O carro

Eixo do carro

Tecnicamente podería parecer moi forzado considerar un carro como un instrumento musical, ben o sabemos, non entanto, o seu son causa unha fonda emoción nos nosos paisanos que, por outra banda, buscaban e desexaban que o seu carro emitise ese inefable e característico renxer. Este son é definido tradicionalmente como “canto” e non como ruído, o que xa é suficientemente demostrativo, pero incluso unha das pezas do carro que intervén na emisión do son se denomina cantadeira. Deste xeito, achamos que para os galegos o carro ten, a parte do seu uso funcional, outro claramente musical que se busca deliberadamente. Vexamos algúns exemplos dentro da nosa lírica tradicional:

Se queres que o carro cante

mételle o eixo no río

despois co eixo mollado

canta coma un asubío

Se queres que o carro cante

mételle o eixo no río

despois co eixo mollado

canta coma un judío

O Bierzo.

Si quès co carro cante,

miña prima Manoela,

si quès co carro cante

bótalle sebo co-a vela

[CPG, II, 90]

Carriño, que cando cantas

é cando levas máis peso

moita carga levar debe

meu corazón cantareiro

[CG, II, 34]

Os carros cantan porque o eixo ao xirar refrega con forza contra outras pezas de madeira. Dinos Xaquin Lorenzo 1 que o carro consta de dúas partes: o chedeiro e o rodado. O primeiro forma a mesa do carro coa lanza (o cabezallo) e os artellamentos do eixe; o segundo está composto polo eixe coas rodas. Por baixo de cada cheda van dous paus paralelos a elas nos que, por medio dunha rebaixa, apoia o eixe. Esta peza é a chumaceira ou coucón; ás veces, por baixo da chumaceira, aínda vai outra peza semellante, a zoca ou cantadeira, que neste caso é a que refrega contra o eixe. De diante e detrás da rebaixa van as apeladoiras ou treitoiras, aseguradas cos pescuños, destinadas a conter o eixe. Algunhas treitoiras teñen un sufinque chamado retrouso para lles dar máis seguranza. As treitoiras pódense apertar contra o eixe por medio dos pescuños, sendo o xogo do eixe coa chumaceira e as treitoiras o que fai cantar o carro. Carlos Rei recolle esta copla da obra de Xaquín Lorenzo El carro en el folclore de Galicia 2:

Se queres que o carro cante

como a gaita do gaiteiro

ponlle o eixo de prata

estreitoiras de amieiro

[IMLTG, 97]

Pero moitas máis cantigas tradicionais fan referencia a estas partes do carro e sobre todo a como mellorar o seu canto:

Se queres que o carro cante

bótalle o eixe de freixo

se queres que o amor veña

dalle talladas de quexo

[CTC, 64]

Dicen que o carro canta

coma gaita do gaiteiro,

ten o eixe de sanguiño

i as treitoiras de ameneiro

[CTC, 25]

Se queres que o carro cante

como aquel do veciño

bótalle o eixe de freixo

e as treitoiras de sancriño

[CTC, 68]

Si queres que o carro cante

mellor que o do teu veciño

ponlle o eixo de carballo

as treitoiras de sagubiño

[CG, II, 73]

Se queres que o carro cante

coma a gaita do gaiteiro

bótalle o eixo de bido

e as dentoiras de amineiro

[CPPO, I, 161]

O meu carro pide un eixo;

eu non sei de qué botarllo.

bótallo de sabugueiro;

cantaráche ben o carro.

[PPG, <P 443> <L 0> <A 1867>]

Xulián da gorra branca

ten un carro que ben canta,

unha muller que ben fía,

Xulián, ¿que máis quería?

[PPG, <P 3285> <L 0> <A 1884> <E DB>]

Carlos Rei lembra tamén as palabras nas que Xaquín Lorenzo, na xa citada obra, intenta explicar como é o canto dos carros: “No es fácil explicar en que consiste el canto del carro; solamente diremos que puede reproducirse fielmente dejando correr con lentitud el arco del violín por una de sus cuerdas, al tiempo que se pulsa esta para dar dos o tres notas, cuya combinación produce el sonido característico de cada carro”. Esta era unha das famosas imitacións que Florencio, O Cego dos Vilares (A Fonsagrada) facía co seu violín.

Os carros adoitan cantar cando van cargados, aínda que tamén algúns o fan de baleiro. En moitos lugares temos escoitado que se apertaban as treitoiras para forzar a emisión do característico canto, co conseguinte perigo de queimarse o eixo, pois ás veces o calor desprendido do rozamento facíao arder, de aí a sonada falada “árdelle o eixo!” ou a copla:

Árdelle o eixe,

árdelle o carro,

para Manolo,

que hai que mollalo

[CTC, 53]

O cantar dos carros tiña varias funcións na nosa cultura tradicional. Temos escoitado en moitas aldeas que polo cantar característico de cada carro identificábase o seu dono; en Lubián (As Portelas de Zamora) din que o canto arreda aos malos espíritos 3, pero a función máis evidente é eminentemente práctica: avisaba da entrada dun carro nunha corredoira, evitando así a incómoda situación de atoparse con outro que viñese en dirección contraria. Outra función é simplemente ornamental, pois o seu fondo e penetrante lamento casa á perfección co gusto morriñento dos galegos, e a xente gustaba (e gusta) de escoitar este curioso son, tan abundante ata non hai moito nas tardes de primavera e verán, e por iso o buscaba e provocaba a mantenta. Lisón Tolosana deixa constancia disto na súa Antropología Cultural de Galicia 4: “Cooperación vecinal es también la norma en ciertas comarcas en la construcción de una casa por un vecino. La colaboración está ritualizada y verbalizada bajo la forma de carreto o carretada. La geografía del carreto es amplia; se encuentra hoy vigente la costumbre por aldeas del Cebrero (Corteces, Zanfoga), del Caurel (Noceda), de Cervantes (Corneantes), de Cedeira, Vimianzo y Mugía, y tengo notas también de Mens (Malpica de Bergantiños), Fruime, Sobrado (Piñor), Baredo (Bayona) y de Rodeiro. En Piedrafita del Cebrero me despertó una mañana el penetrante chirrido de una decena de carros que pasaban en procesión por la calle. Cada uno guiaba los bueyes del carro, sin hablar ni mirar a la gente que salía a las puertas, con aspecto solemne. Pregunté y me contestaron: “Son os do carreto”. Eran de una aldea próxima. Para estas ocasiones y con el fin de que el chirrido del carro sea notorio en varios kilómetros a la redonda, ponen petróleo o unto en el eje y las ruedas. Y siempre, el propietario del carro tiene a gala el ruido, el “canto”, tan característico, que se oye a considerable distancia por los estrechos caminos de la montaña. “O meu canta máis co teu”, he oído en conversaciones entre ellos

Para Ramón Marín, o autor dos deseños deste traballo, a importancia do cantar dos carros podería ir moito máis alá do que aquí referimos. Ramón ten novas de varios portadores e portadoras que lle indicaron que era costume empregar o canto do carro como base para entoar outros cantos coa voz. Ao mesmo tempo que o carro cantaba, quen o levaba tamén o facía, poñendo letra ao canto do carro. Ramón pregúntase se estarán os cantos dos carros relacionados cos alalás? Quen o sabe, pero sen dúbida o cantar dun carro ten certa semellanza, por non dicir moita, con estes cantos de ritmo libre.

Na clasificación técnica de Hornbostel e Sachs os carros estarían situados no apartado dos idiófonos refregados dentro do grupo 131.21 “De fricción directa”. Nin que dicir ten que dentro da concepción galega dos instrumentos musicais o carro non ten en absoluto cabida.

Ver notas
  1. [1] Otero Pedrayo, R. (Director). Historia de Galicia. Ed. Nós. Bos Aires, 1962, vol. II, pp. 728-729.
  2. [2] Lorenzo Fernández, X. “El carro en el folklore de Galicia”, en Revista de dialectología y tradiciones populares. 1974.
  3. [3] Jambrina Leal, A., Madrid Martín, P. e González Matellán, J.M. Música Tradicional. Seabra. Ed. Tecnosaga. Zamora, 1986, p. 18.
  4. [4] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), p. 159.
Patrocinadores e colaboradores