Gaita de fol con dous punteiros

Como xa comentamos, a música dos países que rodeaban o Mediterráneo estivo dominada polos óboes duplos soprados directamente coa boca desde tempos moi antigos. Tanto foi así que, por exemplo, na cultura grega e romana existiron numerosísimos tipos de aulòs e tibias diferenciados polos seus tamaños, afinacións etc., que participaban en todos os acontecementos importantes da vida social do pobo e das clases superiores, como enterros, celebracións, música relixiosa, festas, xogos deportivos e representacións teatrais 1, 2. O costume de tocar estes instrumentos non se viu afectado simplemente porque se lles engadise un fol para aliviar o esforzo de tocalos coa boca. Seguramente ambos tipos de instrumentos, soprados con fol e coa boca directamente, compartiron escena durante séculos, mais pouco a pouco, os óboes duplos soprados coa boca foron sendo desprazados como “reis da música” polas gaitas de fol. Así, as gaitas ocuparon e ocupan exactamente o mesmo posto preponderante nas músicas tradicionais europeas que durante séculos ocuparon os óboes duplos.

Despois da desaparición case completa dos óboes duplos 3, e como proba da súa ascendencia, as gaitas de fol conservaron aínda durante moitos séculos os punteiros duplos. A abundancia de iconografías onde se representan este tipo de gaitas fainos supoñer que a hipótese de que nalgún momento despois da caída do Imperio Romano a gaita de fol desapareceu para ser reinventada máis tarde non ten visos de credibilidade, e isto por dúas razóns sinxelas: unha porque como dita un coñecido axioma da arqueoloxía, a ausencia de probas non proba a ausencia, e outro porque o principio de parsimonia ou economía, o denominado “navalla de Occam”, incítanos a pensar que en igualdade de condicións a solución máis sinxela adoita a ser a correcta. Así, a falta de novas sobre a gaita de fol durante os séculos escuros da alta Idade Media é, con toda seguridade, debida á xeral falta de datos sobre calquera asunto, e deducir disto unha desaparición dun instrumento para logo ter que reinventalo a principios da baixa Idade Media, tal e como propón Javier Campos na súa obra Fiesta identidad y contracultura 4, resulta cando menos pouco práctico.

Na nosa opinión nunca se deixaron de tocar as gaitas de fol, e a conservación ata hoxe de instrumentos con punteiros duplos, iso si, fóra de Galicia, é unha proba difícil de esquivar, como tamén o é a existencia de múltiples iconografías medievais por toda Europa que amosan estes instrumentos. O que si é certo é que nunca pensamos ter indicios da súa supervivencia en Galicia, e isto pese a que, como xa vimos moitas veces ao longo deste traballo, o noso instrumentario, sobre todo infantil, garda “cadeas evolutivas” case completas para algúns dos grupos instrumentais máis importantes como os tambores de marco, clarinetes, óboes, frautas e as propias gaitas de fol.

A historia que imos contar comeza hai uns sete anos cando Ramón Aparicio Montero nos chamou para indicarnos que tiña na súa posesión un estraño punteiro dun vello gaiteiro que acababa de rescatar dun incendio. O instrumento parecía por fóra un punteiro normal, coa súa mesa e o fuste cónico. Non entanto, no seu interior tiña dous furados cónicos labrados a man, con cadanseu xogo de oito furados para os dedos. É dicir, tratábase dun punteiro duplo que o gaiteiro fornecía con dúas palletas, labrado no mesmo taco de madeira. Desde logo era unha peza única e moi traballosa de realizar. Temos novas doutro punteiro semellante en Vilagarcía de Arousa. Por suposto, daquela non lle demos máis importancia que unha mera curiosidade fabricada por un espírito inquedo. Anos máis tarde coñecemos a Arturo Vázquez González (1944, Vilamoure, Punxín, Ourense) coñecido como “O gaiteiro de Freás” quen nos sorprendeu ao nos amosar varias gaitas fabricadas por el equipadas con punteiros duplos, esta vez totalmente separados, contendo un os oito furados dixitais normais, dos que só manexaba catro coa man esquerda, e o outro soamente os catro inferiores (da subtónica ao 4º grao) que manexaba coa man dereita. Cando interrogamos a Arturo sobre a procedencia da idea de construír ese instrumento contestounos que “saíran da súa cabeza, que nunca vira outra así”. Deste xeito, malia que xa nos preguntamos se realmente non existirían este tipo de gaitas ata hai pouco en Galicia, deixamos novamente o asunto en mans da creatividade, pois non coñeciamos ningunha iconografía galega que permitise trazar este tipo de instrumentos.

Pensamos que estas dúas coincidencias abondan para, polo menos, non descartar a existencia deste tipo de gaitas de fol en Galicia en tempos non moi afastados.

Ver notas
  1. [1] Péché, V. “Les tibiae, instruments de la scène romaine: l’exemple de la comédie et de la pantomime”. En: Ateliers. Instruments, musiques et musiciens de l’antiquité classique. Cahiers de la Maison de la Recherche. Université Charles-de-Gaulle-Lille 3. 1999, pp. 71-93.
  2. [2] Delattre, D. “L’apprentissage de la musique à Alexandrie à travers un contrat d’apprentissage d’aulete (13 a.C.). En: Ateliers. Instruments, musique set musiciens de l’antiquité classique. Cahiers de la Maison de la Recherche. Université Charles-de-Gaulle-Lille 3. 1999, pp. 55-70.
  3. [3] Lembremos que en Vilariño de Conso (Ourense) aínda puidemos documentar un destes instrumentos.
  4. [4] Campos, J. Fiesta, identidad y contracultura. Contribuciones al estudio histórico de la gaita en Galicia. Ed. Deputación de Pontevedra. Santiago de Compostela, 2007.
Patrocinadores e colaboradores