguían o debuxo do ritmo obstinato que acompaña a este baile: tán tatacatatán, tatacatatán… Os zapateados como feito musical son situados por A. Schaeffner nas mesmas orixes da música instrumental, xa que, segundo este autor, o primeiro obxecto exterior que o corpo empregou para fins sonoros non foi o anaco de madeira ou pedra batido coa man, se non o chan batido polo pé con ou sen calzado 5. En relación con isto, é curioso observar como esta expresión musical tan primitiva só se conserva en Galicia no tipo de baile solto máis antigo: a muiñeira vella.

Ver notas
  1. [1] Schaeffner, A.. L’ origine des instruments de musique. Introduction ethnologique à l’histoire de la musique instrumentale. Ed. Payot. Paris, 1936, p. 30.
  2. [2] Schaeffner, A. Op. cit p. 32
  3. [3] A muiñeira vella é sen dúbida un dos bailes máis antigos que se conservan en Galicia, pese a ser bailado por parellas mixtas e soltas, os homes bailan cos homes e as mulleres coas mulleres. Os homes debuxan as figuras coreográficas, os puntos, mentres as mulleres esvaran polo chan debuxando continuamente oitos nunha actitude sumisa, brazos abaixo e coa cabeza gacha.
  4. [4] Chardin, J. Voyages de Monsieur le Chevalier Chardin en Perse et autres lieux de l’Orient. Amsterdam, 1735, tomo II, cap. VII, p. 115.
  5. [5] Schaeffner, A. L’ origine des instruments de musique. Introduction ethnologique à l’histoire de la musique instrumentale. Ed. Payot. Paris, 1936, p. 34.
Patrocinadores e colaboradores