Mazo, taboleta, marraca, matraca ou carraca


As carracas son tamén denominadas matracas, marracas, mazos ou taboletas 1 segundo a súa complexidade. Na forma máis sinxela consisten nunha táboa fornecida cun marteliño de madeira que, oscilando sobre dous postiños, bate nela ao ser axitado o instrumento convenientemente. Para incrementar o seu son, na táboa onde bate o martelo pódense dispoñer placas de metal e no martelo cravos dos que levaban os carros. O seu tamaño é moi dispar: desde unha taboíña cun só martelo que se manexa coa man, pasando por unha táboa de máis de medio metro de longo e con 15-20 marteliños (ambos denominados mazo, marraca ou taboleta), ata un inmenso instrumento con forma circular, cunha roda de máis dun metro e medio de diámetro e medio de largo, con moitos mazos ou taboletas de arredor. Este último situábase nas torres das catedrais e facíase xirar cun manubrio para emitir o son, denominándose carraca, apelativo que comparte cun instrumento diferente, o tastarabás, trécola ou relo, que describiremos no seguinte apartado.

Os mazos e carracas son instrumentos rituais con dous usos limitados ao contexto relixioso dentro da Semana Santa. O primeiro foi a substitución das campás para a chamada á celebración dos oficios, por esta razón nas torres das nosas catedrais se colocaba unha grande carraca. Unha das torres da catedral de Santiago leva aínda este nome, e a catedral de Mondoñedo conserva unha carraca enorme no seu museo. Nas pequenas igrexas o son das grandes carracas era substituído polos tastarabás ou trécolas que os sancristáns axitaban arredor da igrexa para chamar a misa. O segundo uso ritual sitúase xa dentro do templo. Durante a celebración das denominadas “Tebras”, que representan os feitos milagreiros ocorridos no momento da morte de Cristo na cruz. Mateu, Marcos e Lucas relatan a escuridade que cubriu toda a terra desde a hora sexta ata a nona (das doce ás tres da tarde), inmediatamente antes da morte de Xesús. Para rememorar este escurecemento, nun momento determinado da celebración da misa o sancristán apagaba as candeas e lámpadas da igrexa. O evanxelista Mateu engade outros fenómenos prodixiosos non referidos por ningún outro Evanxeo: un tremor de terra, penedas que se rachan, tumbas que se abren e os mortos que resucitan e visitan a cidade santa de Xerusalén, aparecéndose a moitos. Para imitar este gran tremor dentro do templo, cando as luces se extinguían axitábanse con forza tastarabás e taboletas, boureando mesmo no chan cos zocos e zocas para producir o máximo ruído posible. Entre os evanxelistas, Lucas interpreta as tebras como un eclipse de sol.

O profesor Schneider 2 opina que este xeito ruidoso de proceder dos cristiáns durante as Tebras ben podería ter unha fonda raizame pagán. Xa comentamos que existe un costume, case xeral, de formar grande alboroto con toda clase de instrumentos ruidosos cando sucede un eclipse ou na época de lúa nova. Segundo Schneider estes instrumentos ocupan a rexión mística da montaña, zona que representa, xunto con Aries, Cáncer e Xéminis, a lúa crecente, de xeito que os instrumentos pertencentes a ela son quen de sacar a lúa da escuridade. Pola mesma razón, os xudeus tocarían o shofar 3 nas noites de lúa nova, xa que este instrumento se fabrica co corno dun carneiro, misticamente asociado a Aries que simboliza a lúa crecente. Dito doutro xeito, o estrondo destes instrumentos rescata o sol e a lúa da escuridade, resucítaos. Nesta mesma liña, Curt Sachs opina que o costume de facer ruído durante a morte de Xesús podería representar un intento de conducir a súa alma cara á resurrección e arrincaría dun costume moitísimo máis antigo, pois un ritual semellante documéntase no antigo México: o cadáver do rei era acompañado por escravos que rañaban en ósos humanos con fendas para promover o seu retorno á vida 4.

As denominacións de mazo e taboleta teñen obvias razóns. A de carraca, segundo Ramón Andrés 5, provén do árabe hârraca ou hârraq, voz referida a un gran navío de mercancías; Corominas (1954) considera que pode ser unha palabra onomatopeica “basada en los crujidos de estos pesados barcos”. As súas razóns terán os filólogos, pero esta denominación ben podería ser simplemente unha imitación literal ou onomatopeica do son do instrumento: “krrrrrrrrrr!”. Esta mesma raíz prerromana (carr-) achámola nos substantivos carriza (Troglodytes troglodites), un pequenísimo paxaro que canta “krrrrrr, krrrrrr”, e carrizo, un instrumento que produce tamén un son semellante á carraca.

Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs as carracas e taboletas son idiófonos de golpe indirecto, que se introducen no grupo 112.11 “Idiófonos sacudidos en suspensión”. No noso sistema de cultura tradicional non son considerados como instrumentos musicais, pois pese a seren construídos co fin específico de facer ruído, carecen da posibilidade da melodía e tampouco son empregados no seu acompañamento. Son, como xa dixemos, útiles rituais que poden gozar de certo aprecio. Durante a celebración das Tebras ou para chamar a misa só temos novas do seu uso por parte dos homes, por canto parece que se trata dun instrumento claramente masculino.

Ver notas
  1. [1] Denominacións estas dúas tiradas de: López González, X. e García X. M. Os Xoguetes Esquecidos (II). Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2003; pp. 88-89.
  2. [2] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998.
  3. [3] O shofar é un corno de carneiro soprado a xeito de buguina.
  4. [4] Sachs. C. Musicología Comparada. La música en las culturas exóticas. Ed. Eudeba. Buenos Aires, 1966, p. 89. [Edición orixinal: Vergleichende Musikwissenschaft Musik der Fremdkulturem. Ed. Quelle & Meyer. Heidelberg, 1959]
  5. [5] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona 2001; p. 205.
Patrocinadores e colaboradores