Xipro, chifro

Puidemos documentar esta frauta vexetal de bisel nas comarcas de Terra de Lemos, A Fonsagrada, onde recibe o nome de xipro e no Bierzo, onde se denomina chifro se é pequena e chifra cando é máis grande 1. Na Fonsagrada fabricábanse dun xeito moi semellante aos pitos de codia, pero empregando agora unha póla nova de castiñeiro, duns 30-40 cm de longo e 15-20 mm de diámetro, libre de nós e gromos. A madeira de dentro extraíase completamente e dela recortábase un taquiño duns 3 cm de longo que se rebaixaba lixeiramente para formar o conduto para o aire. Este taco volvíase a introducir no tubo de codia e xusto onde remataba, facíase o bisel do xipro. Había que probar a sacar ou meter un pouquiño este taco ata que o xipro producía o son buscado. Despois, no tubo de codia practicábanse sete ou oito furados para os dedos, alí onde estes caían con naturalidade. Soprando pola parte superior e movendo os dedos podíanse obter diferentes melodías. Foi frecuente tamén tapar o fondo do xipro con outro taquiño de madeira, o que non modificaba substancialmente o son do instrumento.

Como no caso dos pitos de codia a duración dos xipros era moi limitada. A casca de castiñeiro, malia ser bastante resistente, secábase e deformábase nunhas poucas horas. Para evitar isto, os rapaces gardábanos dun día para outro en caldeiros con auga.

Estes xipros foron un xogo de rapaces e construíanse normalmente sen máis intención que conseguir uns poucos sons. Se se pretendía poder tocar calquera melodía con eles, a súa construción debía ser feita con esmero e non resultaba sinxela, pois precisaba unha certa práctica e habilidade. Estes xipros foron instrumentos para a aprendizaxe musical dos mozos que estaban interesados en seguir o camiño ata a gaita de fol. A súa consideración, en todo caso, fica na de xoguetes de rapaces. Non temos novas de que as rapazas fabricasen estes instrumentos.

Plano dun xipro segundo o modelo de Manuel Gutiérrez (Maderne, A Fonsagrada, Lugo). Deseño de Ramón Marín.

Ver notas
  1. [1] Comunicación persoal de Tomás Rodríguez.
Patrocinadores e colaboradores