O abellón

Trátase doutra manifestación musical que emprega o sistema respiratorio para emitir un son. Nalgúns lugares da Galicia rural existiu ata ben entrado o século XX o costume de facer o abellón nos velorios. Estas reunións funerarias convertíanse normalmente en auténticas festas con banquetes, xogos e risas entre os alí congregados, auténtico sistema compensatorio da fonda tristura dos familiares fronte á desaparición dun ser querido. Nós, como Antonio Fraguas y Fraguas 1 a través de Alfredo Brañas 2, témolo documentado en Vilanova de Arousa (Pontevedra) a través de Ramón Marín. Segundo os seus datos, consistía en que os familiares presentes no velorio se reunían arredor do morto e, collidos das mans formando un círculo, xiraban arredor do cadaleito dando pequenos brincos e emitindo un son zoante polo nariz: “mmmmmm”. Antes de facer o abellón os participantes pactaban as regras do mesmo: a fundamental era que non se podía parar de zoar, pero tampouco estaba permitido soltarse das mans, nin falar.

Parece que o abellón celebrouse ata os anos 1930 nalgunhas parroquias de Vigo (Pontevedra). Aurora Iglesias Vilar, natural de Sárdoma e avoa do noso amigo Xosé Henrique Costas, transmitiu algúns datos de grande interese. Lembraba que neste peculiar rito funerario o primeiro círculo de familiares púñase arredor do morto collidos das mans, e zoaban como abellóns. Despois dun anaco zoando sen parar, o máis vello dos presentes lanzaba un forte aturuxo e disolvíase entón o círculo. Así finalizaba o abellón. Parece ser que era xustamente a partir deste momento cando se consideraba que a persoa estaba verdadeiramente morta, e comezaba o loito por ela.

Alfredo Brañas describe o abellón como un xogo que se celebraba en moitos lugares e sempre en ocasións festivas como fiadeiros e ruadas; polo visto nas rías a mocidade pasaba a noite do velorio entre xogos e pasatempos, e estivo tan estendido o costume de facer o abellón neles que ir ao velorio acabouse chamando ir ao abellón. Brañas subliña que o abellón non é un rito funerario, senón un xogo que, de tantas veces que se levou a carón dos mortos, acabou facendo parte imprescindible dos velorios. Este autor protestaba en contra deste e outros costumes lúdicos que se desenvolvían nos velorios, empregando unha poesía da que reproducimos o anaco que describe o abellón:

E logo a mocedá precura axiña

que donde haxa difunto ou difuntiña

se faga un abellón para loitar;

e antre tumbos e bicos, eles, e elas,

andan todos alí ás apalpadelas

esmagando a moral nese apalpar

¡A familia do morto deshonrada!

¡este sofrindo!… ¡A mocedá noxada!

vel eiquí o que esprica o abellón,

esa festa tal vez das máis xudías,

que no lindo e vizoso país das Rías

é costume, feitizo e corrupción.

Na nosa opinión, que oabellón sexa só un xogo e non un rito funerario é máis que improbable, pois a asociación das abellas, os sons abordoados e zoantes e a morte son máis que evidentes e áchanse por todo o planeta. Cuba, Reigosa e Miranda apuntan que:“A abella simboliza a alma e a resurrección. Cando as almas volven da lúa fano en forma de abella, se cadra dispostas a se reencarnar. Por iso se di “O que mata unha abella ten cen anos de pena” 3. Moito máis alá, os cantores védicos, durante a recitación cantada dos textos sagrados murmuran un bordón moi grave sobre a sílaba sagradaHum (que forma tamén parte de moitosmantras 4 budistas) para imitar o zoar das abellas 5. Cando falamos das zoadeiras, agora un xogo infantil, xa vimos tamén como o seu zumbar estivo intimamente ligado cos ritos funerarios. Deste xeito, é moi posible que oabellón sexa a herdanza dalgún antigo rito funerario antigo, incluso poderiamos dicir moi antigo, no que o zoar comunal pretende axudar a alma do defunto a deixar este mundo. No recente traballo de Steven Mithen sobre a orixe da música e a linguaxe 6 este arqueólogo inglés expón como a música é unha actividade de grupo que reforza os lazos sociais e promove a cooperación dos grupos. A morte dun membro do grupo é sen dúbida unha ocasión onde se precisa consolidar e reafirmar os vínculos sociais. Por outra parte, este autor defende a existencia nos primitivos homínidos dunha protolinguaxe de carácter holístico(é dicir, non fragmentada en palabras, non compositiva, que expresa un significado como un todo), multimodal (que integraba vocalizacións e xestos), manipuladora (usada par influír no resto dos membros do grupo), mimética(que integraba a imitación de movementos e sons dos animais) e, sobre todo, musical. Será o abellón unha supervivencia deste tipo de protolinguaxe que axudaba a reforzar os vínculos e a cooperación dos grupos de homínidos? É unha hipótese máis que aventurada, desde logo, pois falamos duns 500.000 anos atrás, mais o abellón cadra á perfección co que se esperaría fose unha manifestación da protolingua proposta por Steven Mithen.

Ver notas
  1. [1] Fraguas y Fraguas, A. La Galicia Insólita. Tradiciones Gallegas. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Ed. do Castro. 7ª edición. A Coruña, 1999, pp. 58-61.
  2. [2] Brañas Menéndez, A. O avellón. Revista Gallega. Nº 260, 4 de marzo 1990.
  3. [3] Cuba, X.R., Reigosa, A. e Miranda, X. Diccionario dos seres míticos galegos. Ed. Xerais. 1999, p. 25.
  4. [4] Os mantras son expresións silábicas vocais sen significado, pero nas que o ritmo e a entoación son fundamentais para conseguir o seu efecto, están pois a medio camiño entre a linguaxe e a música e son un exemplo do que puido ser a protolingua dos homínidos.
  5. [5] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 238.
  6. [6] Mithen, S. Los neandertales cantaba n rap. Los orígenes de la música y el lenguaje. Ed. Crítica. Madrid, 2007.
Patrocinadores e colaboradores