Gaita de cana ou sabugueiro con fol

Gaita de sabugueiro con bordón feita coa pelica dun cabrito. Da colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Son gaitas de fol moi antigas. Seguramente as primeiras gaitas de fol que apareceron no mundo tiñan unha morfoloxía moi semellante senón idéntica a estes instrumentos galegos. As gaitas de fol non son un invento orixinal por completo, todas xorden despois de acolar un fol a un aerófono de lingüeta que normalmente xa existía na cultura onde se produce esa transformación, é dicir, aparecen despois de atar un instrumento soprado directamente coa boca nun depósito para o aire que agora se enche a través doutro tubiño, o soprete. Pensamos que a razón desta transformación estivo en aliviar o esforzo que supoñía ter que soprar continuamente no tubo cantor para obter un son sen interrupcións, pois foi moi normal que os aerófonos soprados directamente coa boca se tocasen coa técnica da respiración circular. Deste xeito, é o fol o que dá carácter propio e cohesión interna ao gran grupo das gaitas fol, por outra banda tan diverso tanto en Galicia como no resto do vello mundo. Sen querer trasladar a máxima da ciencia biolóxica “a ontoxénese rememora a filoxénese” directamente aos feitos culturais, non podemos deixar de apreciar que é moi curioso comprobar como o mesmo fenómeno que ocorreu durante a historia das gaitas de fol hai máis de dous mil anos, se rememora de novo durante a aprendizaxe tradicional dos gaiteiros, que comezan tocando en instrumentos soprados directamente coa boca, como as pipas de alcacén ou as gaitas de cana ou sabugueiro, para despois engadirlles un fol pasando máis tarde a tocar gaitas de fol con cantores de tipo óboe que, lembremos, son máis modernos que os de tipo clarinete.

Estas gaitas de fol con cantores cilíndricos, de cana ou sabugueiro, fornecidos con lingüetas sinxelas (pallóns) achámolas en practicamente toda Galicia, faltando só naquelas áreas onde as montañas acadan unha maior altitude, concretamente nas zonas montañosas do oriente lucense e ourensán como A Fonsagrada, Os Ancares, O Cebreiro e O Courel. Curiosamente, esta zona coincide bastante ben con aquela onde os gaiteiros se adestraban de nenos usando pipas de castiñeiro.

A denominación tradicional destes instrumentos é gaitas de fol, mais os tocadores refírense a elas frecuentemente como gaitas, engadíndolles algún adxectivo que indique o material con que eran fabricados os tubos cantores; deste xeito, xorden apelativos como gaita de cana, gaita de sabugueiro ou gaita de bieiteiro. Posto que a “gaita galega” ou gaita de fol galega máis coñecida, a que leva un punteiro ou tubo cantor fornecido cunha lingüeta dupla, a palleta, é denominada tamén de xeito tradicional como gaita ou gaita de fol, evitaremos equívocos con este e outros instrumentos aquí tratados, usando o apelativo de “gaitas de cana con fol” para referirnos aos aerófonos de lingüeta sinxela dotados de fol, tendo sempre presente que poden ser elaborados tamén con sabugueiro.

Como xa dixemos, estes sinxelos instrumentoseran fabricados polos propios tocadores engadindo un fol a calquera das diferentes variedades de aerófonos de lingüeta sinxela que xa vimos, como as gaitas de cana, gaitas de sabugueiro e incluso ás pipas de alcacén, malia que isto era máis raro debido á súa fraxilidade. Deste xeito, os tubos cantores destas gaitas de fol podían ser idioglotos 1 ou heteroglotos e levar lingüetas de cana, sabugueiro ou talo de gramínea, mais, como a súa fabricación esixía un traballo moito maior que os instrumentos soprados directamente coa boca -posto que hai que conseguir e curtir un fol- os tubos cantores eran moitas veces de feitura máis acabada e máis complexos que os dos aerófonos soprados directamente coa boca, indo fornecidos con oito furados tonais, o que permitía obter unha oitava completa cunha tónica superior e unha subtónica. Os buratos ábrense sempre empregando un ferro ardente, calculándose a distancia entre eles polo método que xa temos explicado. A súa correcta afinación acádase abríndoos ou pechándoos 2, sendo o peche dos furados un refinamento que non se aplica normalmente ás gaitas de cana ou sabugueiro sopradas directamente coa boca. Do coidado que se poñía na súa feitura facilmente se deduce que con estes instrumentos era posible executar calquera melodía propia da gaita de fol ou do canto tradicional.

Outra particularidade das gaitas de cana con fol é que os tubos cantores poden posuír un, dous ou tres furados non tonais (orellas) encamiñados unicamente a mellorar a sonoridade do tubo cantor. Estes furados non dixitais nunca aparecen nos clarinetes soprados directamente coa boca.

A maior complexidade das gaitas de cana con fol non remata aquí, posto que estes instrumentos podían estar dotados dun bordón, dun roncón. Este fabricábase exactamente igual que o tubo cantor e ía fornecido, unicamente, dun ou dous furados que permitían a súa afinación coa tónica do cantor, na súa mesma oitava, mediante a súa coidadosa abertura ou peche usando cera ou miolo de pan. Algo máis raros, pola súa maior dificultade de fabricación, eran os bordóns que emitían a tónica do cantor dúas oitavas por debaixo, como na gaita de fol corrente. Tanto os tubos cantores como os roncóns destes instrumentos atábanse directamente ao fol, malia que os máis mañosos tamén lles podían poñer uns asentos ou buxas 3 que permitisen sacar e meter os tubos sen ter que desatalos e así poder manexar e recambiar as lingüetas con maior facilidade sen ter que desatar os tubos do fol de cada vez.

Os sopretes das gaitas de cana con fol, é dicir, os tubos a través dos que se insufla aire no fol, fabricábanse adoito co mesmo material que o tubo cantor e tamén se ataban directamente ao fol. O retorno do aire cara á boca do tocador podíase impedir por tres métodos: o máis sinxelo, e tamén o máis frecuente, era obturar a punta do soprete coa lingua; o segundo, que puidemos documentar unicamente en Tordoia (A Coruña), consistía en adaptar un pallón coa lámina moi delgadiña, na parte distal do soprete, é dicir, naquela que queda introducida no fol 4. O terceiro xeito de impedir o retorno do aire era semellante ao empregado nas gaitas de fol, é dicir, dispoñer un pequeno recorte de coiro na parte distal do soprete, máis isto é complicado debido á finura da parede dos sopretes feitos de cana ou sabugueiro.

Os foles fabricábanse decote mediante o curtido dunha vincha de porco, becerro, vaca, ou calquera outro animal de tamaño grande, malia que tamén se fixeron curtindo pelicas de cabrito ou, menos frecuentemente, de gato ou de can. O procedemento de curtido das vinchas consistía no seu coidadoso lavado e posterior mazado contra unha pedra ben lisa. Despois de golpear e refregar a vincha repetidas veces contra a pedra, e empregando un tubiño de cana ou sabugueiro, enchíase de aire para que estirase todo o posible; máis tarde baleirábase de aire e seguíase mazando e enchendo de aire ata que se acadaba un tamaño adecuado. Unha vez conseguido isto, a vincha enchíase novamente de aire e atábase para que este non escapase, pendurábase dun canizo e afumábase durante uns días ata que ficaba perfectamente enxoita e curada, momento no que xa se podía usar como fol.

O curtido das pelicas era mais complexo e facíase de moitos xeitos diferentes dependendo da zona. O procedemento máis sinxelo consistía en deixar o pelo do animal no interior do fol e fregar e golpear o seu exterior contra a cortiza dun carballo ata que acadase a textura requirida á vez que apañaba taninos da codia da árbore. Un procedemento algo máis complexo era deixar a pelica mergullada nunha corrente de auga ata que podrecía lixeiramente e se lle podía arrincar o pelo con facilidade; unha vez limpa de pelo, a pelica lavábase coidadosamente e deixábase secar, entón xa se podía usar como fol. Outro procedemento diferente consistía en enterrar a pelica en estrume de ovella ou cabalo. Alí mantíñase uns nove días ata que o pelo se deixaba arrincar con certa facilidade, entón procedíase como no caso anterior. Noutros lugares enchían a pel cunha masa feita con farelo, sal, auga e lévedo antes de enterrala no estrume.

Outros xeitos máis complexos inclúen o verdadeiro curtido da pel con sales de alume e seu posterior adobiado con diversas mesturas que conteñen taninos, mais este procedemento era máis típico dos construtores profesionais de gaitas de fol que dos afeccionados que construían a súa propia gaita de cana ou sabugueiro, debido a que os sales e os outros compostos químicos empregados raramente estaban á disposición de calquera.

Para tocar as gaitas de cana con fol o tocador situaba o fol debaixo dun brazo e enchéndoo de aire a través do soprete, manexaba o tubo cantor cos dedos das mans.

Estas gaitas de fol con cantores de lingüeta sinxela (tipo clarinete) asócianse normalmente co norte de África, Asia e a zona oriental de Europa, mentres que as dotadas de cantores tipo óboe, é dicir de lingüeta dupla, relaciónanse coas zonas occidentais de Europa. Como vemos aquí, esta idea non é máis que unha verdade a medias, froito do descoñecemento xeneralizado que no occidente temos dos nosos instrumentos tradicionais. Debemos apuntar que as gaitas de fol con cantores de tipo clarinete eran, ata hai ben pouco, descoñecidas para os estudosos en Galicia, e este é o segundo traballo do autor que dá conta delas 5. Durante o desenvolvemento do noso traballo de campo tivemos a oportunidade de documentar outros dous tipos máis de gaitas de fol con punteiros de lingüeta sinxela, a rosca do Baixo Miño e a pipa do Bierzo. Falaremos deles nos seguintes apartados.

As gaitas de cana e sabugueiro con fol foron construídas normalmente por rapazotes cun interese marcado pola música, é dicir mozotes que querían ser gaiteiros e que xa tiñan práctica en tocar e construír gaitas de cana ou sabugueiro. Unha vez que dominaban estes instrumentos con fol era moi normal que os seus pais, avós ou algún familiar se decidise a realizar o investimento de lles mercar unha gaita de fol feita por un artesán, e dicimos investimento porque unha gaita de fol deste tipo viña a custar aproximadamente o mesmo que unha vaca, polo que, en tempos de pobreza, este desembolso era máis que considerable. Así e todo, se o rapaz demostraba un bo manexo destes sinxelos instrumentos, era garantía de que se podería defender coa gaita de fol e, por tanto, de que podería proporcionarlle á casa un diñeiro extra, froito das súas actuacións e que normalmente non era nada desprezable. Así pois, estas antigas gaitas de fol foron importantes instrumentos de aprendizaxe dos futuros gaiteiros. A súa consideración oscila entre o xoguete tocado por nenos para adestrar en solitario, e o verdadeiro instrumento musical, xa que non faltaron rapaces que ían aos fiadeiros e ruadas a tocar con elas para facer algún baile. As gaitas de cana con fol xogaron un papel moi importante no desenvolvemento musical de moitos dos nosos gaiteiros tradicionais.

Hoxe estes instrumentos áchanse nun estado de práctico abandono polos músicos galegos das novas xeracións, pois estes aprenden xa nunha escola especializada empregando directamente unha gaita de fol feita por un artesán; con todo, debemos destacar que este tipo de aprendizaxe actual priva os novos gaiteiros de toda a experiencia en fabricación de palletas, pallóns e foles que os gaiteiros tradicionais tiñan, e fainos dependentes dos artesáns que fornecen as lingüetas e os foles.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs as gaitas de fol aparecen simplemente como un derivado dos aerófonos de lingüeta aos que se lles engade un fol. Esta acción sinálase coa adición ao apartado no que se encadra o tubo cantor dun sufixo que indica a presenza deste depósito. Como explicamos ao falar desta clasificación, a complexidade e diversidade do grupo das gaitas de fol pensamos que xustifica plenamente a creación dun apartado especial para elas, o 422.4. Dentro del, os instrumentos con punteiros de tipo clarinete (lingüeta sinxela) pertencerían ao grupo 422.42 que incluiría aquelas con punteiros idioglotos (422.421) e aqueloutras con punteiros heteroglotos (422.422). As gaitas de cana con fol das que estamos a falar nunca inclúen un resoador no extremo do punteiro e, polo tanto, pertencerían ao grupo 422.422.1.

Ver notas
  1. [1] Galicia é o único lugar do mundo, que nós saibamos, onde se conservan gaitas de fol con cantores de tipo clarinete idioglotos.
  2. [2] A operación de pechar un furado aberto de máis realizábase pegando nas paredes do burato un pouco de cera quente ou unha miga de miolo de pan lixeiramente mastigado.
  3. [3] Cilindros de madeira que van atados ao fol por un dos seus extremos e nos que se introduce, no outro extremo, o tubo que sona. Serven ademais, se teñen a suficiente lonxitude, para protexer as lingüetas.
  4. [4] Este método foi recentemente recuperado no obradoiro dos Seivane que inclúen agora no soprete das gaitas de fol un mecanismo moi semellante a un pallón, denominado comercialmente Seipón, pero coa lingüeta de goma.
  5. [5] Carpintero, P. ”Gaitas e gaitas de fol galegas con cantores tipo clarinete”. En: Etnofolk. Revista Galega de Etnomusicoloxía. Xuño 2008, nº 11, pp. 46-58
Patrocinadores e colaboradores