Gaita con bordón paralelo ao punteiro

Roncón e ronquilla achados por Luís Alberto Mondelo Sánchez na Maragatería (León). Compárense os torneados con aqueloutros das gaitas de barquín de Estás (Tomiño). Fotografías de Luís Mondelo.

Xa comentamos ao falarmos da gaita de barquín que Luis Mondelo, renomeado tamboriteiro, nos ensinara os restos dunha gaita de fol achada na Maragatería (León) que constaban dun punteiro, un roncón e unha ronquilla desde logo de bastante antigüidade a xulgar pola cor da madeira e os torneados. Porén, a ausencia das buxas e do vestido desta gaita de fol impídennos comprender este achado no marco dunha zona onde a priori só existiu a tipoloxía de gaita de fol sinxela. A sorpresa veu hai ben pouquiño, cando puidemos visitar en Compostela a exposición de gravados antigos galegos de Carmelo Puertas Mosquera, agora editada polo Consorcio de Santiago de Compostela nun luxoso volume titulado Galicia no gravado antigo 1 e da que traemos varios gravados a esta obra amablemente cedidos polo seu dono. Alí vimos unha xilografía que Eugenio Vela realizou sobre un cadro de Jules Worms (1832-1924) 2 pintado en París en 1871 e publicada con anterioridade en La Ilustración Gallega y Asturiana 3. Worms foi un reputado pintor costumista e nesta obra apréciase un baile de dúas parellas diante dunha tasca; a música póñena unha muller que bate nunha gran pandeira de catro ferreñas que acompaña a un gaiteiro que toca nunha gaita de fol cunha ronquilla disposta de xeito paralelo ao punteiro. Podemos pensar que sendo Worms francés, ben puido estar representando unha gaita francesa como a cornemuse bourbonnaise ou a chevrette nas que un bordón pequeno corre deste mesmo xeito, paralelo ao punteiro, é posible, pero debemos observar que o nivel de detalle do cadro e a súa adecuación á tradición da zona oriental é asombroso, e denota un fondo coñecemento do asunto: o deseño da pandeira e a súa posición, as castañetas nas mans dos bailadores, os traxes e monteiras dos alí representados etc. Desde logo é difícil pintar todo isto de memoria se non se tomaron os apuntes debidos in situ. O achado de Luís Mondelo e esta iconografía pensamos que son razóns abondo para, polo menos, traballar coa hipótese de que no Bierzo, Maragatería e zonas meridionais de Asturias puido existir ata non hai moito esta tipoloxía de gaita de fol.

Ver notas
  1. [1] Conde, J. (Coordinador). Galicia no Gravado Antigo. Colección Puertas Mosquera. Ed. Consorcio de Santiago. Santiago de Compostela, 2007, p. 45.
  2. [2] Pintor e ilustrador francés do século XIX, amigo de Fortuny e interesado no costumismo español.
  3. [3] La Ilustración Gallega y Asturiana. Tomo I, nº VII, 10 marzo de 1879.
Patrocinadores e colaboradores