Gaita de catro voces

Gaita de catro voces

Este é o tipo máis complexo en canto a número de bordóns. Preséntase unicamente nas comarcas de Arzúa e Terra de Melide (A Coruña), así como en áreas lindeiras da provincia de Lugo, nomeadamente no concello de Friol. As gaitas de catro voces denomínanse así porque posúen catro tubos cantores: o punteiro e tres bordóns.

O roncón repousa sobre o ombreiro esquerdo do gaiteiro e vai equipado cunha lingüeta sinxela de cana (pallón ou palletón) cortada normalmente cara ao tubo cantor. Na comarca melidense achamos un xeito único en Galicia de cortar as lingüetas dos pallóns: trátase da apertura da lingüeta dende o mesmo nó, fragmentando este máis ou menos a un terzo da súa altura cunha navalla e levando a fenda ata a lonxitude desexada, quedando así labrada a lingüeta. Este tipo de pallón produce un son máis agresivo que os outros dous tipos presentes en Galicia, ademais, soporta o incremento da presión do fol sen variar a súa afinación con maior facilidade que os pallóns abertos doutros xeitos. Puidera ser que a aparición deste curioso tipo de lingüeta estea relacionado co costume dos gaiteiros desta zona de requintear nas pezas, é dicir, de empregar nas melodías ata o cuarto grao da segunda oitava do instrumento, característica que, como xa vimos, aparece só nas montañas do oriente lucense e máis alá en toda Asturias e parte occidental de Cantabria.

Os outros dous bordóns das gaitas de catro voces parten tradicionalmente dun único asento, situado no lateral dereito do fol, que ten forma de Y e que se denomina galleto. O máis longo dos dous, duns 35 cm de longo, denomínase ronquilla e consta de dúas pezas; vai equipada cun pequeno pallón e afínase coa tónica do punteiro unha oitava máis grave. Repousa sobre o brazo dereito do gaiteiro, portando tamén un pequeno freque como ornamento. O outro bordón, o máis pequeno, é idéntico ao ronquillo das gaitas de ronquillo e como aquel, afínase na dominante do punteiro na súa mesma oitava, pero nesta zona recibe o nome de grilleiro ou requinto, como recordatorio do seu estridente e agudo son. O grilleiro pode ser obturado, para permitir a afinación do resto da gaita de fol, mediante un tapón cónico de madeira que se introduce na súa parte distal. Este tapón está sempre presente, posto que desenvolve unha importante función.

Como no resto de Galicia, a madeira empregada preferentemente para a construción das gaitas de catro voces é o buxo, e non se ten documentada nesta zona ningunha gaita de fol antiga fabricada noutro tipo de madeira. Un dos principais obradoiros que servíu gaitas de catro voces para toda a parte central destas comarcas foi o de Antonio García que se achaba en Castro de Vilariño (Sobrado dos Monxes, A Coruña). En Anafreita (Friol, Lugo) temos tamén novas de dous obradoiros dedicados a este labor, que produciron a maior parte das gaitas de catro voces destinadas á parte oriental da zona. O máis vello destes dous obradoiros, e tamén o máis importante, pertencía a Manuel López e tivo continuidade co seu fillo Casimiro, que contaba 74 anos cando morreu en 1964.

As palletas coas que os gaiteiros melidenses fornecían os seus punteiros fabricábanse atando as canas a un tubo de metal bastante longo e fino. Este tubiño fabricábase enrolando unha pequena porción de latón nun ferriño fabricado a tal efecto. As follas destas palletas son normalmente pequenas e triangulares, faltando moitas veces a canga. Nesta zona as palletas chámanse tamén pipas, denominándose empipar o acto de empalletar a gaita.

Distribución das gaitas de catro voces a mediados do século XX.

Case todas as vellas gaitas de catro voces que puidemos estudar posúen punteiros afinados nunha tonalidade próxima ou superior ao Mib-Re, recibindo a denominación xenérica de gaitas ghrilleiras. Nesta zona un punteiro afinado nun ton próximo ao Do pode ser facilmente cualificado de tumbal. Temos observado que os gaiteiros desta zona desprezan as gaitas tumbais por motivos de sonoridade, penetración do son e afinación con outros instrumentos 1. Coñecen aínda outro tipo de gaitas de fol que denominan medianas, cunha afinación intermedia entre as ghrilleiras e as tumbais. Todos os portadores interrogados coinciden unanimemente en que os vellos gaiteiros dos que aprenderon empregaban sempre gaitas de fol ghrilleiras de catro voces, e comentan que as que non levaban os tres bordóns era porque llelos quitaban por diversos motivos.

Os punteiros das comarcas de Arzúa e Terra de Melide aseméllanse bastante aos achados nas montañas orientais de Lugo, pois os calibres internos son estreitos e acadan facilmente o requinteo destapando o furado posterior. As escalas que temos documentadas seguen o patrón básico da maior parte de Galicia: terceiro grao e subtónica rebaixados. Os máis anciáns dos gaiteiros entrevistados nesta zona conservaban aínda unha dixitación pechada case perfecta, idéntica á da zona oriental, e debemos resaltar que consideran esencial que os punteiros acaden o requinto (oitaveo) ata o cuarto grao agudo, empregándose este recurso en moitas das melodías que nesta zona temos recollidas. Moitos dos gaiteiros máis novos, porén, teñen xa esquecido este recurso.

Pola complexidade en número de bordóns que amosan estas gaitas de catro voces, e polas razóns que xa aducimos ao falar das gaitas de ronquillo, pensamos que esta tipoloxía podería datar de finais do século XVII ou principios do XVIII.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs modificada por nós, a gaita de catro voces pertencería ao apartado 422.412.4 das gaitas de fol con cantores de tipo óboe e con diversas combinacións de bordóns de lingüeta sinxela e dupla.

Ver notas
  1. [1] Fundamentalmente cos clarinetes, que nesta zona eran recortados no barrilete para que, ao ser tocados na segunda oitava e coa dixitación da gaita de fol, soasen nunha tonalidade próxima ao Re, a máis frecuente nesa zona.
Patrocinadores e colaboradores