Pipas do Bierzo

Pipa do Bierzo reproducida polo autor en madeira de nogueira. Fotografías Alba Vázquez Carpentier.


Tivemos a primeira referencia destes instrumentos do Bierzo a través de Tomás Rodríguez Fernández, neto de Tomás Rodríguez Gómez, (Rodanillo, Bembibre, León) nado no 1909, home que fora carreiro e ferreiro e que os construíra de adulto. O instrumento que puidemos ver contén exteriormente e do extremo proximal ao distal: un espigo, unha mesa, un fuste cónico con oito furados para os dedos de diámetro crecente cara ao extremo distal, un anel no fuste e o engrosamento do pavillón que contén tres furados non dixitais, como no caso da rosca. Este pavillón ía pechado por unha tampa de corno ou óso na que se practicaba un furado para deixar saír o son. Como en todos os clarinetes o furado interior é cilíndrico, duns 9 mm de diámetro. Así composta, esta pipa equipábase cunha lingüeta sinxela (pallón) fabricada de cana que supoñemos duns 7-8 mm de grosor polo tamaño do furado do orixinal aportado por Tomás Rodríguez, e que non debía ter moito máis de 5-6 cm de longo. Con este sinxelo clarinete así fornecido puidemos obter a seguinte escala (as desviacións indícanse en cents respecto da escala temperada):

Grao Afinación
Subtónica Re-20
Mi
Fa#-10
Sol#-40
La-30
La#+40
Do+10
Re+10
Mi-30

O instrumento orixinal estaba construído en madeira de nogueira empregando un torno, e tipicamente fabricábanse de raíz de uz, nogueira ou raíz de cerdeira.

Estas pipas, exactamente igual que no caso da rosca, tocábanse coa boca directamente ou metíanse nun fol dunha gaita de fol.

Máis tarde Luís Mondelo comonicounos o achado doutro informante en Valdueza (León) que posuía algún destes instrumentos que amosamos nunha fotografía. Como se poderá advertir, unha destas gaitas parece posuír no fuste unha lembranza de ornamentos semellantes ao da Rosca neses aneis incisos torneados sobre a madeira. Polo demáis, son instrumentos moi semellantes á pipa que acabamos de ver, salvo no detalle de que non se introducían nun fol e eran fabricados en madeira de sabugueiro.

Estamos a falar entón dun tipo de clarinetes moi semellantes e da mesma familia que a rosca do Baixo Miño, malia que as súas características non semellan tan arcaicas como as deste instrumento, pois faltan o resoador de corno, que é substituído agora por un pavillón de madeira feito no mesmo corpo do instrumento, e tamén falta o dentado do pavillón e a ornamentación en aneis do fuste, da que só se conserva un anel inmediatamente encima do pavillón da pipa de Rodanillo ou eses aneis incisos na gaita de Valdueza.

Os pavillóns de madeira destes e outros clarinetes semellantes deberon xurdir historicamente cando se trocou a cana, o material inicial dos antigos clarinetes, pola madeira, na que xa era posible tallar o pavillón. Agás o propio clarinete occidental de chaves, tipoloxicamente moito máis recente, non puidemos achar ningún instrumento tradicional semellante a estes instrumentos leoneses fóra da península ibérica, pois os que están construídos enteiramente en madeira adoitan ter dous tubos cantores paralelos, caso da gaita de fol de Linga, en Persia 1, a de Bosnia 2 ou o tulum turco 3. Na península ibérica, porén, aparecen instrumentos moi semellantes, fabricados enteiramente de madeira e cun engrosamento final formando o pavillón, como a chifla de Campoo (Cantabria) e a turuta de El Torno (Cáceres) 4, ou outros documentados en Teruel e Olea (Cantabria). Isto podería indicar que se trata dunha familia dentro dos albogues que gozou outrora dunha grande variedade.

Como a rosca, na clasificación de Hornbostel e Sachs modificada por nós, a pipa de Rodanillo e a gaita de Valdueza pertencerían ao grupo 422.221.2 das gaitas de fol con cantores de tipo clarinete, perforación cilíndrica e furados tonais.

Ver notas
  1. [1] Baines, A. Bagpipes. Ocassional papers on technology, 9. Ed. Penniman and B.M. Blackwodd. Pitt Rivers Museum. University of Oxford, 1960, p. 57.
  2. [2] Baines, A., Op. cit. p. 71.
  3. [3] Baines, A., Op. cit. p. 47.
  4. [4] Payno, L.A. “La chifla de Campoo”. En: Revista de Folklore. 1993 (13b) nº154, pp. 111-117.
Patrocinadores e colaboradores