Ferriños, ferros

Nos escritos lexicográficos galegos aparece xa como instrumento musical desde Sarmiento, do que logo falaremos. Vexamos agora o que nos din os dicionarios posteriores: Porto (1900): “m. Triángulo de metal que se toca acompañando a la música. Ferreñas o ferriños.” Carré (1928-1931): “s. m. pl. Hierros. Instrumento músico formado por un triángulo de acero en el que se bate con una barrita de hierro.” Como adoita suceder, é no de Eladio (1958-1961) onde se atopa a maior información: “1. BINCO. S. m. Triángulo de hierro que se toca con una barrita del mismo metal, acompañando en las romerías aldeanas a los ciegos de la ZANFONA. Lo tañen los lazarillos. VINCO, ferriños. 2. FERRIÑOS. S. m. pl. Hierrecillos, instrumento de percusión formado por un triángulo de acero que se toca con otro hierro.

Este instrumento era fabricado na forxa polos ferreiros e consiste en dúas variñas de ferro, unha con forma de triángulo equilátero e outra recta coa que se percute na primeira 1. O triángulo sostense mediante unha argola de ferro ou un cordel que se pasan arredor do polgar da man esquerda, golpeándose co ferriño sostido entre o índice e polgar da dereita. As formas en Galicia son variadas podendo estar o triángulo aberto por un dos vértices ou pechado. Temos documentados ferriños nos que tanto o triángulo como o ferro de bater teñen forma de serpe, malia que o máis habitual é que sexan lisos sen máis ornamento que unha ou dúas reviravoltas nos extremos libres do triángulo. A este respecto, Oliverio Fernández, ferreiro da Fonsagrada construtor de trompas entre outros moitos útiles, comentounos que estas reviravoltas dos extremos, en forma de rizo espiral, son importantes para que o instrumento teña un bo son.

Os ferriños tócanse ben dando golpes sinxelos nun dos laterais, ben alternando golpes co ferriño entre dous dos lados do triángulo, ou ben imprimindo a este un movemento circular dentro do triángulo que fai que bata con rapidez nos tres lados, conseguindo así o redobre. As posibilidades sonoras dos ferriños complétanse ao poder apagar o seu son, en maior ou menor grao, segundo o contacto que a man esquerda estableza coa súa parte superior.

Segundo o profesor Sachs 2 os ferriños aparecen documentados en Europa por primeira vez no século XV, aparecendo o termo triángulo nun inventario de Württemberg de 1589. Na península os ferriños aparecen representados por primeira vez no século XVI nunha porta pintada por un artista anónimo que se conserva no Museo del Prado, en compaña da pandeireta, a arpa, a frauta recta, os címbalos e o violín.

Algúns organólogos como Felipe Pedrell 3 sitúan a orixe do triángulo no sistro. Nós non compartimos en absoluto esta teoría, pois os instrumentos son radicalmente diferentes. Unha pista sobre a súa orixe pensamos que podería estar nas informacións que obtivemos de varios portadores galegos que nos indicaron que algunha vez se tocaba coas trepias, trébedes, trébedas ou trespés das lareiras, un utensilio antiquísimo para poñer ao lume tixelas, cazolas etc., que ten forma de triángulo con tres pés. Para tocar as trepias pendurábanse dunha cordiña e batíase nelas cun ferro calquera. Este costume fica recollido nesta copla tradicional referida por Carlos Rei Cebral na súa obra “Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega” 4:

Manoliño mullereiro,

das rapazas non ten queixa,

toca as cunchas e as estrepias,

toca todo o que lle deixan

[IMLTG, 139]

Así mesmo Carmelo Lisón Tolosana refire como na parroquia de Lueda (A Cañiza, Pontevedra) nos seráns tocaban, para acompañar o canto, a pandeireta, as cunchas, as culleres e máis unha trepia batendo nela cunha chave 5. O mesmo observa Xaquín Lorenzo na Limia Baixa (Ourense): “A sartén ou cazola úsase coma istrumento para improvisar as músecas nos fiadeiros, deluvas, etc. Bátese a compás cunha chave e acompáñase moitas veces cos ferriños, praos que serven as trébedes dependuradas dunha baraza e baténdolles cun ferro calquera” 6. Nesta mesma liña, apuntaremos que os ferriños recibiron en Francia o nome trepie 7. Se as trepias foron a orixe deste instrumento, nunca o saberemos, pero desde logo, a semellanza de forma, a fabricación polo mesmo tipo de artesán, o mesmo xeito de percusión e son obtido, así como a feminidade de trespés e ferriños, apuntan decididamente a esta posibilidade. Aínda máis, o feito de que o son do trespés fose empregado como protector contra as meigas e o lume do ceo 8 encadra este útil doméstico dentro da categoría dos instrumentos musicais de son tintineante que, como as campás, chocas, sistros e axóuxeres, foron empregados como protectores. Deste xeito, trepias e ferriños coinciden tamén nesta función.

Antigamente os ferriños levaban dúas ou tres argolas penduradas para reforzar o seu son tintineante, sendo esta forma a que máis frecuentemente aparece representada nas iconografías medievais, renacentistas e barrocas. O anxo representado no cadeirado do coro de San Martiño Pinario (s. XVII, Santiago de Compostela) toca uns ferriños con tres argolas. O mesmo instrumento tócao un rapaz do banco do retábulo da igrexa de Santa María de Meiraos (1614, Folgoso do Courel, Lugo) e no debuxo dun cantoral de San Paio de Antealtares (s. XVIII) vese un zanfoneiro acompañado por un home que toca os ferriños con catro argolas. Non puidemos documentar na actualidade ningún exemplo deste tipo de ferriños en Galicia nin en Portugal, polo que seguramente o uso das argolas se extinguiu durante o século XIX. Tamén Fr. Martín Sarmiento na súa obra “Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega” 9 (recollidas entre 1745 e 1754) describe o binco con argolas, informándonos de que nesta época era un instrumento principalmente empregado polos acompañantes dos cegos, cantores e vendedores de literatura de cordel:

«Bincos. Tiene tres significaciones: 1ª binco es el triángulo de hierro con sus sortijas o argollas, que tañen los lazarillos de ciegos que tocan la simphonia; 2ª binco y bincos son unos triángulos de oro y de plata, con sus aljofarillos, u otro dije inserto, que las mujeres traían en las orejas como pendientes, y representan los bincos de los ciegos; 3ª la leí en instrumentos del año 1481 y hallé esto: dous bincos de coroas (dos bincos de corales) y son lo mismo que sartas, acaso porque, como las sortijas u argollas se insertan (acaso de aquí sarta) en el vinco (sic) del ciego, así los corales en un hilo o cuerda; y todas tres significaciones se parecen».

Cando fala do binco del ciego achega Fr. Martín Sarmiento 10 un debuxo onde se aprecia un triángulo equilátero, totalmente pechado, con dúas argolas e un ferriño recto para bater nel 11. Malia que non puidemos escoitar a voz binco de ningunha das portadoras e portadores consultados durante o noso traballo de campo, a lírica tradicional si conserva lembranza desta voz:

Para cantar, carballeses,

para bailar, mariñáns,

para goberna-lo binco

teño na casa tres cans

[IMLTG]

A asociación dos ferriños cos zanfoneiros vendedores de literatura de cordel ou mendicantes mantívose en Galicia ata seguramente principios do século XX. Os acompañantes dos cegos e cegas foron moitas veces “criadas” e “criados” que tocaban os ferriños, as cunchas, a pandeireta ou o bombo, ademais de intervir por veces nas interpretacións cantadas do cego, manexar os monicreques, vender as coplas etc. Esta copla vén ao caso:

A zanfona évos do cego,

os ferriños do criado;

as rapaciñas d’agora

todas son quentes do rabo.

[PPG, <P 3364> <L 0> <A 1884> <E DB>]

Como xa vimos ao discutir a súa orixe, os ferriños e as trepias deberon ter tamén un uso extensivo para acompañar o canto feminino nos seráns ou seraos 12, ruadas e fiadeiros, pois moitas coplas populares lembran esta situación:

Xan d’Outeiro toca a gaita

A muller o violín

Os fillos tocan os ferros;

vaia unha cousa ruín!

[CPG, II, 49]

E levemos tamén a gaita,

a pandereta e os ferros,

cantémoslle unha alborada

para ese neno do ceo.

[CTC, 96]

Pasei a ponte d’Ourense,

con ferriños e pandeiro,

no’encontrei maior amigo

cá bolsa co meu diñeiro.

[PPG, <P 2295> <<L 0> <A ?> <E DB>]

Xa non ten ferriños

ferriños non ten

xa non ten ferriños

e mais toca ben

[CPLB, 74] (Arousa, Pontevedra)

Xa non ten ferriños

ferriños non ten

xa non ten ferriños

pero toca ben

[CPGDS, VI, II, 48] (A Rúa de Valdeorras, Ourense)

os veciños do Cruceiro.

Cunha frauta e cuns ferriños,

armamos logo a ruada

cunhas cunchas e un pandeiro

[PPG, 3227]

É curioso resaltar aquí a asociación dos ferriños co pandeiro. Nesta mesma situación áchanse outros instrumentos de sons agudos e/ou tintineantes como as cunchas ou as ferreñas. Discutiremos o sentido desta agrupación cando falemos da historia dos pandeiros, pandeiras e pandeiretas.

Máis raro debeu ser o uso dos ferriños acompañando á gaita de fol, malia que temos algún documento fotográfico que testemuña esta situación.

No noso sistema de cultura tradicional, os ferriños, pese a careceren do don da melodía, son considerados como instrumentos musicais, xa que se fabrican exclusivamente para desenvolver unha función de acompañamento rítmico da melodía. A consideración social do instrumento é semellante á dunha pandeireta, o mesmo que as súas tocadoras ou tocadores. Na iconografía aparece normalmente en mans de homes, malia que tamén as mulleres o tocaron.

Os ferriños pertencen ao grupo dos idiófonos de percusión e encádrase no apartado 111.211 “Paus de percusión” da clasificación proposta por Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] En Europa aparecen tamén nas iconografías triángulos nos que o vértice superior é substituído por un segmento paralelo ao lado contrario, tomando así forma semellante á dunha estribeira, malia que este xeito non está documentado en Galicia.
  2. [2] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 416.
  3. [3] Pedrell, F. Emporio científico e histórico de organografía musical antigua española. Ed. Juan Gili. Barcelona, 1901, p. 18
  4. [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 161 no orixinal.
  5. [5] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), p. 89.
  6. [6] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, p. 74 nota 284.
  7. [7] Sarmiento, M. Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1973, p. 330.
  8. [8] Mariño Ferro, X. R. La Brujería en Galicia. Ed. Nigratrea. Vigo, 2006. p.190
  9. [9] Sarmiento, M. Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1973, p. 330.
  10. [10] Sarmiento, M. Op. cit p. 335.
  11. [11] Nalgunhas zonas de Galicia o “vinco” (do latín VINCULU) é o aro que se lle pon ao porco no fociño para que non foce, é o vinco ou vincallo.
  12. [12] Desta voz galega serao, no occidente serán, procede a corrupción española sarao: “reunión festiva ou festa de sociedade que se fai ás noites”.
Patrocinadores e colaboradores