Fungo, fungadeira, bufagatos

O segundo tipo de zoadeira que achamos en terras galegas denomínase fungo, fungadeira ou bufagatos, seguramente debido ao seu son nasal, moito máis agudo que as zoadeiras que vimos de describir. Na súa confección emprégase un óso da uña dun porco (un dos metacarpianos), unha taboíña rectangular, unha noz, un disco de madeira ou metal, ou mesmo un botón grande. Calquera destes elementos é atravesado con dous furados por onde se pasa un cordel que vai atado xuntando os seus extremos de xeito que forma un círculo pechado. Con cada man tense conta dun dos extremos do círculo e imprímese un movemento circular ao fungo conseguindo que o cordel se vaia enroscando sobre si mesmo á vez que a súa lonxitude diminúe. Cando está case completamente enroscado, sepáranse con forza as dúas mans para que a corda recupere a súa lonxitude orixinal. Isto produce un desenrolamento rápido da corda que obriga ao fungo a xirar producindo un son zoante e xordo ao mesmo tempo que enrola a corda no sentido contrario, o que se aproveita para facelo xirar de novo.

Cando os fungos se fabrican dun círculo de madeira, adoitan a levar, todo de arredor, un dentado. Posto que os círculos dentados adoitan asociarse con cultos solares, e estes estiveron relacionados decote co culto aos mortos, é posible que os ornamentos dentados que levan arredor algunhas fungadeiras galegas tiveran outrora este senso, o que as sitúa de novo neste contexto. Os fungos son tamén, como as zoadeiras que vimos no apartado anterior, instrumentos universalmente coñecidos. Sabemos que no sur de África tiveron usos rituais e foron instrumentos secretos ligados a cultos mortuorios ou a ritos iniciáticos 1, pero nada sabemos do seu uso nas antigas culturas peninsulares; unicamente podemos dicir que en Galicia aparecen en mans de nenas, nenos, rapazas e rapaces, teñen a consideración de xoguetes e carecen completamente do estatus de instrumento musical.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs situaríanse, como as zoadeiras que tratamos no apartado anterior, dentro do grupo 411 “aerófonos libres de desviación”.

Ver notas
  1. [1] Tranchefort, F.-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 204.
Patrocinadores e colaboradores