Gaita de cana, gaita de sabugueiro

Gaita de cana con pallón de palla de centeo. Da colección do autor. Fotografías Alba Vázquez Carpentier.

Trátase dun segundo tipo de clarinetes sinxelos, moi semellantes aos que acabamos de describir, pero esta vez fabricados de madeira, sexa cana (Arundo donax) ou sabugueiro1 (Sambucus nigra). Aparecen distribuídos por toda Galicia agás nas montañas do oriente de Lugo e Ourense e denomínanse xenericamente gaitas. Curiosamente puidemos documentar tamén estes instrumentos en San Martiño de Trebello, zona de fala galega da Serra de Gata (Cáceres), onde os coñecen co nome de gaitas galegas. A cana e o sabugueiro teñen un furado interno natural e forman un tubo no que se practican de tres a oito buratos tonais; no caso de seren oito os furados, o primeiro é sempre posterior. O lugar dos buratos elíxese polo procedemento que xa vimos explicando e practícanse coa axuda dun ferro quente, abríndoos máis ou menos segundo a afinación que se queira conseguir. O son do instrumento acádase mercé a unha lingüeta sinxela (pallón) que pode ser labrada directamente no corpo do instrumento ou ben ser fabricada por separado e acolada ao extremo superior do tubo, producindo un instrumento moi semellante aos cantores de moitas gaitas de fol do oriente europeo. Neste segundo caso, as lingüetas adoitan a ser elaboradas do mesmo material que o tubo cantor, mais por veces poden ser feitas doutro diferente; así, é frecuente acolar lingüetas labradas en pallas de centeo ou trigo a finos tubos de cana ou fornecer con lingüetas de sabugueiro instrumentos feitos de cana e viceversa.

No Bierzo temos documentado tamén un tipo moi curioso deste instrumento denominado alí pipa de sabugueiro. Tomás Rodríguez informounos de que o seu avó construía sinxelos clarinetes de sabugueiro como os que vimos de describir, facíanos os rapaces que pastoreaban no monte, fornecéndoos con seis furados tonais pero, sorprendentemente, estes eran cadrados. Esta curiosa e rara característica preséntase só nalgúns antigos aerófonos, entre eles na launeddas de Sardeña (xa documentado en estatuíñas anteriores ao século V a.C.), nunha das gaitas de lingüeta sinxela con resoador de corno descritas por Anthony Baines en Albania 2, no péschtschiki ou chaleika usada polo pobo Belgorod da Rusia meridional, ou mesmo nun instrumento propio de Horesm (Uzbequistán) denominado qoshnai 3. Opinamos que a presencia de furados cadrados podería estar moi relacionada coa antigüidade dos instrumentos. As primeiras ferramentas cortantes que o home desenvolveu foron as coitelas de pedra. Se quixésemos facer un furado nunha peza de cana con unha delas, sería moito máis fácil facelo alongado que redondo, pois para facelo circular teriamos que xirar a ferramenta sobre a súa punta e a cana ficaría toda desfiañada debido á súa natureza fibrosa e a que estas coitelas estaban deseñadas para cortar nun desplazamento lonxitudinal. Pero realizando con esta coitela un furado cadrado, a ferramenta fai aquilo para o que foi deseñada: cortar. Pola contra, para facer un furado redondo nunha peza de madeira ou cana o máis sinxelo e eficaz é empregar un ferro quente, e esta ferramenta non aparece ata o neolítico.

As sinxelas gaitas de cana ou sabugueiro, propias de nenos, aparecen mencionadas moi poucas veces nas coplas tradicionais, quizais por dúas razóns: primeiro porque as mulleres (nenas), principais responsables da súa composición, empregaron pouco ou nada este tipo de instrumentos, e segundo porque os que fan as coplas son normalmente adultos. En todo caso, Carlos Rei aínda foi quen de achar unha copla na que se refire o uso dunha gaita de sabugueiro:

Eche moi habilidoso

o pícaro do Merlucho,

que fixo un chichiribío

co ramalliño dun sucho.

Onde sucho é, como observa este autor, “o cañoto dun sabugueiro, co que unha vez vaciado [sic] cun punzón ou unha rama fina podíase facer un silbato [sic] ou unha pequena frauta4.

Este tipo de gaitas fabricadas de madeira constan normalmente dun só tubo cantor. Por agora só temos achado gaitas duplas fabricadas de cana ou madeira en Punxín (Ourense). A existencia destes instrumentos fabricados con pallas en varios lugares de Galicia, indica que nalgún tempo puideron existir en moitos outros lugares. Os clarinetes duplos feitos en cana áchanse, como as pipas de alcacén, entre os primeiros instrumentos documentados nas grandes culturas da antigüidade. Foron moi empregados no mundo semita, en Exipto e en Mesopotamia 5, onde se construían de madeira, metais preciosos e mesmo con lapislázuli. Estes achados arqueolóxicos aproxímannos á enorme antigüidade deste tipo de aerófonos.

Se estes instrumentos non chegaron á península ibérica e a Galicia en mans dalgúns dos seus primeiros poboadores, hipótese pola que desde logo nos inclinamos e que polo de agora non se pode descartar pero tampouco probar, é posible que o fixesen máis tarde como resultado das influencias culturais mediterráneas que a península ibérica e Galicia, seguramente nun grao moito menor 6, sufriron entre os séculos VIII e III a.C. Esta hipótese difusionista xa foi apuntada polo profesor García Matos no seu traballo sobre o reclam de xeremies 7, un clarinete duplo fabricado de cana que aínda sobrevive na illa de Ibiza. Apoian esta hipótese os achados arqueolóxicos que indican unha temperá presenza deste pobo de navegantes no extremo occidental do Mediterráneo 8, aínda que, por outra parte, os intercambios comerciais non son tampouco garantía de transferencias culturais. Para máis información sobre este tipo de sinxelos clarinetes pódese consultar a xa clásica obra de Anthony Baines Bagpipes 9.

Tanto no tocar das pipas de alcacén, con ou sen bordón, como no destas gaitas de cana e gaitas de sabugueiro, non achamos en Galicia, ata a data, ningún vestixio de respiración circular 10, o que podería indicar unha diverxencia temperá respecto a outros instrumentos da mesma familia á que pertencen, por exemplo, o alboka vasco ou toda a familia dos clarinetes duplos norteafricanos, instrumentos que si son tocados con este tipo de técnica respiratoria que só puidemos documentar en Galicia asociada ás cornetas. Esta sinxela evidencia soporta a hipótese dun uso moi antigo destes instrumentos en Galicia.

Por último, comentemos que estas gaitas de cana e sabugueiro valeron tamén como instrumentos de aprendizaxe para futuros gaiteiros, constituíndo un dos seus pasos esenciais. Como proporcionaron lecer a moitos nenos, dentro do noso sistema de cultura tradicional son consideradas máis ben como xoguetes que como instrumentos musicais. Así e todo, unha gaita de cana ben construída pode ofrecer un partido musical extraordinario se é ben manexada e construída, xa que logo, dependendo de quen a toque e con que habilidade o faga, pode ser considerada como un verdadeiro instrumento musical.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs pertencen ao grupo 422.221.2 “clarinetes cilíndricos, dun só tubo con furados tonais”.

Ver notas
  1. [1] Esta árbore recibe tamén en Galicia o nome de bieiteiro ou bianteiro.
  2. [2] Baines, A. Bagpipes. Ocassional papers on technology, 9. Ed. Penniman and B.M. Blackwodd. Pitt Rivers Museum. University of Oxford, 1960, p. 44.
  3. [3] Montagu, J. Origins and development of musical instruments. Plymouth, Scarecrow Press, Inc. 2007, pp. 87 e 88.
  4. [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Inédito, p. 132 do orixinal manuscrito.
  5. [5] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión, Buenos Aires 1947, p. 70.
  6. [6] Malia que as influencias orientais en Galicia parece que foron simples intercambios comerciais, na zona mediterranea foron considerablemente máis fortes e co tempo puideron ir acadando as nosas terras.
  7. [7] García Matos, M.“Las xeremies de la isla de Ibiza”. Anuario Musical, 1954, pp. 162-178.
  8. [8] Moscati, S. Los Fenicios. Ed. Folio S.A., 1988.
  9. [9] Baines, A. Bagpipes. Occasional papers on technology, 9. Ed. Penniman and B.M. Blackwodd. Pitt Rivers Museum. University of Oxford, 1960, pp. 27-68.
  10. [10] Esta técnica permite emitir son co instrumento sen que este cese para coller alento; isto conséguese almacenando aire nas fazulas e expulsándoo apertando estas, mentres polo nariz se volven a encher os pulmóns de aire.
Patrocinadores e colaboradores