Tobas

Comezamos agora a falar dos óboes de luz cónica, un tipo de instrumento musical que se documenta por primeira vez cara ao século V a.C. 1 Nas zonas montañosas do Oriente lucense aparece este tipo de sinxelos óboes cónicos fabricados con codia de castiñeiro. Son as denominadas tobas ou tamén cornetas, que poden ter unha lonxitude que vai desde os 40 cm, nas máis pequenas, ata máis dun metro nas maiores. Fabricábanse enrolando en forma de espiral a codia extraída dunha grosa póla de castiñeiro, duns 4 e ata 20 cm de diámetro dependendo da lonxitude e tamaño da toba que se quixera facer. Como xa dixemos, esta codia soamente se pode obter na primavera, momento no que é doado separala da madeira. Para iso, logo de mazar a cortiza cun pau ou mango dunha navalla, practicábase sobre a póla escollida un corte en espiral que permitía ir sacando unha longa tira de codia que despois se enrolaba en forma de espiral, de menor a maior. Na última volta, a máis aberta, cravábaselle un guizo para que non se desenrolase. O propio zume pegaba a tira de codia e permitía que este enorme cono emitise un ou varios sons. Para iso, no extremo máis estreito da toba, o que se mete na boca, púñase una lingüeta dupla, fabricada do mesmo xeito que para pipas de castIñeiro, aínda que dun tamaño algo máis grande, polo que se denominaba pipón. Normalmente cumpría axustar o pipón a este extremo da toba envolvéndolle algunha voltiña de codia fina. Usábanas os nenos para xogar, pois así construídas emiten un son bastante forte e profundo. Comentan os portadores que era moi frecuente competir a ver quen facía a máis grande, acadando por veces tamaños enormes e xuntándose varios rapaces para facelas soar xunto con pipas de castiñeiro, dato que nos pareceu moi interesante como pronto veremos. As tobas poden, ademais, dotarse de furados tonais, normalmente tres, o que permitía executar con elas sinxelas melodías.

Óboes similares ás tobas, fabricados enrolando codia de xeito espiral, están documentados aquí e acolá por toda Europa 2, Asia e nalgunhas partes de África e América do Sur 3. Como non somos moi partidarios das teses polixenéticas, pensamos que esta amplísima distribución podería indicar que se trata de instrumentos cunha antigüidade moi superior á dos óboes duplos que non aparecen nin en América, nin en África central, nin no sur deste continente.

Para rematar coas tobas faremos só unha pregunta que ficará sen resposta: será o enorme aerófono cónico sen identificar que aparece nas iconografías dos vasos de Liria unha especie de toba? A semellanza morfolóxica é, desde logo, notable, sobre todo polo seu tamaño que é precisamente o que desconcerta aos especialistas. Acabamos de ver como Estrabón nos fala do uso do aulòs e o cornus polos habitantes do norte da península ibérica. O cornus era un gran instrumento de metal pertencente aos aerófonos de lingüeta membranosa, como as trompetas, que se empregaba nos exércitos romanos; consistía nun tubo enrolado, rematado nunha grande campá que asomaba por enriba da cabeza do que o sopraba. Posto que Estrabón escrebe baseándose fundamentalmente en testemuñas de militares que fixeran a guerra en Hispania, e supoñendo que os instrumentos do noroeste da península eran semellantes aos empregados no Levante, o que se pode deducir da coincidencia entre a cita de Estrabón e as iconografías mediterráneas, quizais un soldado ou oficial que vise un tocador dun instrumento semellante ao representado nos vasos de Liria, poderíao describir coma un cornus simplemente polo seu son e tamaño parecidos, malia que a forma dos instrumentos pouco se parece. En todo caso, chama moito a atención que nas iconografías de Liria apareza este gran aerófono a carón dos óboes duplos, e que en Galicia se conservase o uso de pipas de castiñeiro (óboes) a carón de grandes tobas.

Sabemos tamén que entre os romanos se empregou outro instrumento de lingüeta membranosa aínda máis parecido á toba, a tuba, herdada dos etruscos e consistente nun tubo recto e cónico de bronce, bastante longo (máis dun metro) e rematado nun pavillón lixeiramente ensanchado 4. Empregábana os soldados de infantería aínda que tamén tivo un uso ritual. Hai moitos exemplos da participación da tuba nos cortexos fúnebres a carón dos corni e a tibia (óboe duplo), polo que tamén é posible que o aerófono representado nos vasos de Liria fose un tipo de tuba. Sexa como for, o apelativo de toba, que se pronuncia na comarca da Fonsagrada cun o moi pechado, procede, con toda seguridade, directamente desta denominación.

Debemos comentar tamén que aerófonos de lingüeta dupla e tamaño semellante ás tobas documéntanse na iconografía altomedieval, caso da miniatura da cantiga 300 das Cantigas de Santa María (s. XIII), polo que o rastro destes enormes óboes na península ibérica parece non perderse a través do tempo.

As tobas non eran consideradas como instrumentos musicais, senón máis ben como un xoguete de rapaces, aínda que facelas ben era cousa considerada de bastante mérito. O seu carácter no noso sistema de cultura tradicional é absolutamente masculino.

Estes grandes óboes heteroglotos pertencen, na clasificación de Hornbostel e Sachs, ao grupo 422.112  dos óboes illados de tubo cónico.

Ver notas
  1. [1] Montagu, J. Origins and development of musical instruments. Plymouth, Scarecrow Press, Inc., 2007, p. 75.
  2. [2] Tranchefort, F.-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 251.
  3. [3] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 37.
  4. [4] Tranchefort, F.-R. Op. cit. p. 260.
Patrocinadores e colaboradores