Carrizo

Trátase dun xoguete, un enredo de nenos e nenas, no que unha lingüeta de madeira baixo presión bate nunha cavidade de resonancia. Fabrícanse de xeito moi sinxelo de varios materiais. Nun tubo de cana grosa, duns 5-10 cm de lonxitude, segundo se queira o son máis agudo ou grave, e que conserva o nó dun dos seus extremos, practícase unha fenda rectangular no extremo oposto ao nó. Despois enrólase un cordel duplo dando a volta ao instrumento de xeito que este pase diametralmente pola boca aberta e paralelo á fenda rectangular. Unha vez preparado o tubo, doutro anaco de cana faise unha lingüeta duns 5-6 cm de longo, 2-3 mm de groso e unha largura lixeiramente menor que a fenda rectangular do tubo, onde repousará. Esta lingüeta pásase por entre os dous cordeliños e, axudándose con ela, vanse retorcendo, dándolles voltas, enrolándoos un no outro, ata que adquiren unha torsión que aperta con forza a lingüeta contra o tubo de cana. Entón o instrumento está listo. Tirando da lingüeta cara arriba cun dedo, esta volve con forza ao seu sitio dando un golpe seco contra a cana que, como está oca, amplifica o seu son. Se empregamos varios dedos para tirar da lingüeta de cana podemos facer ritmos co carrizo. En troques dunha lingüeta de cana tamén se pode poñer un tubiño de cana ou mesmo un guizo de calquera madeira seca.

Outro xeito de fabricar carrizos consiste en empregar como caixa de resonancia a metade baleira dunha noz, dispoñendo os cordeliños perpendiculares ao seu eixo maior e facendo a fenda para a lingüeta nun dos extremos, sendo o mellor alí onde a noz ficaba prendida á árbore.

Aínda un terceiro tipo se pode fabricar fendendo á metade un tubo de cana, pasando os cordeliños de xeito perpendicular ao tubo e situando a lingüeta dentro do tubo, asomando por un dos seus extremos.

Xa comentamos que o nome destes enredos podería provir de que fan un son moi semellante ao dun pequeno paxariño, a carriza (Troglodytes troglodytes), que canta emitindo un característico “krrrrrrr, krrrrrr!”.

Os carrizos de cana e de noz aparecen tamén referidos nas obras Os xoguetes esquecidos de Xose López González e Xosé Manuel García 1 e Xoguetes e sons da natureza de Jaime López Picallo e outros 2. O padre José Antonio Donostia 3 describe un instrumento similar apuntando que se acha estendido por toda a área mediterránea: “juguete de niños hecho con cáscara de nuez en el que hay una espiga o astilla sujetada con un hilo transversal torneado”.

Como xa dixemos, dentro do noso sistema de cultura tradicional os carrizos son xoguetes, xa que, pese a fabricarse a mantenta, fanse para facer ruído e nunca participan no acto musical acompañando a unha melodía. No sistema de clasificación de Hornbostel e Sachs este brinquedo situaríase quizais dentro dos idiófonos punteados, pois aínda que a lingüeta non é elástica, é punteada cos dedos e cobra elasticidade para regresar á súa posición inicial mercé á corda que a amarra.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003; pp. 57-59.
  2. [2] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; pp. 35-36.
  3. [3] Donostia, J. A. e Torres, J. Instrumentos de música popular españoles. Anuario Musical, 2, 1947.
Patrocinadores e colaboradores