Paxariño

É unha frauta globular que ten o corpo de barro coa forma dun paxaro. É un xoguete de nenos e nenas que se mercaba nas feiras. Componse dunha frautiña feita dunha canaveira aberta polos dous extremos, duns 5 cm de longo e uns 8 mm de diámetro, cun bisel en forma de media lúa na parte superior por onde se sopra. A parte inferior desta cana vai introducida nunha cavidade chea de auga, normalmente con forma de paxaro feita de barro e pintada de cores. Ao soprar pola frautiña, o aire bule na auga e produce un rechouchiar semellante ao dun paxaro. Tamén se fixeron enteiramente de barro cocido. Carlos Rei refire unha copla sobre este xoguete sonoro na súa obra Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 1:

Durme, meu meniño, durme,

que mañán imos á feira.

Mercareiche unha galiña

pra que toques a muiñeira

Non é desde logo un invento moderno, pois xa os romanos chamaban a este instrumento avicinum, e consistía nun recipiente cheo de auga onde se introducían unhas canas polas que ao soprar se imitaba o canto das aves 2.

Ver notas
  1. [1] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 161.
  2. [2] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 31.
Patrocinadores e colaboradores