Cordófonos punteados

Este grupo de instrumentos musicais de corda segue a pertencer á mesma categoría que o rabel e a zanfona (321.322), pese a que agora as cordas non son refregadas cun arco ou cunha roda, senón feridas directamente cos dedos do músico ou coa axuda dunha púa.

Están representados en Galicia pola guitarra, a bandurra, a mandolina e o laúde. Algúns deles, ou os seus devanceiros, formaron parte da nosa tradición musical, pero isto foi desde os tempos dos trobeiros e ata máis ou menos o século XVI, momento no que o seu uso debeu declinar en favor dos aerófonos. Nos séculos XIX e XX o pobo fixo ocasionalmente música con eles pero son instrumentos fundamentalmente urbanos, pois aparecen moi raramente nas aldeas, onde sobrevive a parte máis esencial do sistema de cultura tradicional de Galicia. De feito, non existe en Galicia unha soa especie deste tipo de cordófonos que fose modificada polos galegos para adaptala ao noso particular xeito, como si ocorre en Portugal, onde aparece unha grande variedade autóctona de instrumentos de corda como a rabeca; as violas braguesa, toeira, beiroa, amarantina e campaniça; a guitarra portuguesa ou o cavaquinho 1, empregadas nas rusgas rurais para facer música tradicional desde séculos atrás. Noutras comunidades españolas (Castela, Murcia, Estremadura ou Canarias) a música tradicional do XIX e XX serviuse tamén de grupos de instrumentos de corda para interpretaren a súa música tradicional.

Con todo, sobreviviron usos relacionados coa tradición oral para algún destes instrumentos que, dito sexa de paso, teñen todos a consideración de verdadeiros instrumentos musicais no noso sistema de cultura tradicional.

Ver notas
  1. [1] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, pp. 136-210.
Patrocinadores e colaboradores